O prazo para entrar na segunda fase do programa B2C remata o día 13

O pasado mes de decembro anunciabamos que EGANET era escollida como entidade colaboradora do programa de asesoramento a pemes en Comercio Electrónico B2C, promovido por Red.es. Actualmente, e ata as 13.00h do 13 de xaneiro, atópase aberta a segunda fase de selección do proxecto, á que poderán presentarse as entidades interesadas en recibir as axudas para emprender ou mellorar proxectos de e-commerce a través do labor de asesoramento das entidades colaboradoras.

Os solicitantes deben cumprir e acreditar documentalmente os seguintes requisitos: ser autónomos ou pemes con 2 ou máis anos de antigüidade, de entre 0 e 250 empregados, cun volume de negocio anual non superior aos 50 millóns de euros (ou balance xeral anual non superior aos 43 millóns), con domicilio social en España e páxina web propia. Asemade, deberán estar ao corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, non incorrer nas prohibicións previstas no artigo 13.2 da Lei Xeral de Subvencións, e non ter natureza pública nin participación de accionistas públicos. Deben cumprir tamén a norma europea de minimis, que implica que non poderán recibir individual ou acumuladamente axudas co mesmo carácter, nun período de tres exercicios fiscais, se a contía das mesmas supera os 200.000€.

Estas liñas de axuda materialízanse en dous lotes. O Lote 1 contempla servizos de asesoramento especializado e individualizado a nivel básico, intermedio e avanzado, dependendo das experiencias e accións de e-commerce que o solicitante teña realizado con anterioridade. O Lote 2 vai encamiñado á implantación de solucións tecnolóxicas de comercio electrónico, que poden ou non ser as recomendadas polos asesores no Lote 1, e está supeditado ao cumprimento das obrigas derivadas deste. É dicir, as empresas poderán solicitar o Lote 1, ou ambos, pero non só o Lote 2. Porén, para esta segunda fase, os solicitantes poderán escoller á entidade da súa preferencia para a prestación do servizo de implantación, puidendo ser distinta das entidades colaboradoras seleccionadas por Red.es.


Documentación a presentar
En tódolos casos, independentemente do Lote que se solicite, deberán entregarse os anexos II, III, IV, V e VI, debidamente cumprimentados e asinados, ademais da seguinte documentación, ben orixinal, ben con copias notariais ou compulsadas, que acredita o cumprimento dos requisitos:

  • Certificado de situación de cotización da Seguridade Social, con fecha (necesariamente orixinal).
  • Certificado acreditativo de estar ao corrente das obrigas tributarias, con fecha (necesiariamente orixinal).
  • Documento oficial que acredite unha antigüidade empresarial de dous anos ou superior.
  • Documento oficial acreditativo do volume de negocios anual (non superior aos 50 millóns de euros).
  • Documento oficial que acredite o número de empregados (non máis de 250).
  • Documento oficial que acredite que a entidade ten domicilio social en España.
  • DNI do representante legal e escritura de apoderamento do mesmo, cando se solicite en nome deste. 

Presentación de solicitudes
Existen tres xeitos de achegar as solicitudes a red.es. O primeiro, entregándoa directamente no rexistro (Edificio Bronce, planta 2, Plaza Manuel Gómez Moreno s/n, Madrid); o segundo, por correo certificado á seguinte dirección;

Programa de asesoramiento a PYMEs en Comercio Electrónico B2C C-068/11-CD
Entidad Pública Empresarial Red.es
Dirección de Operaciones
Área de Economía Digital
Edificio Bronce
Plaza Manuel Gómez Moreno s/n
28020 Madrid


e, por último, a través da sede electrónica de red.es (https://sede.red.gob.es/sede), mediante o uso de certificado electrónico válido.

No caso de que a achega sexa por correo certificado, é necesario remitir ao correo electrónico empresaenred@red.es o xustificante da Oficina de Correos dixitalizado, coa data e hora do envío da documentación. O correcto envío deste xustificante é fundamental, e só será válido se hai constancia da transmisión e recepción, das súas datas, do contido íntegro das comunicacións e cunha identificación fidedigna do remitente e do destinatario, así como o nome do Programa (Programa de asesoramiento a PYMEs en comercio electrónico B2C - Convocatoria C-068/11-CD).

En tódolos supostos, a data límite de entrega é as 13.00h do día 13 de xaneiro de 2012.

Para máis información sobre o Programa e o procedemento de solicitude, convidámosvos a poñervos en contacto con EGANET, ou ben acudir directamente á Red.es, que pon a disposición dos solicitantes o teléfono 901 900 333 e o email empresaenred@red.es