EGANET preséntalle ao director xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida Trastoy, os seus proxectos en materia de creación de emprego no sector TIC

O presidente da Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías, Víctor López, e o tesoureiro da asociación, Carlos García, mantiveron unha reunión co director xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida Trastoy, ao que lle presentaron os proxectos de EGANET para a creación de emprego e apoio ao emprendemento no ámbito das novas tecnoloxías.

Entre as iniciativas propostas figuran a ampliación e dinamización da bolsa de emprego de EGANET, operativa dende hai seis meses, así como a organización dunhas xornadas para a detección de proxectos empresariais en fase inicial ou embrionaria que, orientándose ao mesmo mercado obxectivo ou sendo complementarios, poidan colaborar ou incluso fusionarse en iniciativas únicas, o que suporá a creación de proxectos empresariais máis potentes e con maiores posibilidades de éxito e valor para o sector.

O director xeral de Promoción do Emprego, pola súa parte, valorou positivamente estas iniciativas, así como a potencialidade do sector das novas tecnoloxías en creación de emprego cualificado e autoemprego.