Eganet, e xa van 12 anos

O pasado mércores 28 de marzo as empresas socias de Eganet elixían a nova Xunta Directiva que guiará o camiño da asociación durante outros dous anos. Tres días despois a Asociación de Empresas Galegas adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías estaba de aniversario, cumpría exactamente doce anos de vida exercendo un papel de representación do sector empresarial galego das TIC. Ao longo desta ducia de anos a asociación viviu xa unhas cantas renovacións de xuntas directivas e, con elas, foi testemuña e protagonista da expansión das novas tecnoloxías da información en Galicia e no mundo. Neste ToxoTic botamos a vista atrás para recuperar a historia de Eganet, que tampouco é allea aos principais acontecementos que marcan a historia da rede de redes.

O nacemento

Eganet celebraba a súa asemblea constituínte o 31 de marzo de 2000. Preto dunha vintena de empresas botaban a andar o proxecto de aglutinar as empresas do sector de Internet en Galicia, materializando así a iniciativa que nun principio se chamara “Proxecto Alfa”. Durante a década anterior a poboación empezara a empregar a rede tal e como a concibimos hoxe, a das tres “w”, mais de seguro a maioría de galegos e galegas aínda ignoraba a nova realidade virtual. Emporiso, xa nesa década dos 90 se forxaron as primeiras iniciativas empresariais galegas na rede e para a rede, empresas pioneiras que ben podemos cualificar de visionarias que contemplaban Internet como a base do futuro de negocio.

Empresas moi novas que detectaron a necesidade de se agruparen e constituír unha nova entidade que as representase, defendese os seus intereses e trasladase as súas demandas, necesidades peculiares e específicas coas que as Administracións pouco ou nada estaban familiarizadas, ao mesmo tempo que pretendían contribuír ao desenvolvemento das novas tecnoloxías e a sociedade da información no país. Paradoxalmente, poucos días antes da constitución formal de Eganet empezaba o estourido da burbulla das puntocom na bolsa dos Estados Unidos para estenderse logo ao resto do mundo. O parqué galego das TIC, por así chamarlle, non sufriu aqueles reveses da descapitalización bursátil, pero si mantivo o atraso con respecto a outras zonas desenvolvidas en asentarse e consolidarse como motor de crecemento económico.

Afianzamento e expansión

Os primeiros anos son duros para calquera proxecto de calado, tamén para Eganet, que no entanto rematou o seu primeiro lustro case duplicando o número de socios. Dende a incubadora de empresas da Universidade de Santiago de Compostela, a asociación fixo valer os que son os seus principais activos ata o día de hoxe: a participación e a implicación das empresas socias na actividade e nos designios de Eganet, así como a aposta pola colaboración entre empresas, a mudanza da visión do “competidor” pola do “colaborador” para o desenvolvemento de proxectos conxuntos.

Superado o ecuador da primeira década do século XXI as novas tecnoloxías tiñan mudado para sempre as relacións humanas. As tecnoloxías diversificáranse, a rede deixara de ser unha fiestra para ser porta de entrada e residencia habitual de todos e todas nós. A evolución do tecido empresarial galego das TIC reflicte o bulir dos novos tempos: nacen novas empresas, novos campos de actividade, novos produtos e servizos, o sector diversifícase e crea especialidades. As empresas que non se adaptan desaparecen ou fusiónanse, pero o sector sempre medra, como tamén o fai Eganet, que remata a década nas 70 empresas, con sede social aberta aos socios e grupo de xestión profesional. E aínda así a asociación consegue manter a idiosincrasia de representar o “corazón das TIC”, as empresas fornecedoras de Internet, empresas software, comunicación, contidos.

Eganet detecta no entanto a necesidade dunha vertebración sectorial de maior alcance, que poña en común todas as fases da cadea de valor das TIC, e tamén a mediados da década pasada,  a asociación participa na constitución de Ineo, a primeira tentativa de crear un clúster TIC galego que ao fin concluíu como nova asociación multisectorial. Coa chegada do bipartito á Xunta e a decisión política de crear no sector TIC do país esa estrutura de clúster que o fortaleza, Eganet volve colocarse como promotora activa, un clúster que se pon en marcha pero que non consegue aglutinar nin representar de maneira efectiva a todos os subsectores.

Por outra parte, a Asociación de Empresas Galegas adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías emprende o labor de facer visible o traballo das TIC galegas, proxectos de gran calado na sociedade pero dos que a sociedade descoñece o rostro, non sendo os dos titulares das grandes fortunas tecnolóxicas do mundo. A primeira edición dos Premios Eganet celebrouse xa en 2003 e, dende aquela, as súas oito edicións recollen o percorrido das tecnoloxías da información en toda unha década: a irrupción da interactividade, da web 2.0, as redes sociais, as posibilidades do software libre, a evolución da mercadotecnia dixital, a mobilidade, a accesibilidade TIC, vídeo, imaxe, lecer dixital, tecnoloxías impulsadas por todo un novo perfil de empresas que, pertencentes ou non a Eganet, concorren aos premios e se xuntan anualmente nunha festa cada máis aberta ao resto do tecido económico e social. Os Premios Eganet recoñecen ademais o emprendemento e visualizan, en definitiva, as persoas e iniciativas que hai detrás de cada proxecto galardoado.

Os verdadeiros logros


Pódese dicir que Eganet non só conseguiu sumar socios e consolidarse como asociación referente do sector galego das TIC, a súa auténtica conquista é a de conseguir unha asociación atipicamente activa. Por riba de todos os intereses exerce unha actividade de reivindicación e defensa constante do sector, en consoancia coas demandas das súas empresas socias, e pode facelo porque a comunicación con elas e entre elas é tamén permanente e alentada a cotío, porque se confronta a visión e o coñecemento das empresas con maior traxectoria no mercado coas recén chegadas, con menos experiencia pero ideas novas e ilusión intacta.

Este diálogo é o que permite fraguar no seo da asociación proxectos para a colaboración das súas empresas. Eganet demostrou capacidade de coordinación en proxectos de envergadura de ámbito transfronteirizo e financiación europea. A intermediación da asociación cos poderes públicos beneficia as súas empresas á hora de desenvolver proxectos de formación, de apertura de negocio e internacionalización, de mellora competitiva.

E alén dos servizos ás súas empresas, Eganet promove con especial interese e de maneira transversal a igualdade de xénero, a accesibilidade, a promoción da cultura a través das TIC. E faino con proxectos específicos nestes campos e colaborando con outras entidades con experiencia, como TADEGA, Implicadas no Desenvolvemento, participando no Culturgal e estando sempre disposta á colaboración para a mellor difusión das TIC en todos os ámbitos e a inclusión dixital de todos e todas.

Semellan poucos, pero doce anos son toda unha vida cando se fala de tecnoloxías da información e da comunicación. E aínda que de vez en cando é bo recapitular e facer memoria do acontecido ata o momento, máis apaixonante se cabe se presenta para a asociación e as súas empresas o futuro, futuro no que son protagonistas, o que lle queda por ofrecer a un sector que está a mudar a vida das persoas e a súa maneira de ver o mundo.