Remata con éxito o II Obradoiro de Xestión Estratéxica Empresarial de EGANET

EGANET, organizadora xunto co BIC Galicia do II Obradoiro de Xestión Estratéxica Empresarial, deu continuidade a esta proposta formativa específica para o sector TIC que comezou en 2010 e este ano celebra a súa II edición revalidando a aposta pola calidade.

Esta tarde porase punto final á II edición deste obradoiro especializado nas TIC que EGANET organizou e ofreceu de balde ás súas empresas socias co obxecto de proporcionar coñecementos e destrezas no eido da dirección empresarial.

Ao longo dun mes, profesionais especialistas informaron aos asistentes, a maioría deles membros directivos das empresas tecnolóxicas, e axudáronlle a desenvolvérense en cuestións como a elaboración do Plan Estratéxico Director de empresa, desenvolvemento do Plan Comercial, Introdución de Sistemas de Xestión de Operacións e Dirección e Xestión de Persoas.

A vindeira semana, un novo obradoiro

Con este mesmo obxectivo, o próximo 30 de maio dará comezo o Curso de Dirección Estratéxica, no que EGANET colabora co Grupo Femxa. O curso, de 35 horas de duración, terá lugar ao longo dos meses de maio e xuño no Edificio CERSIA, en Santiago de Compostela.