Lunes, 23 de Enero de 2012 12:01
Dende xaneiro de 2010, os emprendedores galegos teñen por costume xuntarse o último venres de cada mes nunha xuntanza que se deu en chamar "Lacon Network", e que naceu dunha idea dos equipos de ConfirmSign, unha das nosas empresas socias, e Pleiteando.com, rede social para profesionais do mundo lexislativo. O vindeiro 27 de xaneiro, a Lacon Network celebrará o seu segundo aniversario cun encontro no Centro Tecnolóxico de Arteixo (Avd. Arsenio Iglesias s/n), a partir das 10:00, no que o presidente de Eganet, Víctor López, intervirá como participante nunha das mesas redondas.
O formato destes encontros é eminentemente informal, o que lle da un gran valor ás cifras que acadou unha iniciativa á que xa se sumaron máis de 300 persoas na súa breve andaina, segundo cifras da organización. Mes a mes, a capacidade de convocatoria da Lacon Network e a fidelidade dos seus asistentes dan conta da boa saúde da iniciativa emprendedora galega e da orixinalidade das súas ideas.
Para celebrar por todo o alto estes dous anos de traxectoria, a Lacon Network preparou un encontro especial no que lle engade un plus ás dinámicas habituais destas xuntanzas co obxectivo de aumentar a visibilidade da iniciativa. Para empezar, o humorista Rober Bodegas será encargado de conducir a xornada, que comezará ás 10:00 coa presentación do acto por parte do alcalde de Arteixo, o popular Carlos Calvelo Martínez. Ás 11:00 abrirase a primeira mesa redonda, na que se falará de canles para o desenvolvemento da emprendedoría e, tras a pausa do café, comezará a segunda, sobre financiamento da emprendedoría (12:00).
Os asistentes terán a oportunidade de escoitar as verbas dos fundadores da LaconNetwork durante unha entrevista que terá lugar ás 13.00h. Xusto despois, ás 13.30, Eduardo Fernández, vicepresidente e director executivo de RIM España, será o protagonista dunha conferencia na que comunicará a súa visión sobre a innovación e a emprendedoría. O encontro pecharase coa xa tradicional LunchNetwork na que a partir das 14.30 os participantes poderán ter o verdadeiro "momento gástrico" e gozar das creacións culinarias do equipo da Escola Municipal de Hostalaría de Arteixo.
O custo total do evento é de só 17€ e, para facilitar a xestión do evento, a organización habilitou unha conta en PayPal para realizar o pago. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través do formulario web que se atopa na páxina da Lacon Network, na que se recolle tamén outra información de interese para os participantes. Asemade, as novidades sobre esta xuntanza do segundo aniversario pódense seguir a través das contas oficiais de Twitter e Facebook.