Martes, 10 de Enero de 2012 00:00
O peche de 2011 deixounos un bo sabor de boca máis aló dos Premios Eganet 2011, grazas á incorporación de sete empresas novas á familia de Eganet. A confianza que depositaron na asociación supón un pulo no noso compromiso coas empresas socias e é un indicativo da vontade e necesidade de unir forzas neste ano que comeza. Damos pois a benvida oficial a Desoños, Tagen Ata, Tesla Technologies, Camburweb, La Náutica Servicios Náuticos, Elo Technologies e Trileuco Solutions.
Desoños, empresa con sede en Vigo, é un estudo de deseño adicado á oferta de servizos plenos no eido da comunicación, engadindo accións de consultoría web, deseño e programación, estratexias de social media e desenvolvemento de aplicacións móbiles para iOS e Android. No seu labor, abarcan todo o abano da imaxe corporativa, dende a creación da marca verbal (o nome da empresa) ata o deseño do packaging. Un dos seus proxectos, a web da empresa de viños María Fechoría, foi escollido polos internautas como mellor desenvolvemento web 2.0 nos Premios Innova-G 2011. A modo de curiosidade, son os creadores da imaxe gráfica de Tagen Ata, outra das novas socias que presentamos a continuación.
Tagen Ata Lingua e Comunicación é unha empresa especializada en servizos lingüísticos, formada por un equipo multidisciplinar, o que lle permite diversificar o seu catálogo de produtos, que hoxe inclúe formación, creación de contidos,comunicación e servizos lingüísticos, todos eles cunha clara aposta polo software libre e a partilla do coñecemento. Teñen, ademais, o seu propio portal de formación en rede bonificada e recentemente abriron tamén unha iniciativa en apoio ao comercio local de proximidade, a web comercioenrede.com
Tesla Technologies&Software toma o seu nome do célebre inventor da corrente alterna, e tentan levar o seu espírito innovador ao labor cotián, que desenvolven nos eidos do deseño web, a programación, o e-commerce e o posicionamento SEO. Apostan pola diversificación das tecnoloxías que utilizan, abarcando así un abano que vai dende o HTML5 e CSS3 ata linguaxes de programación como JAVA, Hibernate ou Spring Web Flow. Contan tamén cunha plataforma de comercio electrónico, www.tiendacentral.com
Radicada na cidade da Coruña, Camburweb é unha axencia especializada en e-commerce e marketing dixital aínda que cun ámbito de traballo máis amplo, tendendo a integración de servizos. Pódese contar con eles tamén para deseño e desenvolvemento web, optimización nos buscadores (SEO), xestión de redes sociais, mercadotecnia online, identidade corporativa, planificación dixital e aplicacións web. Desenvolveu proxectos para marcas como a consultoría legal Nebot, a empresa asistencial coruñesa La Familia ou o casino Winland.
La Náutica Servizos Náuticos, con sede na Coruña e oficinas en dez países, adícase á venta online de produtos náuticos. A partir dun novidoso proxecto de franquicias conseguiron mellorar a rentabilidade da canle de Internet, superando os 9.600 pedidos entregados dende 2007. Na súa web, traducida a cinco idiomas, contan con máis de 40.000 referencias de produto. Na última edición dos Premios Eganet, foi finalista na categoría de Proxecto Empresarial TIC.
Elo Technologies é a empresa que está detrás de BuyDeal.com, unha plataforma de promoción dos negocios galegos a través da rede, sendo a primeira no ámbito dos descontos no sector de beleza, lecer e restauración. Con isto, as empresas ofertantes reducen o gasto en publicidade ao tempo que aumentan os seus clientes, e a súa presenza en Internet. A web é totalmente compatible cos diversos sistemas operativos e accesible desde todo tipo de dispositivos. Actualmente, están traballando no desenvolvemento das versións para móbiles Android e iPhone. O seu proxecto estivo tamén nomeado aos Premios Eganet 2011, na categoría de Proxecto de Negocio Online.
Trileuco Solutions foi creada en 2010 por tres enxeñeiros informáticos formados na Coruña, e está especializada no desenvolvemento de ferramentas para a optimización dos procesos de negocio dun xeito máis xeralista do que se adoita atopar. Ofrecen tamén servizos de consultoría para a xestión de proxectos ou seminarios de formación. O seu departamento de I+D+i ven de desenvolver a plataforma LetsLearnTV, unha ferramenta de e-learning de idiomas a través de videoconferencia. Tamén foron finalistas na categoría de Proxecto Emprendedor TIC 2011.