A menos dun mes do encontro b-web

Aberto o prazo de inscrición no II Encontro Profesional b-web 2011 que terá lugar os días 2 e 3 de xuño. Eganet (Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías) colabora neste evento e ofrece aos socios interesados en asistir unha redución do 10% sobre o importe da tarifa xeral. 

Para saber quen somos temos que comprender como estamos conectados (Ken Robinson). Polo tanto, para saber como é a sociedade teremos que comprender como están conectados os individuos que a integran. A inmersión na Internet está a mudar modelos, formulas e tipos de conexión, o que afecta tamén ao mundo empresarial. Coas redes sociais como motor a comunicación, a mercadotecnia e os modelos de negocio están nunha auténtica ebulición 2.0.

O II encontro b-web ten por obxecto afondar nas novas canles de comunicación, novas oportunidades de venda e da posibilidade de interacción directa cos clientes. En concreto, nesta segunda edición centrarase na análise do universo on line como unha ferramenta útil para crear, actualizar ou situar o modelo de negocio das empresas.

Os expertos máis reputados do sector darán resposta a todas as dúbidas que asaltan  ao falar de Facebook, Twitter, Tuenti, Foursquare, Linkedin o Flickr. Entre eles atópanse socios de Eganet como Sergio Lago, de Toupa.net, e Rubén Bastón, Social Media Director de Elogia.  Asemade, estarán Juan Merodio (autor do libro Cómo empezar a promocionar tu negocio en redes sociales, recibiu varios premios pola súa traxectoria empresarial na Internet), Juan Pablo Bustos (un dos precursores combinación da publicidade e a tecnoloxía), Carlos Blanco (empresario pioneiro na Internet en España e fundador de Grupo ITNet) e Javier Pedreira Wicho (responsable de Informática dos Museos Científicos de A Coruña e un dos autores do blog www.microsiervos.com).

En total, en b-web 2011 participarán máis de 30 profesionais de primeiro nivel en conferencias, casos prácticos e obradoiros de comunicación 2.0, e mercadotecnia na Internet ou o e-business como marco.