Igalia presente na MeeGo Conference cun stand na zona de exhibición e unha presentación de Grilo

Igalia, como parte da súa implicación no proxecto MeeGo, plataforma para smartphones e ultraportátiles principalmente desenvolvida por Nokia e Intel, estivo presente na MeeGo Conference 2011, celebrada no Embarcadero Center en San Francisco entre os días 23 e 25 e maio.

A empresa socia de Eganet foi a patrocinadora "Silver" da conferencia e contou cun stand propio na zona de exhibición, onde amosou varias demos dos seus traballos. Tamén participou no programa de conferencias cunha charla sobre Grilo impartida por Iago Toral. Grilo é un framework deseñado para facilitar o acceso a contidos multimedia proporcionados por fontes heteroxéneas. A exposición de Iago serviu para presentar Grilo á audiencia, explicando como pode axudar aos desenvolvedores de aplicacións multimedia.  Asemade, expuxo o xeito en que Grilo podería encaixar na plataforma MeeGo, tanto desde o punto de vista técnico como de prestacións.