A ONU defende o acceso á banda larga como un “dereito civil básico”

A Secretaría Xeral da ITU (International Telecommunication Union), departamento da ONU encargado dos asuntos de tecnoloxías da información e comunicación, reta aos líderes mundiais a asegurar que máis da metade dos habitantes do mundo teñan acceso á Rede para o ano 2015 e defende que o acceso á banda larga de alta velocidade constitúa un “dereito civil básico”.

O secretario, Hamadoun Touré lanzou esta mensaxe ás altas esferas políticas e da industria na segunda reunión da Comisión de Banda Larga para o Desenvolvemento Dixital. Touré subliñou a importancia desta ferramenta posto que “ a banda ancha é o próximo punto de inflexión, a próxima tecnoloxía verdadeiramente transformadora. Pode xerar empregos, impulsar o crecemento e a produtividade, e reforzar a competitividade económica a longo prazo”.

O informe final da Comisión defende a implantación da banda larga para todos xa que “as tecnoloxías da información e a comunicación están xogando un papel cada vez máis importante como motor de desenvolvemento social e económico”.

En defensa desta premisa, a Comisión debateu sobre a accesibilidade económica a banda larga. No tocante a este tema, o documento destaca que mentres os usuarios dos países desenvoltos pagan menos do 1% da media de ingresos  mensuais por unha conexión de alta velocidade, os países menos adiantados pagan por unha conexión lenta un salario mensual.

Este informe final da Comisión fai fincapé na importancia de promover no mundo online a diversidade cultural e o plurilingüismo. O documento insta aos diversos gobernos a limitar a entrada no mercado sen impostos e servizos relacionados e a asegurar a dispoñibilidade de espectro amplo para apoiar o crecemento da banda larga móbil.

Fonte: Portaltic