Nova rede wimax para a zona vella de Vigo

A nova rede, inaugurada polo tenente de alcalde, Santi Domínguez, ofrece acceso a internet de calidade en espazos públicos e centros municipais do casco vello. Con capacidade de 14 megas, a wimax é considerada unha ferramenta máis na revitalización e recuperación do barrio histórico.

Fonte: Concello de Vigo

 

"Trátase dun sistema innovador para o Casco Vello que completa as humanizacións, a rehabilitación de edificios ou instalacións de novos servizos, para facilitar o acceso ás novas tecnoloxías", destacou o tenente de alcalde na presentación, que tivo lugar na oficina de turismo da rúa Teófilo Llorente e na que tamén participou o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez. "Queriamos que o Casco Vello fora un lugar pioneiro na aplicación da rede Wimax, e desta forma non só recuperamos o pasado histórico senón tamén avanzamos cara a súa modernización", apuntou.

Santi Domínguez explicou que a Wimax é unha rede de banda larga, sen fíos e cunha capacidade de 14 megas. Co obxectivo de garantir a cobertura actual e permitir a súa ampliación, a rede conta con catro puntos de emisión, situados no Concello, o Castro, Domaio e o Meixoeiro que da cobertura a toda a cidade.

A rede Wimax ofrece unha ampla gama de posibilidades. Unha delas é a conexión a internet mediante acceso püblico en 14 espazos da cidade. Nesta primeira fase son Praza da Constitución, Porta do Sol, Praza do Berbés, Paseo de Alfonso, Pedra e polideportivo do Berbés, pero tamén se pode empregar noutras zonas da cidade, como nas piscinas de Lavadores, Teis e Valadares, os polideportivos de Bouzas, Coia e Lavadores e os complexos deportivos das Travesas e Samil. A conexión a internet establécese mediante unha conta de correo electrónico que dá acceso a un portal de benvida que ofrece información sobre a cidade.

A rede Wimax poderase empregar tamén para uso interno en dependencias municipais do Casco Vello como a Casa Galega da Cultura, UBAS, o servizo de asesoramento a emprendedores, o pavillón do Berbés, o Centro de Artesanía, o servizo de xestión catastral e a oficina de Turismo de A Pedra. Fóra do Casco Vello, asemade poderase utilizar nas piscinas de Teis, Lavadores e Valadares, nos polideportivos de Bouzas e Coia, no complexo deportivo de Samil, en Vigozoo, no edificio municipal do Areal, no parque de bombeiros e no parque central municipal e nos museos de Castrelos e Verbum. O tenente de alcalde indicou que mediante fibra óptica, a rede permitar establecer tamén a conexión na Casa de Xuventude, nas UBAS de Coia e Rivera Atienza, no polideportivo de Lavadores, no centro de emprego de Lavadores, no ximnasio do Carme e na piscina e o complexo deportivo das Travesas.

Destacou asemade que distintas instalacións municipais contarán con pantallas multimedia, como a oficina de Turismo de A Pedra, as piscinas de Teis, Lavadores e Valadares, os polideportivos do Berbés e Lavadores, o ximnasio do Carme e o complexo polideportivo das Travesas. "Estas pantallas permitirán que os cidadáns e cidadás que se acheguen a diferentes dependencias municipais teñan información sobre os distintos eventos que se celebren na cidade ou sobre calquera información de interese", dixo.