Galicia participa no desenvolvemento da plataforma dixital do proxecto europeo Mature

A FERRAMENTA DE E-LEARNING ESTARÁ DISPOÑIBLE A COMEZOS DE 2010

A plataforma Mature Project, unha ferramenta que ten como obxectivo último que as empresas manteñan o emprego entre as persoas maiores de 50 anos, estará operativa en 16 idiomas no primeiro trimestre do próximo ano. Así se decidiu na terceira reunión transnacional do proxecto Mature que se celebrou nas dependencias da Consellería de Traballo e Benestar en San Lázaro.

Fonte: Sociedadedainformacion.eu

 


O director xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida Trastoy, recibiu os 16 socios de 12 países diferentes que participan neste plan financiado con cargo ao programa europeo de Aprendizaxe Permanente. En concreto, a iniciativa subvencionase nun 71% a través do subprograma Leonardo Da Vinci, na súa liña de Transferencia de Innovación. España está representada no plan a través da Consellería de Traballo e Benestar.

 

Mature naceu en outubro de 2008 coa finalidade de dotar os empresarios, e máis en concreto os responsables de recursos humanos e os representantes dos traballadores, de diversas fórmulas que lles permitan poder manter nas súas empresas aos empregados de máis de 50 anos. É dicir, trátase de ofrecerlles ideas e iniciativas ante posibles envellecementos dos seus cadros de traballadores.

O proxecto, cuxo remate está previsto en marzo de 2010, presentou na súa primeira fase unha plataforma e-learning de código aberto e unha serie de ferramentas de recollida de materiais de formación para facilitar a introdución de políticas e prácticas de contratación de persoal de diversas idades.

Na actualidade, está en execución a segunda fase do programa. Así, o labor dos socios céntrase agora en difundir os resultados obtidos na primeira fase e ampliar o ámbito xeográfico do proxecto. Neste sentido, crearanse oito versións adicionais da plataforma e-learning noutros tantos idiomas e, ademais, levarase a cabo a integración das cualificacións no Marco Europeo das Cualificacións (EFQ).

No encontro de San Lázaro trataranse outras cuestións como as tarefas de coordinación do proxecto, o estado da integración da formación incluída na plataforma no Marco Europeo de Cualificacións, o estado da propia plataforma e as actividades de difusión desenvolvidas ata o momento.

Do proxecto Mature forman parte un total de 16 socios de 12 países entre os que destacan Austria, República Checa, Alemaña, Italia, Suíza e Turquía.