Estatutos

TITULO I. CONSTITUCIÓN DA ASOCIACIÓN, FINS, ÁMBITO TERRITORIAL E DOMICILIO

Artigo 1.- Co nome de “ASOCIACIÓN DE EMPRESAS GALEGAS ADICADAS Á INTERNET E ÁS NOVAS TECNOLOXÍAS” (poderase utilizar abreviadamente coas siglas "EGANET") constitúese unha Asociación sen fins lucrativos, acollida á Lei de 19/1977, de 1 de abril, e ao Real Decreto 873/1977 e demais disposicións regulamentarias que se diten para a súa aplicación.

Artigo 2.- Son fins da Asociación os seguintes:

  • Art. 2.1.- Ser interlocutor do sector ante as Administracións Públicas, empresas, organizacións ou institucións.
  • Art. 2.2.- Fomentar e prestar servizos de formación externos e internos.
  • Art. 2.3.- Promover bolsas de servizos.
  • Art. 2.4.- Promover un mínimo de calidade.
  • Art. 2.5.- Fomentar a ética profesional. Favorecendo o respecto á deontoloxía, ao código ético e ás boas prácticas profesionais entre os integrantes da asociación.
  • Art. 2.6.- Defender os intereses dos asociados antes os problemas que se presenten, estudando e acordando as solucións máis axeitadas e as liñas de actuación máis comúns.
  • Art. 2.7.- Xerar economías de escala por sinerxía entre os asociados.

Artigo 3.- EGANET conta cos medios persoais adecuados e coa organización idónea para garantir o cumprimento dos fins expostos no artigo 2.

Artigo 4.- O ámbito territorial é o de Galicia sen prexuízo de que poida ser ampliado.

Artigo 5.- EGANET fixa o seu domicilio social en Santiago de Compostela, na rúa Pérez Constanti, 12 – 1º, 15702, sen prexuízo de que a Xunta Directiva poida acordar, en calquera momento e por razón motivada, o traslado; poderá establecer as delegacións e representacións que considere convenientes.

TITULO II. DAS SOCIAS: DEREITOS E DEBERES

Artigo 6.- Poden ser socias de pleno dereito de EGANET, todas aquelas empresas que cumpran cos seguintes requisitos:

  • Ter a calidade de empresa, física ou xurídica, dedicada a unha actividade económica e con alta no censo da Axencia Tributaria.
  • Desenvolver maioritariamente a súa actividade económica a través da rede da Internet ou que o obxecto da súa actividade sexa a Internet ou as novas tecnoloxías.
  • Ser unha empresa independente e privada e, de ter participación de capital público, que sexa inferior a 50%.
  • Ter o domicilio social ou fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 7.- Admítense as seguintes figuras especiais de empresas asociadas:

  • Art. 7.1 PRESIDENCIA DE HONRA: Reservado a persoas físicas ou xurídicas que teñen unha especial traxectoria no labor asociativo de EGANET.
  • Art. 7.2 SOCIA DE HONRA: Reservado para persoas físicas ou xurídicas que teñan unha especial significación no campo da Internet, ou con accións especialmente significativas para EGANET.
  • Art. 7.3 SOCIA FUNDADORA: As empresas que formaron parte da constitución e fundación de EGANET, en xuño de 2000.
  • Art. 7.4 SOCIA COLABORADORA: Colaboradoras que prestan o seu traballo ou que se involucren dun xeito continuado na actividade de EGANET.
  • Art. 7.5 SOCIA NOVEL: As empresas que levan constituídas menos de dous anos.

Artigo 8.- As socias serán admitidas provisoriamente pola Xunta Directiva e ratificadas na seguinte Asemblea Xeral.

Artigo 9.- A Asemblea de EGANET, por maioría simple e sempre que así se previse na orde de traballos, pode nomear as distintas figuras especiais de asociadas.

  • Art. 9.1.- Terán os dereitos e obrigas que se recollan no Regulamente de Funcionamento e Orde Interna.

Artigo 10.- Son dereitos das socias:

  • Art. 10.1.- Interviren con voz e voto nas asembleas.
  • Art. 10.2.- Seren electores e elixíbeis para os cargos directivos.
  • Art. 10.3.- Utilizaren todos os servizos societarios dos que se dispoña.
  • Art. 10.4.- Participaren nos actos que se organicen.
  • Art. 10.5.- Propor plans de actuación e actividades ante a Xunta Directiva.
  • Art. 10.6.- Consultar a situación contábel e os informes de actividades nas oficinas da asociación.
  • Art. 10.7.- Seren escoitados con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra elas e a seren informadas dos feitos que deran lugar a tales medidas.
  • Art. 10.8.- Posuír un exemplar destes Estatutos e do Regulamento de Funcionamento e Orde Interna.
  • Art. 10.9.- Ter coñecemento dos acordos adoptados polos órganos directivos.

Artigo 11.- Son deberes das socias:

  • Art. 11.1.- Cumpriren os presentes estatutos.
  • Art. 11.2.- Comprometérense ao pagamento das cotas aprobadas en Asemblea.
  • Art. 11.3.- Asumiren os cargos de responsabilidade, libremente aceptados, que lle fosen encomendados na Asemblea.
  • Art. 11.4.- Comunicaren á Xunta Directiva calquera cambio que se producira no seu proxecto empresarial e que puidera afectar á súa condición de asociada.
  • Art. 11.5.- Nomear a unha persoa para que teña a representación legal da empresa ante EGANET e comunicar á Xunta Directiva esta decisión.

Artigo 12.- A condición de socia pérdese:

  • Por expresa vontade, mediante escrito á Xunta Directiva, de quen así o desexar.
  • Por disolución da empresa.
  • Por falta inxustificada no pagamento das cotas, previo apercibimento por escrito cun mínimo de quince días de antelación.
  • Pola inobservancia dos presentes estatutos.
  • Art. 12.1.- A condición de socia pérdese por decisión motivada e acordada por maioría de dous terzos dos membros da Xunta Directiva, o cal será ratificado pola Asemblea Xeral inmediata.

Artigo 13.- EGANET non interferirá en ningún asunto de carácter particular dos seus membros nin estes, individualmente ou en grupo, poderán adoptar decisións en nome da Asociación que non sexan referendadas pola Asemblea Xeral, pola Xunta Directiva ou polos órganos colexiados que correspondan.

Artigo 14.- EGANET non se pronunciará nin terá posicións definidas sobre ningún asunto alleo aos seus fins, excepto en casos de especial gravidade que atinxan a toda a colectividade galega ou en caso de abusos ou violacións flagrantes de dereitos fundamentais.

  • Art. 14.1.- En todo o caso, será a Xunta Directiva quen valorice e dirima a necesidade de actuación. Calquera pronunciamento ou actividade allea aos fins da asociación que se desenvolva deberá ser aprobada por unanimidade en reunión da Xunta Directiva.

Artigo 15.- A actuación de EGANET non se restrinxe exclusivamente ás súas asociadas, senón a calquera outro posíbel beneficiario ou beneficiaria que reúna as condicións e caracteres exixidos pola índole dos seus propios fins.

TITULO III.- ÓRGANOS DE REPRESENTACIÓN E DE GOBERNO

CAPÍTULO I.- DA ASEMBLEA XERAL

Artigo 16.- A Asemblea Xeral, formada por todos os representantes ou delegados das empresas asociadas, será o órgano máximo de organización. Poderá ser ordinaria ou extraordinaria. A Asemblea Xeral Ordinaria celebrarase unha vez cada ano, dentro dos tres primeiros meses do mesmo.

  • Art. 16.1.- A convocatoria das asembleas xerais, tanto de carácter ordinario como extraordinario, farase por escrito ás socias cunha anticipación mínima de 10 días. A convocatoria especificará a data, hora e lugar de reunión, así como a orde de traballos.
  • Art. 16.2.- Convocaranse cunha anticipación mínima de 30 días aquelas asembleas xerais (ordinarias ou extraordinarias) que teñan na súa orde de traballos a elección da Xunta Directiva, modificación de Estatutos, ou algún dos outros puntos estipulados na lexislación en vigor.
  • Art. 16.3.- As Asembleas Xerais quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria, cando estean representadas, cando menos, 50% das empresas asociadas e, en segunda convocatoria, cando estean representadas, un mínimo dun 20% das empresas asociadas e sempre que transcorrera un tempo mínimo de trinta minutos desde a hora marcada para a primeira convocatoria.
  • Art. 16.4.- A Xunta Directiva, no apartado de Rogos e Preguntas, que será obrigatorio en toda a Orde de Traballos, recollerá todas as propostas que se formulen polas asociadas mediante petición escrita e con dous días de antelación á data da convocatoria. Establécese a posibilidade de inclusión, neste mesmo apartado, de cuestións que por razóns de urxencia non puideran presentarse no prazo establecido e sempre que así o decida un mínimo de 50% das representacións presentes.

Artigo 17.- Correspóndelle á Asemblea Xeral Ordinaria:

  • Exame e aprobación, no seu caso, da memoria do ano anterior.
  • Exame e aprobación, se proceder, do orzamento do próximo exercicio.
  • Aprobar e/ou modificar, cando figurar na orde de traballos, as liñas programáticas e de actuación da Asociación.
  • Elixir os membros da Xunta Directiva, que serán renovados cada catro anos.
  • Elixir a persoa que ocupe a Presidencia de Honra e ás Socias de Honra.
  • A aprobación do informe de contas da asociación.

Artigo 18.- Correspóndelle á Asemblea Xeral Extraordinaria: A modificación dos Estatutos.

A disolución da Asociación.

Cantas cuestións lle sexan sometidas por propia iniciativa, pola Xunta Directiva ou por solicitude de 20 % das empresas asociadas.

  • Art. 18.1.- No caso de que un mínimo de 20 % das empresas asociadas solicitase a convocatoria da Asemblea Xeral Extraordinaria, esta terá que producirse dentro dos 15 días seguintes á recepción pola Xunta Directiva da solicitude e o prazo máximo de celebración será de 20 días a partir da convocatoria.
  • Art. 18.2.- Os acordos da Asemblea adoptaranse por maioría simple, de votos das empresas que estean representadas ou que teñan o seu voto delegado.
  • Art. 18.3.- Requiriranse a maioría cualificada das tres cuartas partes dos votos das empresas que estean representadas ou que teñan o seu voto delegado para os seguintes acordos Asemblearios:
    • Disolución da Asociación.
    • Modificación de Estatutos.
    • Expulsión de empresas asociadas.
    • Disposición ou transmisión dos bens.
    • Remuneración dos membros da Xunta Directiva.

CAPÍTULO II.- DA XUNTA DIRECTIVA

Artigo 19.- A Xunta Directiva é a encargada da dirección e análise das liñas xerais de actuación a desenvolver por EGANET entre asembleas. Analiza e garante a posta en práctica das liñas xerais de actuación ordenadas pola asemblea xeral ordinaria ou extraordinaria.

A Xunta Directiva dirixe e garante o funcionamento cotián da asociación.

  • Art.19.1.- Desempeña ademais as seguintes funcións:
    • Ser órgano coordinador das distintas áreas de traballo.
    • Desenvolver a xestión administrativa de EGANET.
    • Elaborar e presentar á Asemblea Xeral os informes de actividades e situación económica da asociación.
    • Executar os mandatos da Asemblea Xeral.
    • Nomear os representantes de EGANET nos actos públicos en que participe.
    • Garantir a dinamización das actividades de EGANET.
    • Seleccionar e contratar, a través da persoa que ostente a Presidencia, ao persoal que se estime preciso para a posta en práctica dos programas ou proxectos dedicados ás finalidades propias de EGANET ou para atender ás necesidades organizativas da entidade.
    • Realizar cantas operacións mercantís sexan precisas para o mellor funcionamento da asociación.
    • Inspeccionar e velar polo bo funcionamento dos servizos administrativos.
    • Inspeccionar a contabilidade así como a mecánica de cobros e pagos.
    • Adoptar acordos referentes á contratación de bens e servizos, exercicio de accións e outorgamento de poderes.
    • A admisión e a exclusión, de xeito provisorio até a seguinte Asemblea, de empresas socias.
  • Art. 19.2.- Á Xunta Directiva non poderán pertencer aquelas empresas asociadas que estean nas seguintes condicións:
    • Que non están ao corrente no pago das cotas establecidas.
    • Que teñan unha antigüidade, de asociada, inferior a un ano.
    • Que teñan a condición de asociada nas figuras especiais de Presidencia de Honra, Socia de Honra ou Socia Colaboradora.
  • Art. 19.3.- Fan parte da Xunta Directiva os seguintes cargos: Presidencia, Vicepresidencia Primeira, Vicepresidencia Segunda, Secretaría, Tesouraría, Vogalía Primeira e Vogalía Segunda.Esta dirección poderá ser ampliada aos responsábeis dos contidos concretos que se consideraren.
  • Art. 19.4.- A elección da Xunta Directiva estabelécese por candidatura pechada para os postos de Presidencia, Vicepresidencia Primeira, Secretaría e Tesouraría. Os cargos de Vicepresidencia Segunda, Vogalía Primeira e Vogalía Segunda serán de libre e individual postulación unha vez elixida a candidatura pechada.
  • Art. 19.5.- As lexislaturas serán de dous anos e estabelecerase un máximo de dúas lexislaturas (4 anos en total) para os postos recollidos de obrigada presentación na candidatura pechada, é dicir, Presidencia, Vicepresidencia Primeira, Secretaría e Tesouraría. Con excepcionalidade a Presidencia poderá optar a unha terceira lexislatura se tan só ostentou este cargo na última lexislatura.
  • Art. 19.6.- O cargo de Presidencia non poderá optar a ningún outro cargo na Xunta Directiva até pasada unha lexislatura desde o remate do seu mandato.
  • Art. 19.7.- A Xunta Directiva será convocada, cun mínimo de oito días naturais de anticipación, polo Presidente ou Presidenta, por vontade propia ou a petición de calquera membro da Directiva. Reunirase, con carácter xeral, unha vez ao mes e coa excepción do período vacacional que se estabeleza.
  • Art. 19.8.- A Xunta Directiva quedará validamente constituída, cando concorran á reunión a metade máis un dos seus membros e estean presentes o Presidente ou Presidenta e o Secretario ou Secretaria.

CAPÍTULO III.- DOS ÓRGANOS UNIPERSOAIS.

Artigo 20.- A Asemblea Xeral poderá nomear unha persoa para a Presidencia de Honra, un cargo que poderá estar vacante ou ser ocupado con carácter vitalicio. Corresponde á Presidencia de Honra representar a asociación perante a sociedade en xeral a título honorífico, presidir as asembleas xerais cando asistan ás mesmas e desenvolver aqueles labores que lle encarguen a Presidencia ou a Xunta Directiva de EGANET.

Artigo 21.- O Presidente ou Presidenta preside as reunións da Xunta Directiva. Ostenta a representación da asociación e ten a facultade para delegala. Son funcións da Presidenta ou Presidente as que a continuación –e sen carácter exhaustivo- se relacionan:

  • Convocar, presidir e dirixir as reunións da Xunta Directiva, dirimindo co seu voto en caso de empate.
  • Dirixir as relacións externas de EGANET.
  • Coordinar e executar as directrices da Asociación.
  • Celebrar calquera clase de negocio xurídico relacionado coa actividade e fins da Asociación.
  • Coidar da adecuada execución das resolucións e acordos.
  • Asinar contratos e convenios para conseguir os obxectivos da Asociación.

Artigo 22.- A persoa que asuma a responsabilidade de Vicepresidencia Primeira substitúe ao Presidente ou Presidenta en caso de doenza, ausencia ou cesamento. Asume, así mesmo, as responsabilidades que lle encargue o Presidente ou Presidenta.

Artigo 23.- A persoa que asuma a responsabilidade de Vicepresidencia Segunda substitúe nas súas funcións á Vicepresidencia Primeira.

Artigo 24.- O Secretario ou Secretaria ten as funcións de recollida e certificación das actas e acordos das reunións e encárgase da custodia da caixa, de todos os libros e arquivos da asociación.

Artigo 25.- O Tesoureiro ou Tesoureira ten as seguintes funcións:

  • Asume a xerencia dos servizos económicos da asociación.
  • Coida da adecuada execución das resolucións e acordos.
  • Elaborará informes que someterá á Comisión Permanente.
  • Será o(a) encargado(a) da constitución de comisións técnicas de traballo.
  • Planifica e fai o seguimento das campañas nacionais que emprende EGANET e ten capacidade para coordinar as persoas encargadas de levalas a cabo.

Artigo 26.- Os Vogais encargaranse de áreas ou seccións específicas dentro do funcionamento da Asociación.

Artigo 27.- Ademais, a Xunta Directiva pode elixir, co apoio dos dous terzos dos seus membros, responsábeis de contidos concretos.

Artigo 28.- A Xunta Directiva poderá designar provisionalmente –co apoio dos dous terzos dos seus membros- entre os socios e socias os cargos de Vicepresidencia Primeira e Segunda, Secretaría e Tesouraría, por dimisión destes ou por casos de forza maior até a seguinte renovación da Xunta Directiva en Asemblea Xeral.

CAPÍTULO IV.- DA COMISIÓN DE GARANTÍAS

Artigo 29.- A Comisión de Garantías terá a función de atender calquera reclamación das asociadas ou órganos de EGANET contra acordos que conculquen os fins desta asociación, desvirtúen o funcionamento democrático da mesma ou conculquen os dereitos das súas asociadas. Os escritos dirixidos a este órgano entregaranse no local social, desde onde se lle remitirán aos membros do mesmo. Nese escrito deben explicarse claramente os motivos que xustifiquen a súa intervención.

  • Art. 29.1.- Estará composta polas últimas cinco persoas que ostentaron cargo na Xunta Directiva e que non fagan parte de ningún órgano de dirección da asociación.
  • Art. 29.2.- As súas decisións adoptaranse por maioría simple dos seus membros. Esta comisión poderá solicitar o asesoramento xurídico oportuno.
  • Art. 29.3.- As súas resolucións serán de obrigado cumprimento e acatamento polas partes afectadas e recorríbeis na Asemblea Xeral inmediata.

TÍTULO IV. PATRIMONIO, RECURSOS E RETRIBUCIÓNS

Artigo 30.- EGANET carecía de patrimonio inicial na súa constitución. O patrimonio social fica integrado polos bens e dereitos dos que dispón a asociación na actualidade, así como dos que no sucesivo se adquiran para a realización dos fins sociais.

Artigo 31.- Ademais, integran o patrimonio da asociación as rendas e beneficios derivados dos seus bens patrimoniais e de venda de material de promoción e calquera outro ingreso legalmente autorizado.

Artigo 32.- EGANET finánciase a través das cotas das súas asociadas, estabelecidas por acordo da Asemblea Xeral e das subvencións, doazóns e convenios de colaboración que reciba por parte de particulares e/ou de organismos públicos e/ou privados.

Artigo 33.- EGANET destinará á realización dos seus fins a totalidade das súas rendas líquidas e outros ingresos que se obteñan por calquera concepto, deducidos os gastos de administración e os impostos correspondentes.

TÍTULO V.- RÉXIME DE CONTABILIDADE E DOCUMENTACIÓN

Artigo 34.- A asociación atenderá as súas obrigas contábeis e de documentación ao abeiro do estabelecido na lexislación vixente e na normativa vixente que resulte de aplicación.

Artigo 35.- As contas da asociación aprobaranse anualmente pola Asemblea Xeral, sendo a data de peche do exercicio económico a correspondente á fin do ano natural.

TíTULO VI.- DISOLUCIÓN DE EGANET

Artigo 36.- A Asociación disolverase:

  • A proposta da Xunta Directiva e ratificada en Asemblea Xeral, sempre que teña 75% de votos afirmativos da totalidade dos membros da Asemblea.
  • Polas causas previstas no artigo 39 do Código Civil.
  • Por sentenza xudicial firme.

Artigo 37.- No caso de disolución de EGANET, a Asemblea Xeral Extraordinaria, reunida para tal exclusivo feito, nomeará unha comisión de liquidación composta por cinco persoas, que se fará cargo dos fondos que existan; unha vez satisfeitas todas as débedas, se as houber, o restante entregarase a outra asociación con fins semellantes.

Dilixencia para facer constar que os presentes estatutos quedan redactados conforme ás modificacións acordadas na Asemblea Xeral Extraordinaria do 1 de marzo de 2008 e seguindo o procedemento establecido nos seus estatutos.