A Xunta gasta 4,7 millóns de euros na renovación das licenzas de Microsoft

O executivo galego aprobou, nestes días, o expediente de gasto para a renovación de licenzas de Microsoft por unha cantidade de 4.744.877 euros para o período 2010-2013. Este paquete de licenzas supón para a Xunta un aforro de case seis millóns no pago do paquete Office mediante a unificación de contratos en tódolos departamentos autonómicos.

Ademais, o novo modelo contractual vai reducir un 18% os prezos fronte á situación anterior en que cada consellería realizaba os concursos por separado.

A unificación dos distintos contratos de licenzas, levada cabo a través da Secretaría de Modernización, permite dar maior transparencia á contratación, obter mellores condicións por volume de negociación e potenciar o uso de ferramentas ofimáticas de software libre.

Esta medida forma parte das liñas de actuación do Plan Acción 2010 en materia de software libre e fontes abertas (FLOSS) da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica dotado cun presuposto de 800.000 euros para este ano.

Fonte: Xornal.com, Código Cero