Estudo e misión comercial a Brasil

Durante o ano 2011, un dos eidos de traballo de Eganet foi o desenvolvemento de liñas de apoio e información para a tan necesaria internacionalización das empresas TIC, que se materializou nun Estudo de Mercado e nunha Misión Comercial.

Ao amparo das liñas de axuda do IGAPE publicadas o 2 de febreiro de 2011 no DOGA, prantexamos un estudo, análise e elaboración dun plan estratéxico para que as empresas de EGANET poidan abordar o seu desenrolo de negocio no país de destino cunha información previa e unhas recomendacións sobre estratexias de penetración no mercado que lle permita mellorar as súas expectativas de éxito.

O mercado elixido foi Brasil, obedecendo a unha lóxica global de abordar mercados estratéxicos e emerxentes.

ESTUDO DE MERCADO BRASIL-SECTOR TIC

O primeiro paso que debe dar unha empresa para expandir o seu negocio a novos mercados é minimizar os riscos mediante unha planificación correcta e un coñecemento do que pode implicar acometer procesos deste tipo. A través da colaboración con Eganet, e con carácter previo ao devantido proceso de internacionalización, elaborouse o estudo de mercado previo á creación dun plan estratéxico completo, a través do cal adquiríronse os coñecementos básicos para valorar a aventura internacionalizadora individual de cada empresa no Brasil.

Os obxectivos foron, fundamentalmente, os seguintes:

- Dar unha primeira aproximación a un mercado de enormes dimensións pertencente ao grupo dos chamados países BRIC, ás empresas da asociación que teñan capacidade de internacionalizarse e precisen dunha información básica sobre a que iniciar a súa planificación estratéxica.
- Preparar á organización para abordar as correspondentes incursións ou prospeccións físicas nestes mercados.
- Apoiar ás empresas membros da asociación na obtención de información de mercados obxectivos para a súa actividade.

MISIÓN COMERCIAL BRASIL

A misión comercial realizouse entre o 26 de setembro e o 2 de outubro. Durante ese tempo, fixemos contactos con clientes, distribuidores e provedores no Brasil, concretamente en Sao Paulo, conseguindo así ofrecer ás empresas participantes axendas persoalizadas. Contamos coa colaboración dun pool de expertos formado por fiscalistas, economistas e enxeñeiros de telecomunicacións brasileiros cunha amplísima experiencia e con empresas que funcionan actualmente desde a cidade de Sao Paulo.

Co fin de aunar esforzos e optimizar os recursos, EGANET plantexou unha misión conxunta con outras asociacións do sector (Agasol e Clúster TIC), aínda que Eganet fixo a función de coordinación da misión, á que acudiu un amplo abano de empresas TIC galegas pertencentes ás devanditas entidades.

A través desta misión conseguimos poñer en contacto ás empresas destinatarias cos potenciais clientes do mercado brasileiro, formálas no proceso de internacionalización dos seus produtos e departamentos comerciais, establecer lazos comerciais antes, durante e tras a misión, coñecer o mercado de destino e establecer as primeiras alianzas comerciais cos distribuidores.