Rubén López, novo director xeral de Elogia España

O galego Rubén López Ferreiro é o novo director xeral de Elogia España. Enric Aparici, conselleiro delegado e socio fundador que anteriormente exercía esas funcións, orientará a súa actividade á expansión internacional da compañía e á coordinación das diferentes filiais estranxeiras.

Elogia é un grupo de marketing e comunicación centrado na Internet. Actualmente conta con presenza en España, Portugal, México, O Brasil e Arxentina. O motivador fundamental do cambio xerencial en Elogia España foi “poder focalizar os nosos esforzos na crecente internacionalización de Elogia”, apunta o catalán Enric Aparici. “Levamos traballando desde o 1999 e hai dous anos que entramos en mercados de rápido crecemento como O Brasil ou México; isto esixe toda a nosa atención para medrar máis prestos”, comenta Aparici.

Entre os seus plans de expansión a curto prazo está abrir unha filial de Elogia en Italia.

 

O novo responsable de Elogia España é Rubén López Ferreiro, quen seguirá a reportar ao conselleiro delegado Enric Aparici. Ferreiro é o director fundador da axencia de marketing interactivo Galiciabanner, integrada como división de medios de Elogia (Elogia Media, antes Galiciabanner) desde agosto de 2007. Agora, como director xeral de Elogia España, “coordinarei os traballos das oficinas de Barcelona, Madrid e Vigo”, asegura Rubén López Ferreiro. Prosegue o novo director xeral: “Os nosos obxectivos fundamentais serán reforzar a nosa presenza en Madrid e consolidar o negocio e cross-selling das cinco divisións de Elogia”.

Entre as súas funcións como director xeral de Elogia España, López Ferreiro manterá o control directo sobre a división viguesa Elogia Media, que duplicou o seu cadro de traballadores desde a súa integración en Elogia.

Cambios en Elogia Creativa
Ademais do ascenso de Rubén López Ferreiro, Sara González foi nomeada directora da división Elogia Creativa en substitución do arxentino Diego Mourelos.

Sara González, directora de contas en Elogia desde 2005 é licenciada en Ciencias da Información e da Comunicación pola Universidade Autónoma de Barcelona e conta con varios postgraos de marketing e comunicación empresarial, ademais dun MBA da ESADE en Business Administration.

As divisións
Elogia é una axencia de marketing que se define como singular, enfocada a persoas e non a grupos, desde a especificidade de cada cliente, con estratexias singulares.

Ten cinco divisiones que abarcan os 360º de necesidades dos seus clientes:

Elogia Creativa, centrada na creación de pezas imaxinativas de comunicación online;

Elogia Data, orientada á programación de ferramentas digitais e á medición de campañas publicitarias;

Elogia Ipsofacto, dedicada á investigación de mercados;

Elogia Media, axencia de planificación e comunicación en medios interactivos e sociais;

Elogia Relaciona, que busca crear vías de comunicación entre as empresas e os medios de comunicación, ofrecendo unha visión estratéxica do negocio e das súas posibilidades comunicativas.