Os firmes avances do software libre

A informática en fontes abertas continúa a ser máis ca unha tendencia ou unha moda. A comunidade desenvolvedora de software libre consolidouse na actualidade como a gran fornecedora de programas e solucións en todos os ámbitos e para todos os públicos. Todo un ideario e case un estilo de vida que agora, non sen tempo, atopa nas Administracións un apoio decisivo que á súa vez persegue retroalimentarse e busca a súa contrapartida. Os últimos anuncios da Xunta respecto do software libre, como doutros gobernos autonómicos, así o corroboran. Pero imos prestarlle unha atención un pouco máis detallada ás medidas que vén de anunciar a AMTEGA e avaliar as súas repercusións, isto é, trátase dos acostumados anuncios políticos sen unha transcendencia práctica relevante ou estamos ante unha vocación real de asumir o software libre como ideario e aposta propia da administración?

O pasado 12 de maio a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, presentou un balance de actuacións en software libre do ano 2011 e fixo a presentación do Plan de Acción FLOSS 2012, entendemos por suposto que as medidas propostas xa están en desenvolvemento. Aínda que a idea lanzada é que non foi ata o actual Goberno que a Xunta dispón de plans anuais específicos para o software libre, todos coñecemos esa práctica habitual e moi recorrida polos distintos gobernos de agrupar todas as actuacións dos distintos departamentos baixo unha mesma etiqueta, sumar as partidas orzamentarias e chamarlle Plan, sexa o ámbito que sexa e incluído o do software libre. Porén a Xunta si está a levar a cabo determinadas actuacións que supoñen un antes e un despois neste ámbito. Sen que supoñan polo momento unha revolución, son un cambio de filosofía que á larga ben pode mudar por completo a actual relación da Administración galega coas TIC.

O verdadeiro cambio de orientación

En 2011 a AMTEGA estableceu un procedemento para a liberación de todo o software propiedade da Administración, procedemento que segundo anunciou Mar Pereira se vai aplicar en todos os departamentos do Goberno galego. A transcendencia desta medida é sen dúbida maior que todas as actividades de difusión posibles ou mesmo os apoios económicos directos ao desenvolvemento en fontes abertas. É aí onde radica o verdadeiro espírito de cambio, coordinado por unha Oficina de Coordinación de FLOSS, outra das novidades destes últimos anos en materia de software libre, oficina da que descoñecemos forza de traballo e recursos, pero que conta a priori con capacidade de actuación transversal en toda Xunta.

Unha transcendencia semellante acádaa o acordo de colaboración da Xunta con CENATIC, o centro de referencia para o software libre da Administración estatal, que favorecerá a reutilización do software, isto é, antes de calquera tipo de desenvolvemento ou contratación buscarase unha solución xa existente no ámbito do software libre susceptible de ser reutilizada ou modificada que no caso de existir, evitará duplicidades e gastos innecesarios. O que o Goberno galego vai desenvolver mediante estes principios rexedores e concreción de procedementos, vén de anuncialo tamén hai pouco o Goberno vasco, pero para executar mediante decreto, o que supón aínda un paso por diante.

Medida, outra volta sen necesidade de achega económica pero con gran repercusión no eido do software libre é o código de boas prácticas que a Xunta desenvolveu en 2011 no eido da contratación de produtos e servizos TIC. Os desenvolvementos tecnolóxicos que se contraten dende calquera dos seus departamento deben basearse sempre que sexa posible nas fontes abertas e en todo caso a propiedade será da Xunta. Segue sendo un consello contemplado nun código de boas prácticas, será na capacidade para facer cumprir a recomendación onde radique o éxito da medida.

O sector empresarial

Unha das vías de potenciación do SL nos últimos anos, xa dende os tempos do bipartito, son as ordes de subvención destinadas aos produtos e servizos TIC creados polas empresas galegas, que outorgan unha maior puntuación aos proxectos desenvoltos en tecnoloxías libres. A Xunta actual segue a fomentar esta medida, non sen certa insolidariedade para co sector empresarial, porque aínda que se dá por sentado que o software libre fomenta a “xeración de emprego cualificado nas empresas TIC galegas”, realmente xera máis emprego cualificado que o sofware non liberado?. Tamén se recoñece abertamente que o SL fomenta a xeración dun tecido TIC “máis internacionalizable e internacionalizado”, pero tampouco temos diante os estudos pertinentes.

Isto é, vai ser o sector TIC máis competitivo fomentándose nel o modelo de negocio baseado en software libre, ou cabe neste escenario o apoio ao software propietario, considerando que hoxe en día gran parte da rendibilidade dun produto tecnolóxico se obtén da explotación comercial da súa licenza. E sen o ánimo de abrir o debate das patentes de software, tampouco habería que esquecer a contradición de que as empresas TIC accedan, por outra parte, ás axudas da propia Xunta ao rexistro de patentes de propiedade industrial. Pero non é tanto a posta en dúbida de que se prioricen ou non os proxectos desenvoltos en SL, senón da vella necesidade de que se avalíe a realidade do traballo e o mercado das empresas TIC do país á hora de definir as axudas ao sector.

A gran migración

 

Se ben se poden considerar as medidas orientadoras da política de desenvolvementos e contratacións TIC da Administración as máis transcendentes ou relevantes de cara ao xiro da Administración pública ao software libre, a principal causa de controversia pública segue sendo o inxente gasto nas licenzas das ferramentas ofimáticas, que aínda que a Xunta vende como aforro, parece excesivo dispóndose de ferramentas libres coas mesmas utilidades. A AMTEGA anunciou a este respecto un estudo, unha “análise de impacto da migración das ferramentas ofimáticas do posto de traballo dos funcionarios exclusivamente a software libre”. Aínda que xa a práctica totalidade dos terminais ten instaladas aplicacións abertas, haberá que agardar aos resultados do estudo para sabermos se se renovan as controvertidas licenzas a Microsoft, que deberían rematar no ano 2013.

A celebración da Libre Software World Conference 2012 na Cidade da Cultura en outubro, a posta en marcha do portal Open Data da Xunta, os proxectos de formación e asesoramento, o apoio a proxectos xa iniciados no bipartito como Mancomún e a súa forxa ou a ferramenta NavalPlan, renomeada LibrePlan, o repaso ás actuacións previstas polas distintas consellerías co proxecto Abalar á cabeza, e convenios de colaboración con asociacións de usuarios de software libre e coa Asociación Galega de Empresas de Software Libre,  completan o repertorio das medidas do Plan Floss 2012. Non é doado atopar hoxe desacordo social coas políticas da Xunta a respecto do software libre, aínda que se xeraran dúbidas sobre o mantemento do seu apoio co cambio de goberno en 2009. Con todo, o tempo xulgará os resultados das “120 medidas” e se a Administración logra mellorar a súa eficiencia e xestión de recursos coa axuda do código aberto.