Bases

1. OBXECTIVOS

Coa convocatoria destes premios, EGANET tenta estimular o labor de creación dos empresarios, profesionais e outros axentes que, sentíndose comprometidos coa expansión da Sociedade da Información en Galicia, deseñan, programan, desenvolven, implantan ou usan produtos e servizos galegos que teñen en Internet e noutras novas tecnoloxías da información a súa razón de ser.

2. REQUISITOS DOS SOLICITANTES

Poderán presentar as súas candidaturas a estes premios empresas, profesionais, asociacións, organizacións empresariais, ONGs, entes públicos e calquera outro organismo con sede social en Galicia que realicen proxectos no campo das tecnoloxías da información e as comunicacións, tanto como provedores como empresas ou entidades usuarias de produtos e servizos TIC galegos. De non ter razón social en Galicia, poderán participar sempre que teñan relación clara coa cultura, lingua ou sociedade galega. As empresas usuarias de produtos e servizos TIC galegos non terán ningunha retricción en relación ao seu domicilio social.

Non poderán presentarse a ningunha categoría os proxectos xa premiados en calquera categoría de edicións anteriores.

Os traballos que se presenten deberán ser realizados de conformidade coas licencias do software empregado polos autores e respectando os dereitos de propiedade intelectual de todos e cada un dos elementos que o compoñan. Os proxectos estarán rematados e/ou presentados no ano da convocatoria.

De se comprobar o incumprimento das condicións recollidas nas bases ou de se incluíren datos falsos na documentación remitida, Eganet resérvase o dereito de denuncia e os proxectos serán rexeitados.

3. CATEGORÍAS

As categorías recollidas son cinco, ás que se lle engade o Premio Especial EGANET que a Asociación outorga ao proxecto, entidade ou personalidade galega que, desde a última edición, máis se teñan esforzado en daren a coñecer e impulsaren a realidade galega no entorno de Internet e que, deste xeito, contribúan a promocionar as novas tecnoloxías na sociedade galega. Para este premio non se recibirán candidaturas e será a Asociación quen elixa directamente ao premiado ou premiada.

As CATEGORÍAS dos X Premios EGANET 2013 son as seguintes:

  1. Premio PROXECTO COLABORATIVO EMPRESARIAL TIC
  2. Premio EMPRENDEDOR TIC
  3. Premio APLICACIÓN SOFTWARE
  4. Premio COMUNICACIÓN DIXITAL
  5. Premio NEGOCIO ONLINE

4. SISTEMA DE VOTACIÓN

Crearase un Comité Avaliador Experto, formado por empresas asociadas a Eganet e que non presenten candidatura na categoría na que participen como Avaliadores. Este Comité ten o obxectivo de filtrar os traballos presentados para cada categoría. En cada unha delas deixará como mínimo 5 proxectos, que serán os que se lle presentarán ao xurado.

O xurado será externo a Eganet e estará formado por expertos en cada categoría. Os membros do xurado daranse a coñecer no acto da gala de entrega dos galardóns.

Unha vez que se realice a votación do xurado, farase pública unha lista con catro finalistas por categoría, sendo segredo o gañador de cada unha ata o momento da Gala de entrega dos Premios. No caso de que non se puidera determinar o gañador ou os finalistas nunha categoría, debido á obtención da mesma puntuación entre dúas ou máis candidaturas, o patrocinador desa categoría contará co voto de calidade.

O Xurado resérvase o dereito de declarar deserto un ou varios premios no caso de non recibir ningunha candidatura ou se as presentadas non teñen a calidade suficiente como para ser premiadas.

Se a criterio do xurado un proxecto ten cabida noutra categoría e non na que se presentou, farase a modificación de presentación de xeito inmediato.

5. GALARDÓN

As candidaturas gañadoras e finalistas recibirán un trofeo representativo e exclusivo. Non comportan dotación económica, ao tratarse de galardóns de honra que distinguen a calidade.

Os premiados poderán facer publicidade do galardón sempre que se especifique claramente en lugar visible o ano e categoría premiada.

EGANET entregará un logo acreditativo da condición de gañador ou finalista dos Premios EGANET. Os premiados poderán amosar na páxina principal do seu sitio web o logo acreditativo ligado para www.premioseganet.com. Os premiados e finalistas poderán facer tamén outra publicidade do galardón noutros medios (membretes de empresa, anuncios publicitarios, etc.). Calquera uso do logotipo ou da mención da súa condición de premiado ou finalista, sempre deberá ser de conformidade coa imaxe oficial autorizada por EGANET e especificando obrigatoriamente, en lugar visible e de maneira clara, o ano e a categoría no que foron premiados ou foron finalistas e, no caso de facer esa publicidade na Web, dispoñendo unha ligazón directa á páxina principal do sitio web www.premioseganet.com ou outra que sexa acordada cos responsables de EGANET.

Pola súa banda, EGANET procederá a incluír, no caso dos proxectos premiados con presenza na Web unha ligazón a cada un deles dentro do sitio web www.premioseganet.com onde terá presenza cando menos ate a posta en marcha da edición do ano seguinte.

6. DOCUMENTACIÓN

Os interesados en presentar unha candidatura aos premios EGANET deberán facelo exclusivamente a través da web www.premioseganet.com. Para elo, deberán cubrir o formulario online e axuntar a documentación que consideren, sempre cumprindo cos seguintes requisitos mínimos:

  • Solicitude de participación. Cubrirase a través da sección categorías da web. Para cada proxecto haberá que presentar unha solicitude. Si se presenta o mesmo proxecto a varias categorías haberá que presentar unha solicitude por cada unha das categorías ás que se presenta.
  • Vídeo de presentación. Máximo 30 segundos. Este requisito será necesario se o proxecto está entre os finalistas, polo que a súa presentación non será ata que se coñeza si é finalista.
  • Documentación e/ou arquivos complementarios que o/a solicitante considere oportunos para unha mellor valoración do seu proxecto por parte do xurado. Aconséllase que estean en formatos doadamente accesibles tanto desde ordenadores con sistemas Windows como desde GNU-Linux ou Mac, para que poidan ser axeitadamente tidos en conta polos diversos xurados, sendo preferibles formatos accesibles con calquera navegador web moderno (p.ex. arquivos HTML ligados entre si a partir dun índice), e en total non deberá exceder os 3 Mb. En caso de se presentaren comprimidos deberá ser en formato ZIP, RAR, ACE ou autoextraíble. Recomendase que cando o peso dos arquivos sexa superior aos 3 Mb, e para poder valorar con criterio o proxecto, se aloxe a documentación nun servidor e se dea acceso a el. Recomendase tamén crear demos ou crear usuarios de acceso cando os proxectos a valorar o requiran.
  • A documentación poderá estar en idioma galego ou castelán. Poderase aceptar o inglés nalgunha documentación complementaria.

7. PRAZO E LUGAR DE PRESENTACIÓN DAS CANDIDATURAS

O prazo de presentación de solicitudes rematará o domingo 26 de xaneiro de 2014 ás 23:59 horas.

A presentación das candidaturas poderá facerse unicamente a través do portal www.premioseganet.com. Naqueles casos que sexa necesario mandar información complementaria que non se poida achegar a través do formulario desta web, deberá ser subida polo interesado a un servidor e indicar a url de acceso no formulario de solicitude.
Como data de presentación entenderase a de recepción do formulario.

En caso de se producir algún tipo de incidencia ou dúbida no proceso de presentación da candidatura, os candidatos poden dirixirse a Esta dirección electrónica esta protegida contra spam bots. Necesita activar JavaScript para visualizarla  ou ao teléfono 981 530 352 para solicitar información ou expoñer a incidencia ocorrida.

8. ASPECTOS LEGAIS

A organización resérvase o dereito de modificar as bases dos premios, parcial ou totalmente, en calquera momento. Estas modificacións constarán na web oficial dos premios www.premioseganet.com, entendéndose que os candidatos coñecen e aceptan a última versión que delas conste publicada na devandita web.

O feito de presentar a candidatura aos premios implica a aceptación destas bases na súa totalidade.

A directiva de EGANET ou, no seu caso, a comisión na que delegue, será a única instancia autorizada para a interpretación das presentes bases, para o cal poderá solicitar os informes ou asesoramento que considere oportunos, e as súas decisións serán inapelables.