Víctor López García: “As empresas TIC galegas están obrigadas a saír ó exterior”

O xornal Galicia Hoxe publicou este luns unha entrevista ao presidente de Eganet, Víctor López García, na que explica aos lectores o funcionamento e os obxectivos que desenvolve a Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e as Novas Tecnoloxías. Defende a expansión do sector TIC a novas áreas de influencia e considera imprescindible “un escenario no que as pemes poidan executar proxectos aquí e logo saír o exterior”.

Baixo o lema “24 proxectos para 24 meses”, Eganet trata de ofrecer unha cobertura informativa ás TIC galegas e  pretende apoiar aos emprendedores e empresas para conseguir que “ningunha boa idea deixe de saír adiante por falta de apoios na etapa inicial”.

Víctor López, no marco da situación actual do sector TIC galego, salienta que a clave do éxito radica en que estas pequenas e medianas empresas especializadas “poidan colaborar entre elas uníndose para desenvolver proxectos grandes: o todo faise coa suma das partes".

Víctor López García é o director de proxectos da empresa galega Ava Soluciones Tecnológicas e desde o mes de marzo o novo presidente da Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e as Novas Tecnoloxías, Eganet, nun momento no que se abren para as empresas do sector TIC interesantes perspectivas de futuro grazas á progresiva implantación das novas tecnoloxías tanto nos fogares coma nas empresas.
 
– ¿En que eidos operan as firmas asociadas a Eganet?
– Estamos nun subsector do macrosector TIC, traballando en software, internet, medios en liña, contidos e servizos. E tratamos de promocionar as empresas convocando uns premios anuais para galardoar os mellores proxectos no ámbito das TIC en Galicia. Preséntanse uns 300 proxectos cada ano, e hai catro finalistas en cada unha das dez categorías, o que nos permite difundir eses 40 proxectos e dar a coñecer traballos que se fan en Galicia e que son perfectamente competitivos.

¿Cales son os proxectos máis inmediatos que afronta Eganet?
– A nosa candidatura tiña como lema "24 prioridades para 24 meses" e entre as de máis calado están os servizos para os asociados día a día, como un boletín diario de prensa que recolla as noticias do sector nos medios ou apoiar novos emprendedores e empresas de recente creación no ámbito das TIC: conseguir que ningunha boa idea deixe de saír adiante por falta de apoios na etapa inicial. Por esa razón estamos a traballar actualmente con BIC Galicia en tarefas de formación estratéxica e nunha rede de mentoring para axudar as novas empresas. Tamén queremos crear sinerxías de Eganet con entidades doutros sectores, para tratar de facer dinamización das novas tecnoloxías neses sectores. Queremos difundir os casos de éxito e mostrar a madurez tecnolóxica das empresas galegas do sector TIC, para que se poidan visualizar así as novas tecnoloxías como investimento e non como un gasto.

¿Que vantaxes lles achegan as TIC ás empresas galegas en xeral?
– Incrementan as súas oportunidades de negocio e axúdanlles a ser competitivas e tamén a saír da crise, por iso é importante que conten con socios tecnolóxicos e que haxa un posicionamento e recoñecemento das TIC. Ademais ten unha grande importancia a actitude da administración pública, que haxa políticas sensibles que propicien o progreso da Sociedade da Información para que teñamos un sector forte en Galicia, no que nós podemos ofrecer o noso coñecemento da realidade galega e a nosa proximidade.

Supoño que na administracióno pública ten cada vez maior relevancia o que coñecemos como e-administración, a oficina sen papeis e con trámites máis áxiles.
– Si, aínda que a situación é moi mellorable. A maioría dos concellos, quitando os grandes, viven unha situación moi complicada e están incumprindo a lei de acceso dos cidadáns á Sociedade da Información, unha lei que deben cumprir desde xaneiro deste ano.

¿E como poden afrontar ese reto tan importante?
– A maioría deles están concienciados e saben que deben dar este servizo, e que ademais a e-administración lles permitiría optimizar a carga de traballo interna, polo que o traballo diario sería máis áxil grazas ós trámites telemáticos. Pero non teñen fontes de financiamento para iso, os programas que tiñan antes coma o Plan Avanza ou o programa de Concellos Dixitais este ano desapareceron. En vista dos casos de éxito que xa coñecían, moitos concellos estaban esperando esas axudas que non eran soamente para o software, senón que tamén lles permitían modernizar o seu equipamento interno, pero agora non teñen forma de facelo. É certo que hai proxectos coma os das deputacións, pero non se trata dunha implantación puntual, senón de manter e soster a e-administración dun xeito estable, e con estes programas o custo de mantemento non é asumible, non son sostibles a medio ou longo prazo. Así que hai vontade pero non un financiamento axeitado.

Outro eido no que traballan algunhas das empresas asociadas a Eganet é o da teleaprendizaxe ou e-learning.
– Si, hai varias empresas especializadas. Aquí o éxito non se consegue pasando arquivos en PDF a unha plataforma simplemente, hai que cambiar de metodoloxía e crear contidos adaptados á plataforma, contidos multimedia nos que se aproveite o audio ou o vídeo, que sexan interactivos, que amosen casos prácticos. Hai empresas galegas neste eido que se internacionalizaron e que traballan con persoas especializadas para crear contidos dixitais e multimedia, con equipos multidisciplinares.

A vantaxe logo está en especializarse nun campo.
– A maioría das empresas galegas do sector TIC son medianas ou pequenas, polo que a súa debilidade é que non poden afrontar grandes proxectos en solitario, mentres que a súa fortaleza está en que son máis áxiles para adaptarse. A clave é que esas pequenas e medianas empresas especializadas poidan colaborar entre elas uníndose para desenvolver proxectos grandes: o todo faise coa suma das partes. É un concepto que pretendemos trasladarlle á Xunta, que nun escenario de macroproxectos temos capacidade para desenvolver perfectamente as distintas partes dese todo, e a partir de aí poder internacionalizarnos, chegar do mercado local ó global.

¿Como ides afrontar esa colaboración entre empresas?
– A través dos consorcios de Eganet, que son polos de coñecemento nos que varias empresas ofrecen solucións complementarias, modulares e escalables. Por exemplo está o consorcio de empresas relacionadas co sector téxtil ou o das que traballan no eido da e-administración. Esas empresas poden traballar conxuntamente e seren competitivas e saír fóra. Queremos que a administración galega cree ese escenario no que as pemes poidan executar proxectos aquí, implantarse localmente e conseguir referencias que lles permitan saír fóra e obter novos contratos, participar en grandes proxectos. As empresas TIC galegas están obrigadas a saír ó exterior, a internacionalizarse, pero para iso precisan referencias de base, acadar contratos no mercado local.

Fonte: Galicia Hoxe