Categorías

 

Botón de presentación de candidaturas

Categorías Xerais:

  1. Premio PROXECTO COLABORATIVO EMPRESARIAL TIC
  2. Premio EMPRENDEDOR TIC
  3. Premio APLICACIÓN SOFTWARE
  4. Premio COMUNICACIÓN DIXITAL
  5. Premio NEGOCIO ONLINE

As categorías recollidas son cinco, ás que se engade o Premio Especial EGANET que a Asociación outorga ao proxecto, entidade ou personalidade galega que dende a última edición, máis se esforce en dar a coñecer e impulsar a realidade galega no contorno Internet e, deste xeito, contribúa a promocionar as novas tecnoloxías en Galicia. Para este premio non se recibirán candidaturas e será a Asociación quen elixa ao premiado.

Premio PROXECTO COLABORATIVO EMPRESARIAL TIC

Poden optar os proxectos colaborativos de 2 ou máis empresas galegas. Se participaron empresas foráneas a porcentaxe mínima de participación das empresas galegas debe ser dun 75%. 
Valorarase especialmente o seu grao de innovación, a súa repercusión social e económica, o impacto na xeración de emprego e a aplicación de políticas de responsabilidade social empresarial, así como a utilización óptima das TIC.

Premio EMPRENDEDOR TIC

Poden optar os emprendedores cuxo proxecto empresarial conte con menos de 3 anos de antigüidade e que dito proxecto empresarial estea relacionado directamente con Internet ou coas novas tecnoloxías.
Valorarase especialmente o seu grao de innovación, a súa repercusión social e económica, a potencialidade de xeración de emprego e a aplicación de políticas de responsabilidade social empresarial así como a utilización óptima das TIC na súa estratexia empresarial.

Premio APLICACIÓN SOFTWARE

Nesta categoría terán cabida os produtos software orientados ben a mellorar e sistematizar procesos no seo das empresas ou outras entidades, ben a ofrecer ferramentas dixitais que amplíen as posibilidades dos traballos tradicionais.
Valorarase a interactividade que acheguen, o carácter innovador, a adaptabilidade aos distintos soportes dixitais, o deseño visual dos proxectos e a valoración da/s entidade/s que teña/n a aplicación implantada.

Premio COMUNICACIÓN DIXITAL

Prémianse as mellores iniciativas relacionadas coa Publicidade Online, Social Media, etc. Poden ser tanto campañas como resultados de desenvolvementos de software, como calquera proxecto que teña un impacto no eido da comunicación online.
Serán especialmente valorados aqueles proxectos que integren adecuadamente diferentes soportes e tecnoloxías. Valorarase a orixinalidade, a planificación, a creatividade e os resultados obtidos co proxecto. Poden presentarse tanto empresas ou profesionais que fornezan servizos de comunicación online como as propias empresas anunciantes que contrataron o proxecto de comunicación dixital.

Premio NEGOCIO ONLINE

Esta categoría recoñecerá a creatividade e innovación para a comercialización na rede. Poden presentarse tanto as empresas ou entidades que lanzaron o proxecto de negocio online como as empresas galegas provedoras de solucións de negocio online. Serán de especial interese os proxectos de empresas que teñan aproveitado a Rede para redefinir os seus procesos empresariais ou os seus obxectivos, integrando totalmente a súa presenza online nun plano estratéxico empresarial.
Valorarase a novidade, a mellora da competitividade, a constancia temporal, a integración de internet na súa estrutura de negocio e non como un sistema máis de comunicación, aportando un uso óptimo das posibilidades do comercio electrónico entendido no seu sentido máis amplo, non limitado á venda online.