A Consellería de Sanidade inicia o desenvolvemento dun sistema informático para centralizar os méritos do curriculum vitae dos seus profesioanais

A Consellería de Sanidade está a traballar no deseño dun aplicativo informático denominado Expedient-e único do profesional, que permitirá centralizar e unificar os méritos de todas e todos os traballadores do sistema sanitario público galego, a través da xestión e o tratamento eficiente do seu curriculum vitae.

Fonte:

Desta maneira, os méritos relacionados coa experiencia profesional, formación continuada e posgrao, docencia e investigación, así como outras actividades, serán achegados unha única vez polo profesional, e entenderanse presentados para todos os procesos xestionados na área de Recursos Humanos na que o profesional queira participar, o que elimina a necesidade de presentación de documentación por cada convocatoria.

Coa posta en marcha do Expedient-e, da que xa foron informados os axentes sociais, e que estará listo no prazo de ao redor dun ano, conseguirase unha resolución máis áxil dos procesos que conleven a baremación de méritos (traslados, contratación temporal, procesos selectivos, acomplamentos internos, carreira profesional, entre outros), así como a redución das reclamacións e un importante aforro de papel e outros recursos materiais.

Outra das vantaxes será a modernización da xestión e un incremento da calidade do servizo aos profesionais, posto que o sistema contará con toda a información actualizada sobre o currículum vitae dos mesmos, permitíndolle a cada traballador facer un seguimento dos procesos nos que decide intervir a través de consulta do estado dos seus méritos, conseguindo, deste xeito, un sistema áxil e transparente.

En consecuencia, o Expedient-e único terá un impacto positivo non só para os 38.000 profesionais que traballan na Administración sanitaria, senón, tamén, para aquelas persoas que se atopen nas listas de contratación temporal con expectativa de emprego.