Nova lei para a innovación galega

A I+D galega vai ter un novo marco legal. A Xunta aprobou no seu Consello o proxecto de Lei de Fomento da Investigación e a Innovación de Galicia, unha lei que substituirá a actual, que suma xa case vinte anos de vixencia. O obxectivo do Goberno galego pasa por vincular a iniciativa privada na promoción da innovación, aparte da necesaria actualización normativa e adecuación aos novos marcos legais no Estado e en Europa. No Toxotic facemos un repaso pola situación da I+D+i galega e a repercusión que pode exercer o novo texto legal, unha lei que chega pouco despois de se aprobar a primeira lei de política industrial para Galicia.

Con efecto, unha actualización das normas reguladoras da actividade investigadora en Galicia era ineludíbel, datando a lei vixente do ano 1993. O propio Estado central actualizou a súa lei de ciencia o pasado ano e a concepción da I+D e a súa importancia económica mudou nestes anos aquí e na Unión Europea, até o punto de que o peso da I+D+i no produto interior bruto dos países é un dos factores determinantes do seu nivel de desenvolvemento e calidade de vida.

Todos os esforzos dos gobernos, incluído o galego, encamíñanse a incrementar pois o peso da súa I+D, posto que se supón un factor de arrastre das actividades económicas xeradoras de alto valor engadido e creadoras de emprego cualificado. A maior esforzo público, maior sería o esforzo privado ata igualárense e, nunha situación ideal, o investimento privado superaría o público. Pero o esforzo, as inxentes cantidades de diñeiro investido, diñeiro público nomeadamente, non acaban de acadar os resultados esperados.

A converxencia cos países da órbita europea preséntase sempre como obxectivo inalcanzábel, o colapso financeiro e a recesión demostraron que esa aposta pola I+D estaba só no papel, pero non na realidade, o crecemento económico sustentárase sobre outro modelo de desenvolvemento, sobre o ladrillo e a especulación inmobiliaria, que xeraba excedentes suficientes para cubrir outras partidas orzamentarias como aquelas destinadas á I+D ou ao gasto social. E no momento que se derruba ese modelo, este gasto derrúbase tamén.

Agora a lei da innovación defínenos outravolta a I+D+i como modelo de futuro e de crecemento económico. Ao mesmo tempo, a Lei reguladora da política industrial de Galicia, en vigor dende o 3 de xaneiro, contempla a innovación como un dos tres eixes programáticos do desenvolvemento industrial, xunto coa internacionalización e a mellora da competitividade. Volvemos ter no papel a aposta pola I+D+i, a vocación das Administracións por virar o modelo económico nesa tan ansiada economía do coñecemento.

Van facer posíbel esta viraxe as novas regulacións? Axudarán, na medida en que se pretende facilitar o asentamento de industrias e facer da innovación unha das actividades inherentes ao exercicio industrial, pero para que esa viraxe se produza será necesario un cambio estrutural de políticas e non só a regulación de determinados ámbitos. Un cambio que debe abranguer a política fiscal, o impulso ao desenvolvemento baseado nos recursos autóctonos, isto é, a potenciación real das nosas posibilidades no canto da importación ou copia de modelos alleos á realidade socioeconómica do país e, por suposto, se a aposta pola I+D é prioritaria, como polas novas tecnoloxías, esta debe ter a súa correlación nas cifras de investimento público, o seu peso no gasto público debe incrementarse e non diminuír, do contrario a aposta quedará, coma sempre, na teoría, no papel.

O capital humano, neste novo escenario, debe ser o piar básico, e o recoñecemento da situación de inseguridade e precariedade que viven as persoas dedicadas á investigación en Galicia, o punto de partida para mellorar esta situación e crear novas oportunidades. A lei que se nos presenta esquece ese factor do capital humano, aínda que aborde a necesidade xeral de captar e atraer talento así como de potenciar a formación dos novos investigadores.

Os contidos da lei

O proxecto de Lei de Fomento da Investigación e Innovación de Galicia define dunha maneira pormenorizada a estrutura do sistema galego de I+D+i, define os seus axentes, de coordinación, de execución e de financiamento, categoriza os espazos e áreas de innovación posíbeis –centros tecnolóxicos, polos e parques tecnolóxicos... –, crea novos organismos e figuras de planificación, asesoramento e estudo, entre eles o Consello Asesor en Investigación e Innovación, o Observatorio Galego de Innovación e o Comité ético de investigación clínica, e desenvolve tamén os contidos que debe incluír o Plan Galego de Investigación e Innovación, unha ferramenta que xa dende 1993 planifica o investimento público en I+D.

A lei establece ademais a Axencia Galega de Innovación, creada xa por decreto este mesmo ano, como o ente no que converxerán todos os departamentos da Xunta para coordinar as súas políticas de innovación e órgano do que dependerán o resto de organismos vinculados coa I+D.

Un dos capítulos da nova lei aborda a transferencia e valorización de resultados como clave para que a investigación galega acade o éxito, adiantando a creación dun fondo de proba de concepto para facilitar a explotación comercial dos resultados que sexan viábeis. E é esta a gran particularidade que a Xunta destacou na presentación da lei aos medios de comunicación, a colaboración dos ámbitos público e privado para chegar a facer rendíbel a actividade investigadora galega.

O proxecto terá que ser avaliado polo Consello Económico e Social de Galicia antes de ser remitido ao parlamento para a súa tramitación, aprobación e publicación no Diario Oficial de Galicia.