Europa aproba a Declaración de Granada para a nova Axenda Dixital

Os ministros responsables da política de Telecomunicacións e Sociedade da Información dos países membros da Unión Europea (UE), baixo a presidencia do ministro de Industria, Turismo e Comercio, Miguel Sebastián, acordaron a "Declaración de Granada para a Axenda Dixital" na reunión informal que se celebra até hoxe martes na cidade andaluza e que constitúe a cita principal da Presidencia española no ámbito da Sociedade da Información.

Fonte: Ministerio de Industria, Turismo e Comercio

A reunión púidose levar a cabo grazas a un sistema de videoconferencia por RDSI, dado que gran parte das delegacións non puideron asistir presencialmente ao encontro debido aos problemas causados no tráfico aéreo europeo pola erupción volcánica en Islandia.

Tendo como principais retos a recuperación económica e a competencia cada vez maior doutras rexións do mundo, a Unión Europea debe facer unha reflexión en profundidade sobre as TIC como factor esencial para o crecemento económico, a creación de emprego, a sustentabilidade e a integración social.

Segundo informa o Ministerio de Industria, a Declaración pretende ser un dos fitos de referencia no desenvolvemento da nova Estratexia Dixital, que promove a Comisión Europea durante o semestre da Presidencia española, e que contribuirá a afianzar o liderado tecnolóxico europeo neste sector estratéxico, cuxos efectos deben estenderse á cidadanía no seu conxunto, ás empresas e ás Administracións Públicas.

A Declaración Ministerial de Granada inclúe os principais eixes que son imprescindibles para lograr unha verdadeira sociedade e economía dixitais, innovadoras, sustentables e inclusivas.

A Declaración recoñece que o sector das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) constitúe un factor clave e estratéxico para o crecemento, tanto neste período de recuperación económica como máis a longo prazo. Todos os Estados membros están de acordo en que a Unión Europea necesita unha nova estratexia dixital ao redor das novas tecnoloxías e da implantación da Sociedade da Información e do Coñecemento.

A Declaración de Granada considera que esta estratexia deberá basearse nos seguintes eixos.

Infraestruturas
A UE debe contar con infraestruturas sólidas, máis rápidas e eficientes, especialmente respecto da banda larga e as redes de futuro.

É preciso adoptar medidas concretas para superar a fenda dixital alcanzando o obxectivo do 100% de cobertura de banda larga básica para todos os cidadáns en 2013 e promover unha ampla penetración da banda larga de velocidade ultrarrápida en 2020.

Tamén é necesario dar un forte impulso ao despregamento de redes de velocidade ultrarrápida de nova xeración, impulsando para iso a competencia entre provedores de banda ancha e a implementación dun marco regulatorio predicible, que promova o investimento eficiente en infraestruturas de banda ancha ultrarrápidas e en servizos relacionados.

Uso avanzado de Internet, seguridade e confianza
Europa necesita unha Internet máis segura, na que os cidadáns sexan capaces de aproveitar todas as potencialidades a través dunha adecuada alfabetización dixital, especialmente dos sectores máis desfavorecidos ou reticentes ao seu uso. O sector público ten aquí un labor fundamental como desarrollador de servizos públicos fundamentais en áreas como o e-Government ou a e-Saúde.

Dereitos dos usuarios
A Declaración avoga pola elaboración e difusión dunha Carta de dereitos fundamentais dos cidadáns na contorna dixital, facilmente comprensible, que reforce a seguridade xurídica e a transparencia, e sistematice os dereitos que asisten a consumidores e empresas na contorna dixital.

Tamén é preciso reforzar a protección dos datos e a privacidade dos usuarios de redes sociais e en sectores crave como a sanidade en liña ou os servizos de Administración electrónica.

Mercado Único Dixital

Un verdadeiro Mercado Único Dixital, soporte fundamental da economía do coñecemento en Europa, debe lograrse mediante a eliminación dos obstáculos regulamentarios, en particular en materia do acceso e das transaccións transfronteirizas.

Con respecto aos dereitos de propiedade intelectual, hai que promover activamente o desenvolvemento dos mercados europeos de contidos dixitais, mediante solucións prácticas que impulsen novos modelos de negocio e que, ao mesmo tempo, protexan e aseguren a xusta remuneración dos dereitos de autor.

Servizos Públicos Dixitais
Os países membros están de acordo na necesidade do desenvolvemento de novos e mellores servicos públicos dixitais, que reactiven a demanda e fagan explícitas as vantaxes da economía dixital e o goberno aberto. Estes servizos públicos deben promover a reutilización da información do sector público, incrementar a eficiencia da Administración e impulsar unha redución significativa das cargas administrativas de cidadáns e empresas, así como contribuír a unha economía máis eco-eficiente.

Neste ámbito, é preciso garantir a implementación de estratexias de Administración electrónica, en termos organizativos, legais e técnicos, incluíndo ao DNI electrónico e a firma electrónica.

Fortalecer a competitividade do sector TIC europeo
Hai que reforzar a competitividade do sector TIC apostando pola investigación, o desenvolvemento e a innovación mediante programas mellor adaptados ás especiais características das empresas do sector, especialmente as pemes.

A Declaración tamén defende que é necesario apoiar a innovación en TIC mediante a I+D en áreas nas que Europa ten un gran potencial de mercado, como a sanidade, a mobilidade ecolóxica, redes e medidores intelixentes e eficiencia enerxética, ou en sectores estratéxicos, tales como a Internet do Futuro ou o cloud computing.

Dimensión internacional da Axenda Dixital
Os Estados membros queren reforzar a dimensión internacional da UE no sector TIC, moi especialmente en ámbitos como a gobernanza de Internet ou a elaboración de normas internacionais.

Indicadores sobre a Sociedade da Información
Por último, a Declaración resalta a necesidade de progresar na elaboración de novos indicadores sobre a Sociedade da Información, fiables e adaptados á evolución tecnolóxica, e máis aliñados cos utilizados por outros organismos internacionais como a OCDE ou a UIT.

Descarga da Declaración Ministerial de Granada para a Axenda Dixital Europea acordada o 19 de abril de 2010