Eganet celebrará a súa Asemblea Xeral Ordinaria o 28 de marzo

Como cada ano, e segundo figura nos Estatutos da asociación, Eganet ven de convocar oficialmente a súa Asemblea Xeral Ordinaria, que terá lugar o vindeiro 28 de marzo no Salón de Actos do Museo Pedagóxico Galego (Mupega), en San Lázaro. Animamos a todas as empresas socias a participar activamente nesta Asemblea, que é o órgano máximo de decisión do que todas tedes dereito a formar parte, e na que se falarán e votarán puntos cruciais para o futuro percorrido da asociación.

A do 2012 vai ser, ademais, unha Asemblea de especial relevancia, xa que dela sairá ratificada unha nova Xunta Directiva que tomará as rendas da asociación durante os próximos dous anos, que van ser cruciais para as empresas de Eganet. As últimas eleccións realizáronse en marzo de 2010, e delas saíu a Xunta Directiva que o vindeiro día 28 vaise reconfigurar dun xeito ou outro a través da decisión das empresas socias.

No caso de non poder asistir, e para non perder a oportunidade de exercelo voso voto, os Estatutos contemplan a delegación do mesmo, que deberá comunicarse oficialmente antes do 27 de marzo ás 12:00.

Tendo en conta isto, o prazo de presentación de candidaturas á Xunta Directiva, tanto nos cargos en candidatura pechada (Presidencia, Vicepresidencia 1ª, Secretaría e Tesourería) coma nos de libre postulación (Vicepresidencia 2ª e dúas Vogalías), queda oficialmente aberto ata o día 23 de marzo ás 14.00h, data límite para que as empresas socias remitan a documentación da súa candidatura á asociación. Recordámosvos que, segundo os nosos Estatutos, as empresas que se candidaten teñen que ter, polo menos, un ano de antigüidade como asociadas e estar ao corrente no pago das cotas.

Ademáis da elección dunha nova Xunta Directiva, na Asemblea trataranse os outros temas e puntos recollidos nos Estatutos, como a aprobación das novas altas e baixas, a presentación dos informes de xestión e económico do ano 2011 e a previsión económica para o 2012. Haberá, por suposto, unha quenda de rogos e preguntas no que se abordarán diversos temas de interese a petición das empresas socias.

Agardámosvos!