O longo camiño do puntoGAL


A iniciativa puntoGAL continúa a dar novos pasos para conseguir un dominio galego na Internet. Estes días tiñamos coñecemento do máis decisivo: a presentación da candidatura na ICANN, que este ano, por fin, abriu o prazo para novas solicitudes, algo que non facía dende o ano 2004. Non era, pois, sen tempo, Galicia agarda polo seu dominio dende hai seis anos, cando se constituía a asociación promotora, que hoxe conta co apoio unánime de todos os sectores sociais, culturais e políticos. Imos repasar neste ToxoTIC a iniciativa do .gal, un dominio en internet que aínda sen existir conta xa con máis historia que calquera lexislatura ou proxecto de goberno.

A asemblea constituínte da Asociación puntoGAL tivo lugar en xuño de 2006, coa participación dunha ducia de entidades promotoras, entre as que xa se contaba Eganet. O ano anterior Cataluña conseguira facer posible o rexistro de webs coa extensión .cat, un dominio específico para a lingua e a cultura catalás que serviu de revulsivo para pór en marcha a iniciativa galega. Aquela ducia de entidades promotoras convertéronse hoxe en máis dun cento, ambos os gobernos que pasaron pola Xunta neste tempo apoiaron a iniciativa e tamén os tres grupos políticos que compoñen o parlamento galego.

 

Poucos proxectos conseguen unha unanimidade semellante, se cadra por iso o tempo de espera se fixo longo. Polo camiño quedou mesmo algún pseudo-dominio que, aínda sen ánimo real de suplantar o puntoGAL, tomaba o atallo máis doado. Non chegou a fraguar nin a asentarse. A asociación continuou co seu traballo de difusión e captación de apoio, alén de colaborar con outras iniciativas para o rexistro de extensións lingüísticas e de asistir a diversas reunións da ICANN, a corporación reguladora dos dominios en Internet.

Aínda que a candidatura xa foi remitida, non é este o final do camiño. O proceso de avaliación e concesión de dominios durará varios meses, como mínimo ata mediados do ano que vén, que sería cando poderían usarse as novas extensións que entren na primeira fase de avaliacións e non teñan ningunha circunstancia en contra. É certo que o mecanismo non é doado, unha convocatoria complexa sen datas fixas, que se retrasan de maneira indefinida, e con requisitos en permanente cambio e negociación. Posiblemente non sexa factible que os dominios xenéricos se concedan mediante un procedemento estandarizado sen grandes anuncios e á maneira de poxa pública coma o actual, pero útil cando menos seríao.

O puntoGAL parece ter o terreo fertilizado para o éxito. O vicepresidente da asociación vén de afirmar nunha entrevista en Praza Pública que a candidatura cumpre todos os requisitos e, aínda que sen ousar dar unha probabilidade do cento por cento, si a considera moi alta. Trátase dun dominio xenérico patrocinado, de tipo lingüístico e cultural, e conta co precedente do catalán, polo que non se prevén reveses.

A asociación fixo un acto público de presentación da candidatura o pasado 29 de maio, un acto no que se resaltaron os beneficios de que Galicia conte cun dominio propio na internet, beneficios que exceden o plano cultural e lingüístico para reverter economicamente no país. En primeiro lugar, o rexistro de dominios é unha actividade xeradora de ingresos, que no caso galego serán reinvestidos no fomento do galego a través das novas tecnoloxías. E en segundo lugar, segundo destacaba a directora da AMTEGA, as empresas dirixidas ao mercado galego terán no .gal o valor engadido da proximidade. No mesmo acto, o presidente da Fundación puntCAT recordaba que o dominio catalán rexistrou beneficios dende o seu primeiro trimestre de funcionamento, contando hoxe con máis de 55.000 rexistros web.

Simbolicamente, a consecución do dominio galego será un paso máis para o recoñecemento da nosa fala no mundo, un paso adiante decisivo, emblemático ou como se lle queira chamar, para a reconstrución da maltreita consideración dun pobo para coa súa lingua e idiosincrasia.

Pero alén de todo iso, o dominio galego será unha recompensa merecida para seis anos de traballo duro, de constancia e de unión, para unha xestión que soubo axuntar ideoloxías e cores políticas, grupos sociais, económicos, movementos culturais, institucións, nunha única aspiración ou proxecto común para o beneficio de todos e todas nós.