Alta asistencia e participación no seminario sobre propiedade intelectual

A empresa multinacional Clarke, Modet & Cº, en colaboración con EGANET convocaron un almorzo de traballo no que abordar a cuestión da propiedade intelectual no novo ámbito dixital. Ao acto achegáronse un bo número de asistentes, a maior parte deles, profesionais relacionados  co sector TIC. A alta participación dos mesmos permitíu que a xornada se desenvolvese de xeito fluído e ameno, á vez que se pon de manifesto a  gran demanda de información e asesoramento neste eido entre os profesionais galegos.

A Propiedade Intelectual é unha das disciplinas xurídicas que maior controversias está a suscitar no panorama actual e que máis puntos de vista presenta á hora de ser tratada.

 Tamén en Código Cero e La Voz de Galicia

A actividade tivo lugar o 2 de decembro no Instituto Tecnolóxico Empresarial Caixa Galicia de Santiago de Compostela. O presidente de Eganet, Víctor López García, e o xerente de Clarke, Modet & C° en Santiago de Compostela, José Manuel Freire, déronlle a benvida ás persoas asistentes e inauguraron a xornada, á que lle seguíu unha exposición de aproximadamente unha hora sobre a propiedade intelectual no novo ámbito dixital por conta de José Luis Sagarduy, Director de desenvolvemento de Negocio de Clarke, Modet & Cº. Posteriormente, co propósito de facilitar a reflexión, o debate e o intercambio de experiencias e opinións, o moderador deu paso a un coloquio no que os asistentes expresaron as súas opinións, experiencias e dúbidas.

Desde a óptica da propiedade intelectual, nesta xornada expuxéronse as medidas para a protección da web 2.0, os proxectos Open Source como vía para a implantación dunha política de Propiedade Industrial e Intelectual no sector TIC e a protección do continente e do contido nas plataformas e-learning. Asemade, abordouse a cuestión das diferentes licenzas (licenza propietaria fronte a software de fontes abertas) e as alternativas ao sistema tradicional de explotación de contidos, como son Creative Commons e ColorIURIS.