Servizos

EGANET proporciona un amplo abanico de servizos e programas ás súas empresas asociadas. 

Servizos directos.-
a) Utilización das salas do local.

- Sala de xuntas, para poder reunirte en Santiago con clientes, provedores ou simplemente co persoal propio da empresa.
- Gabinete de tránsito, sendo Santiago a cidade administrativa de Galicia, sabemos que son moitas as horas nas que simplemente estamos á espera da seguinte xuntanza. Este espazo está destinado a cubrir as necesidades de infraestrutura de traballo para ese “tempo de espera”. As empresas poden traballar desde o local no que contamos con acceso a internet (wifi), copiadora, impresoras, fax e computadores.

b) Tramitación de documentación. Precisas entregar documentación ante a administración e non podes desprazarte? O persoal de Eganet faino por ti.

c) Gabinete de prensa. EGANET ofrece o servizo de envío de notas de prensa dos actos e novas que xeneren as empresas socias.

d) Lista de distribución interna entre socios. Rede social de todos os contactos dos socios de Eganet que permite difundir información, facer consultas, ofertas, etc.

e) Servizos do portal www.eganet.org. Actualmente estanse a desenvolver varios portais de uso exclusivo para socios nos que se poderán emitir facturas electrónicas, un portal de e-Democracia no que se poderá debater e votar con total seguridade sobre temas que atinxan a asociación, un portal para o depósito de código fonte e un portal para a tradución automática, especializado na gramática do sector, para os pares de idiomas castelán-inglés-portugués.

f) Bolsa de emprego. Debido as dificultades, cada vez maiores, do sector para contratar persoal cualificado, temos a disposición das empresas socias unha bolsa de emprego na que se poden atopar distintos perfís profesionais ou anunciar a súa propia demanda de persoal.

g) Rede negociada de provedores. Debido ao poder negociador da entidade, por representar a un conxunto de empresas, é posible acadar descontos ou condicións preferenciais en certos produtos ou servizos complementarios para as empresas socias, tales como servizos xurídicos, cursos de formación, servizos de mantenemento, etc.

h) Formación. Organízanse cursos de formación específicos segundo as demandas das empresas. Chegamos á realización de convenios con distintas entidades que desenvolven cursos coa finalidade de ter unha maior posibilidade de oferta de formación para que as empresas poidan elixir de xeito gratuíto ou con vantaxes económicas.

i) Servizos xerais.

- Representación dos intereses das empresas do sector ante terceiros (AA.PP., axentes tractores...)
- Información de subvencións, axudas e liñas de financiamento. Envíanse boletíns periódicos con información moi específica e filtrada de interese sobre concursos públicos a nivel estatal.
- Escolma de prensa de interese.- Diariamente remítese un boletín de prensa na que se recollen as novas de interese.
- Boletín informativo EGANET.- Cada venres remítese un boletín informativo das novas que se produciron durante a semana.
- Solicitudes, xestión e organización de subvencións de interese común.
- Coordinación para a realización de proxectos.
- Coordinación de proxectos en cooperación.
- Difusión de estudos e datos relativos ao sector.
- Difusión de demandas (empresas que buscan provedores ou cooperadores, profesionais en busca de emprego, etc.)

Accións constantes e abertas.-
a) Xornadas informais. Unha vez ao mes facemos convocatoria de xuntanza para que as empresas asociadas poidan relacionarse e poñer en común os proxectos, necesidades e dificultades que poidan ter. Un xeito de chegar á cooperación.

b) Xuntanzas informativas da Xunta Directiva. Nestas infórmase das reunións que se mantiveron coas institucións, entidades, etc. Unha fórmula que nos permite explicar polo miúdo o “que nos van contando”

c) Asembleas. Como asociación temos a obriga de celebrar 1 anualmente e sempre nos primeiros 3 meses do ano. Ademais desta obriga, Eganet convoca Asembleas Extraordinarias para que as empresas asociadas poidan debater e tomar acordos en puntos estratéxicos asociativos, un xeito de potenciar a integración e a participación activa.

d) Charlas e conferencias. Abrimos dúas liñas para achegar as novas tecnoloxías á sociedade, a primeira céntrase nos centros de ensino de secundaria e a segunda nos concellos. Con elas pretendemos informarlle por un lado aos estudantes das necesidades e perfís profesionais que está demandando o noso sector; polo outro lado achegarnos, a través das entidades locais, ás asociacións empresariais coa mensaxe dos beneficios e usos das novas tecnoloxías. Nestas charlas/conferencias poden participar, ademais do persoal propio da asociación, as empresas asociadas que teñan interese.

Finalmente, indicar que Eganet está aberta a participación activa das empresas asociadas, e que son estas as que marcan as liñas de traballo.

Así mesmo, Eganet colabora de forma continua con outras entidades de carácter similar, como a Asociación Nacional de Empresas de Internet (ANEI), cuia representación en Galicia ostenta EGANET, con entidades portuguesas como MinhoDigital.com e BicMinho. EGANET está adherida á Confederación de Empresarios de Pontevedra, formando parte do seu Comité Directivo, e impulsando as actividades do  Comité de Novas Tecnoloxías nesta entidade. Tamén forma parte da Fundación Innovapyme e da Plataforma Vindeira.