As mulleres ocupan o 7% dos postos nos consellos de administración das maiores empresas de telecomunicacións de Europa

A Comisión Europea xuntará nunha web toda a información sobre as actividades e empregos da UE relacionados coas mulleres e as TIC.

Seis meses despois de que a Comisión Europea publicase o seu código de boas prácticas para as mulleres do sector TIC (IP/09/344), o número de signatarios comprometidos en fomentar que as mulleres novas segan estudos e carreiras profesionais nos sectores das telecomunicacións, a tecnoloxía e Internet aumentou das cinco iniciais aos vinte e oito actuais. A Comisión lanzou esta semana o directorio europeo para as mulleres do sector TIC, un novo instrumento en liña que reunirá toda a información sobre as actividades e empregos da UE relacionados coas mulleres e as TIC.

Fonte: OGSI

A Comisión afirma que o sector das TIC é cada vez máis consciente de que só pode beneficiarse do crecemento económico e da innovación e contribuír a eles se se remedia a escaseza de persoal cualificado, que se prevé acadará a cifra de 300 000 persoas en 2010.

A Comisión Europea informa de que aínda que as mulleres obteñen o 45 % dos doutoramentos de Europa, só un 25 % dos mesmos está relacionado cos sectores da enxeñaría, a produción industrial e a construción. Nas 116 maiores empresas de telecomunicacións de Europa, apenas o 7 % dos membros dos consellos de administración son mulleres. A comisión aposta por continuar os esforzos para duplicar esta cifra de aquí a 2015 e garantir a plena utilización do potencial feminino neste sector.

O código europeo de boas prácticas para mulleres no TIC lanzouse en marzo de 2009 co fin de animar ás mozas a seguir estudos e carreiras no sector do TIC. Céntrase na educación e o emprego a través da organización de xornadas dedicadas á muller, programas de titoría, horarios de traballo flexíbeis e outras actividades innovadoras que contribúan a sensibilizar ás mulleres e atraelas ao sector da tecnoloxía. Desde a publicación do código en marzo de 2009, subscribiron o código vinte e oito organizacións, entre as que se inclúen grandes sociedades, pemes, consultorías, institucións académicas, ONG e empresas reguladoras das telecomunicacións.

Aínda que está a aumentar o número de mulleres que seguen estudos universitarios en ámbitos científicos, tecnolóxicos e do TIC, o número de homes segue sendo moi superior. En 2006, o 41 % de todos os doutores en ciencias, matemáticas e informática eran mulleres, mais estas só representaron, no mesmo ano, un 25 % dos doutoramentos en enxeñaría, produción industrial e construción. Con todo, tamén en 2006 e no ámbito informático, máis de tres cuartos dos investigadores eran homes.

A pesar de que as mulleres europeas son cada vez máis hábiles na utilización dos computadores e de Internet, aínda persisten disparidades. A porcentaxe de mulleres con títulos universitarios en ciencia e tecnoloxía oscila entre o 44 % de Estonia e o 20% dos Países Baixos. O 81% das mozas holandesas de entre 16 e 24 anos utilizan o ordenador todos os días, fronte ao 38% das búlgaras, en comparación, respectivamente, co 89% e o 38% dos homes nos mesmos países. En toda a UE, un 38% dos homes utilizan Internet diariamente mentres que apenas o fai un 28% das mulleres, mais esta diferenza é inferior a 7 puntos porcentuais en Irlanda, Grecia, Francia, Portugal e Finlandia, así como nos doce países que se incorporaron á UE en 2004.

As empresas e organizacións que asinaron o código de conduta comprometéronse a incrementar o número de mulleres en estudos superiores de ciencia, tecnoloxía e enxeñaría, e a contratar mulleres en sectores relacionados coas telecomunicacións europeas e Internet e favorecer a súa permanencia neses postos de traballo. Programas de titorías, xornadas de portas abertas e feiras informáticas son algunhas das actividades que están a organizar esas empresas para atraer ás mulleres novas ao sector.

A Comisión vén de inaugurar en Bruxelas un novo instrumento, un directorio en liña para as mulleres en TIC (http://www.ictwomendirectory.eu), que abranguerá tres áreas diferentes: tecnoloxía, creación de comunidades e empresas. Xunta nun único espazo todas as actividades, ofertas de traballo, lexislación e estatísticas relacionadas coas mulleres nas TIC, co obxecto de ofrecer unha vista xeral do que se está a facer en Europa neste ámbito e favorecer a colaboración e a constitución de redes entre as distintas partes interesadas. 1000 entidades xa foron convidadas a formar parte do directorio.