Tres empresas de EGANET reciben a acreditación CMMI de calidade de software

Son Igalia, Imaxin|Software e Shylex  
 

2 Mares, Aldaba, Altia, Bahia Software, Igalia, Imaxin|Software, Lambda Stream, Satdata, Shylex e as institucións CESGA e IIT (Instituto de Investigacións Tecnolóxicas) da USC son as entidades do sector TIC galego que, paseniñamente e non sen traballo e esforzo, están a situar ao noso país no máis alto do cumio no referente a calidade de software, ao recibir, esta mesma mañá, os diplomas acreditativos de calidade de software CMMI (Capability Maturity Model Integration) que aboan a súa eficacia e competitividade no mercado a nivel internacional.

Grazas a un proxecto creado dentro da plataforma Vindeira da Consellaría de Economía e Industria e cofinanciado polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, Galicia sitúase agora como referente internacional de competitividade na calidade de software coa obtención da Acreditación CMMI por parte das devanditas entidades, que pasan a formar parte do exclusivo club da máis estrita acreditación internacional, coa que só contan un total de 2.500 empresas en todo o mundo, e unicamente 85 en España.

O obxectivo do modelo CMMI (Capability Maturity Model Integration), desenvolvido polo SEI (Enxeñaría do Software da Universidade Carnegie Mellon dos Estados Unidos) e traducido recentemente ao castelán, é unificar os procesos de software mediante a aplicación de mellores prácticas e innovación no ámbito da enxeñaría do software. Deste xeito, créase unha linguaxe común entre as empresas que lles permita ser máis competitivas, desenvolver software de maneira conxunta e facilitar a procura de socios e clientes a nivel internacional, que esixen aos seus fornecedores ter implantados estes modelos para asegurar a calidade do servizo.
En palabras de Enrique de Miguel Ilarri, portavoz do grupo, “o proxecto Vindeira: Excelencia Tecnolóxica é unha ambiciosa iniciativa cun grande impacto no sector TIC de Galicia, que busca favorecer a mellora da competitividade das empresas galegas co obxectivo de constituír un sector consolidado. Con este fin, orientamos os nosos esforzos á creación de produtos tecnolóxicos con vocación internacional, que está dando os seus froitos, para situar a industria TIC de Galicia como referente recoñecido a nivel europeo”.

O acto de entrega de acreditacións, que se está a desenvolver en Santiago de Compostela, conta coa presenza de Ricardo Capilla, director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Xunta de Galicia e Enrique de Miguel, coordinador do Grupo de Traballo de Tecnoloxías Base en Vindeira, entre outros, que asisten, xunto cos responsables das empresas acreditadas, á presentación do devandito proxecto e aos relatorios, CMMI como fórmula de innovación e O software de calidade é rendible, da man do responsable da Área de Mellora de Procesos CMMI de SOPRA-Group e do director de Sistemas de Caixa Galicia, respectivamente.

FONTE CÓDIGO CERO