Muller, galega... e informática

A fenda dixital é unha das constantes que acompañan o desenvolvemento das novas tecnoloxías en Galicia. Tamén o é a fenda dixital de xénero, unha maior dificultade de acceso e emprego das novas tecnoloxías por parte das mulleres, se ben non existe aínda o país desenvolvido que non rexistre ese desequilibrio. Estes días chegábanos a nova de que dúas alumnas de Informática da Universidade da Coruña conseguiron senllas bolsas de Google dentro do seu programa Anita Borg Scholarship, centrado na visibilización da muller nos ámbitos da computación e a tecnoloxía. Pois precisamente neste ToxoTic imos recuperar o debate da fenda de xénero nas TIC, mais centrándonos naquela fenda que se cadra é a que máis doe: a dos estudos superiores.

Nun Estado que avanza en igualdade, no que de maneira progresiva a muller se incorpora aos ámbitos laborais máis masculinizados, no campo da informática non só non avanza, senón que retrocede. Décadas de democracia e de presenza das mulleres na Universidade non lle puxeron couto á súa infrarrepresentación en determinados estudos, especialmente nas enxeñarías, se ben é certo que ningunha delas rexistra ese proceso de masculinización, nin tan acusado, como a informática.

Tampouco se pode desvincular o descenso do número de alumnas do retroceso xeral de matriculados nos estudos universitarios de informática, unha perda de interese xa de por si paradoxal considerado o actual panorama de crecemento tecnolóxico, pero ese descenso non xustifica a perda de representación do alumnado feminino nos estudos que hoxe se denominan de Enxeñería Informática, Enxeñería Técnica Informática de Xestión e Enxeñería Técnica Informática de Sistemas.

O “éxodo”

Nunha década (2000-10), segundo a Estatística de Ensino Superior en España do INE, a presenza feminina na formación superior en Informática reduciuse na nosa comunidade en máis de cinco puntos, de roldar o 24% a supor pouco máis do 18%, e se cabe máis rechamantes son os datos de novas matriculacións, diminuíndo a porcentaxe tamén do 24% a un escaso 16%. Mais non é un fenómeno exclusivo de Galicia, os países máis desenvoltos, cos Estados Unidos á cabeza, lamentan a mínima representación da muller nas súas facultades de Informática, que chegaran a contar un 37% de alumnas en 1985. E estudos cuantitativos máis concretos para algunhas facultades do Estado español como a de San Sebastián sinalan taxas de presenza feminina de ata o 50% na mesma década dos 80.

Son varias as iniciativas que tratan de poñer o acento neste “éxodo” e corrixir a tendencia. Un dos colectivos máis activos é Donestech, un grupo de investigadoras sociais catalás que vén de publicar un estudo cualitativo que bota luz sobre o interese das mulleres na informática e as barreiras que experimentan no seu achegamento ás TIC. Titulado Mujeres programadoras y mujeres hackers, una aproximación desde Lela Coders e dispoñible en Internet, o estudo revisa as investigacións existentes ata o momento e dá un paso máis alá achegándonos as motivacións e experiencias de once informáticas moi ligadas á aos desenvolvementos en software libre e á filosofía do hacking, ámbitos nos que a participación feminina se reduce a niveis testemuñais.

Os factores


O devandito estudo de Donestech identifica diversos factores que impiden a igualdade no acceso ás ciencias informáticas, que abranguen “un amplo abano de barreiras e situacións de discriminación –latentes ou manifestas- escaladas ao longo do ciclo da vida, dende o ámbito familiar, o ensino primario, secundario e terciario, ata o mercado de traballo  e incluso os proxectos colectivos de natureza voluntaria”. Un destes factores é a asociación estereotipada de habilidades e intereses a cada xénero, na que a tecnoloxía queda para os homes, como tamén a imaxe de nerd ou “friki” da tecnoloxía, ao tempo que a visión estereotipada da muller intelixente choca co modelo de feminidade. Tamén influirían, entre outros, a invisibilización dos roles das mulleres nas ciencias e na tecnoloxía e a propia autocensura por parte das mulleres, a baixa autoestima e a infravaloración das súas capacidades. Non se trata tanto de “fontes de discriminación directa como de condutas subconscientes que tenden a perpetuar o statu quo”.

E aínda que non centrado na computación, senón nas enxeñarías en xeral, un estudo desenvolto nos últimos tres anos por un grupo de investigadores da Universidade de Vigo conclúe tamén que son os estereotipos masculinos os que seguen provocando a fenda de xénero nas enxeñarías. A transcendencia do seu estudo radica en que se realizou sobre o alumnado de 2º de bacharelato científico de Galicia, período no que rapaces e rapazas escollen as súas vocacións universitarias, e ademais de detectar a menor autoestima delas que as fai percibir unha maior dificultade para cursar as carreiras tecnolóxicas, pon de manifesto o feito de que tamén tenden a buscar unha utilidade social para os seus estudos, derivando a carreiras como Medicina, Bioloxía ou Química, “fronte aos seus compañeiros varóns que se fixan máis no prestixio social e nos ingresos posteriores”.

O certo é que a muller foi perdendo peso nos estudos de Informática conforme a profesión gañou en recoñecemento e prestixio social. A Rede de Mulleres en Informática (Rede Muin), na que participan mulleres informáticas de todo o Estado e da que é colaboradora Eganet, é moi explícita a este respecto. Na súa páxina web destaca que o “primeiro gran descenso de mulleres matriculadas en informática se produciu cando os títulos se cambiaron de diplomatura e licenciatura en Informática a títulos de enxeñaría”.

As intervencións

Non parecen existir receitas únicas para atraer as mulleres á informática, considerando os diversos factores que interveñen nesa falta de interese. Nunha recente visita a Galicia, Frances Allen, a primeira e única muller ata o momento en gañar o premio Turing –considerado o nóbel da computación- avogaba por amosar máis o valor social da informática e por mellorar os métodos de ensino universitario. Nos Estados Unidos veñen de tomar nota. Co fin de que as súas estudantes se decanten polas ciencias computacionais, as universidades americanas están a modificar os seus cursos introdutorios de informática, facéndoos máis atractivos e orientándoos ás vertentes útiles da informática e a súa conexión con outras disciplinas. A experiencia iniciouse no Harvey Mudd College de Claremont, California, alentada pola presidenta do centro, a informática María Klawe, que conseguiu en poucos anos incrementar a súa porcentaxe de alumnas ata o actual 40%.

Aínda que as actuacións deban atinxir todos os ámbitos, familiar, educativo, laboral, mediático, as que posiblemente poidan intervir de maneira directa no incremento de alumnas nas escolas galegas de informática sexan as desenvoltas no ensino preuniversitario. A Rede de Mulleres en Informática propón a creación de material multimedia de presentación das TIC en secundaria –e primaria- para incentivar as nenas a elixir esta opción de estudos, presentando as mullleres informáticas como modelos profesionais atractivos, materiais que modifiquen a imaxe do profesional en informática e fagan ficapé no compromiso social da tecnoloxía e superen a  “imaxe asocial, illada, descomprometida e solitaria –friki- do informático”. A propia Eganet desenvolveu un programa de achegamento das TIC aos centros de educación secundaria, Desféndete, mediante os que se lles presentaban aos estudantes as empresas da asociación, se mostraba e desmitificaba o seu traballo.

Pero tamén deben estar no punto de mira os propios deseños curriculares. Á maioría dos que botemos a vista atrás non non será difícil recoñecer o maior entusiasmo de mestres de determinadas materias, pondo por caso a literatura, a historia, as ciencias, incluso as matemáticas. A informática non debe quedar relegada ao ensino indiferente de linguas de programación, a códigos, porque todo ese código serve para algo, e de feito xa serviu para mudar a vida da xente, para mellorala. E non implicar as mulleres no desenvolvemento tecnolóxico significa perda de ideas, porque se deixa á marxe a perspectiva da metade da poboación, e perda de posibilidades de inserción laboral.