Cinco anos de dinamización, de modernización, de inclusión tecnolóxica

A Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia, a chamada Rede CEMIT, xestionada pola Xunta, leva dous anos en plena operatividade, conta con aulas de informática en máis de noventa concellos do país e vén de integrar na súa páxina web o acceso á rede e os procedementos de reserva e matrícula nas actividades dos seus centros. A rede recolleu o testemuño das anteriores Rede de Telecentros de Comunicación e Rede de Dinamización da Sociedade da Información, postas en marcha polo bipartito dende cadansúa área de goberno, mantendo os obxectivos de achegarlle as novas tecnoloxías á cidadanía, en especial aos colectivos afectados pola fenda dixital, e tamén cunha maior ambición de ampliar os proxectos formativos a traballadores e sectores empresariais. No ToxoTic desta semana analizamos a fórmula da Xunta para a difusión social das TIC.

Coma no resto das competencias que tiñan que ver coa sociedade da información, un ámbito de actuación bastante disperso en distintos departamentos e áreas de goberno, no tocante ás aulas de difusión das novas tecnoloxías o afán do actual Goberno da Xunta foi o de ordenar e redefinir a estratexia de actuación. O certo é que o panorama si se presentaba pouco coherente. Por un lado, a Secretaría Xeral de Comunicación, a través da súa DX de Comunicación Audiovisual, promovía os chamados telecentros de comunicación, que xa viñan da época de Fraga, acondicionando espazos municipais con equipamento multimedia e audiovisual que quedaban baixo a xestión dos concellos. E polo outro, a daquela Consellería de Innovación e Industria, con competencias en sociedade da información, puxo en marcha a Rede de Dinamización da Sociedade da Información, unha rede de aulas de informática propias e con persoal propio, a figura dos dinamizadores ou dinamizadoras que levaban o peso de dotar as aulas de contido, desenvolver proxectos de formación e difusión e atraer os usuarios. Con posterioridade a SX de Comunicación promoveu tamén o funcionamento en rede dos seus telecentros baixo a coordinación do Centro Multimedia de Galicia.

A actual Rede CEMIT é herdeira de ambos os dous conceptos, unha mistura. A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, hoxe axencia (AMTEGA), departamento que aglutinou todas as competencias en TIC da Xunta, optou por pechar a Rede de Dinamización e fomentar, formalmente, a modalidade dos telecentros, que son xestionados polos Concellos “adheridos á rede”. No que respecta aos contidos, con matices, recolle da Rede de Dinamización a necesidade dunha programación en rede e do persoal propio, que agora recibe outra denominación, a de “axentes TIC cualificados”, contratados polos concellos co apoio da Xunta, que achega o 80% do seu salario. A Xunta consegue desta maneira reducir os custos de soster unha infraestrutura educativa propia, ao mesmo tempo que enche de contido todos os telecentros existentes, xa que ata agora podían existir como como simples puntos de acceso a internet sen proxecto formativo de seu. Máis alá de que imperase a necesidade de coordinar todas as aulas TIC baixo unha única iniciativa, non ousamos xulgar a eficacia nin a eficiencia dunha ou doutra fórmulas.

Plan de formación anual e xestión integrada

A rede CEMIT quere abranguer as actividades de formación destinadas aos profesionais TIC dende o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia –CNTG-, así como ao persoal da Administración dende a Escola Galega de Administración pública –EGAP-, polo que ambos os organismos figuran na web da rede como centros formativos “de alta especialización”. Pero no que atinxe ao plan de formación das aulas TIC municipais, prima a capacitación dixital básica a través de varios itinerarios ou eixes temáticos e por primeira vez este ano incorpora unha aula virtual para a formación online. A rede CEMIT permite desenvolver actividades formativas de certo calado e innovación mediante acordos con outras entidades, como o curso de consumo e comercio electrónicos que realizará co soporte do Instituto Galego de Consumo.

A novidade do novo espazo web CEMIT é a posibilidade para os usuarios de dárense de alta como usuarios online, reservar praza e matricularse nas actividades programadas, á parte de contar cun historial académico dispoñible na web. Ademais o portal conta cun completo buscador de centros, de cursos e de actividades de difusión, que son as charlas ou xornadas divulgativas ben organizadas pola propia rede ou por entidades colaboradoras, e tamén organizadas en rede ou ben individualmente. O certo é que dende o punto de vista formativo e divulgativo a programación da rede CEMIT é intachable, como tamén o é o nivel de organización e simplicidade de acceso das súas actividades.

Só nos resta botar de menos aquel espírito da “dinamización”, de facer transcender as ferramentas TIC para poñelas a disposición de causas sociais, culturais. Dese espírito saíron proxectos como a Memoria de Muller ou a Memoria dos Oficios, xa sen web operativa aínda que con gran parte dos seus traballos dispoñibles no Youtube. Proxectos recoñecidos en diversos certames de inclusión dixital, que plasmaron un modelo de achegamento ás TIC, por parte dos colectivos con maior dificultade de acceso, máis cálido ou afectivo, dándolle visibilidade aos seus protagonistas. Aínda que tamén é certo que a Xunta vén de poñer en marcha o proxecto “voluntariado dixital” como reforzo da difusión das TIC na cidadanía e do que cabe esperar se libere da rixidez e o desafecto nos proxectos que desenvolva, porque as TIC non son a finalidade, son o instrumento para mellorar a vida da xente, para a comunicación e a participación activa no mundo que nos tocou vivir.