Emprender en TIC (II). A guía necesaria

Cando viñamos xusto de abordar a necesidade dun escenario clarificador das oportunidades de emprendemento en novas tecnoloxías da información e da comunicación, coñecemos a posta en marcha dunha nova ferramenta a disposición do sector TIC e especificamente destinada aos emprendedores. Trátase do portal web Obxectivo Emprendemento TIC, que promove a Xunta de Galicia a través do Bic Galicia, organismo dependente do IGAPE. Imos analizar a nova web oetic.bicgalicia.es e as novidades que ofrece e consideraremos a súa utilidade como instrumento de “información, aprendizaxe e apoio para os empresarios e profesionais do sector”, segundo a definición dos seus promotores.

O portal sorprende por unha aparencia inicial de orde e claridade, estruturándose en catro grandes apartados temáticos, ademais dunha “Axenda TIC” e un espazo participativo. A sinxeleza da presentación parece contribuír a pór en orde o que nun principio parecería misión imposible, ofrecer unha visión integral da composición do sector TIC de Galicia e visibilizar de maneira esquemática os recursos dispoñibles non só para as empresas do sector e os emprendedores, senón tamén para as entidades demandantes de tecnoloxía.

Non se trata de recursos propios, agás algún do Bic Galicia. O que fai OETIC é recoller enlaces aos espazos fornecidos por fontes estatísticas e divulgativas, así como polo propio tecido produtivo das TIC, de ámbito privado ou público e, o que é máis importante, ordenalos e esquematizalos de maneira eficiente facilitando a comprensión da situación e composición do sector no país e o acceso ás devanditas fontes. Os catro eixes temáticos que compoñen o portal son “Achégate ao sector”, “Espazo do emprendedor”, “Carteira tecnolóxica” e “Oportunidades de negocio”. Vexámolos polo miúdo.

Achégate ao sector


Agrupa as principais fontes de información existentes sobre o sector TIC, con enlaces directos a publicacións e informes específicos. É o mellor punto de partida para quen busque calquera tipo de información sobre a situación das novas tecnoloxías na comunidade autónoma ou no mundo, incluíndo todos os observatorios do sector e aqueles que gardan algunha relación con el, enlazando mesmo as seccións específicas que para as TIC ofrecen entidades de información globais como o INE ou o Eurostat.

Este primeiro apartado tamén recolle os links directos ás publicacións que analizan a iniciativa emprendedora TIC e aos máis recentes estudos das distintas fontes especializadas, non esquecendo ningunha perspectiva: penetración das TIC na sociedade, nas empresas; situación do software libre; administración electrónica; seguridade da información; innovación e ciencia, entre outras . Ademais, aínda que sen desenvolver, resúmense os servizos sen custo que ofertan as asociacións galegas do sector TIC aos seus usuarios.

Espazo do emprendedor


Trátase dunha completa guía para os emprendedores, abarcando a información existente sobre modelos de negocio, servizos de apoio, incubadoras de empresas, recursos de apoio, mecanismos de financiamento e un espazo de internacionalización. Por suposto destácanse as ferramentas propias do IGAPE como son a Rede Méntoring ou o espazo Exportgalicia.

A sección de modelos de negocio está aínda moi incompleta, pretende ofrecer exemplos de empresas baseadas nas distintos modelos, pero só parecen ter un mínimo éxito a consultoría e a formación. No entanto, si se ofrece unha exhaustiva información das entidades públicas e privadas que apoian a actividade emprendedora, dos seus recursos e dos distintos programas de financiamento clasificados por ámbito territorial e tipoloxía, incluíndo as redes existentes de capital risco, business angels e información sobre mercado alternativo bolsista e incentivos fiscais.

Carteira tecnolóxica

Oferta e demanda teñen o seu punto de encontro no portal OETIC e moi especialmente nesta sección na que o usuario atopará o mellor compendio das capacidades tecnolóxicas existentes en Galicia, alén do acceso á información sobre as tecnoloxías emerxentes no mundo. Inclúe un directorio TIC e agrupa baixo o mesmo paraugas todas as entidades que dunha ou outra maneira se ocupan da investigación e innovación en novas tecnoloxías de Galicia, como o Centro Demostrador TIC, as plataformas tecnolóxicas e os seus grupos de traballo e os centros tecnolóxicos.

Tamén se destaca na sección de Carteira Tecnolóxica un apartado moi completo de Xestión da Innovación que alberga os recursos fundamentais referidos á I+D+i, como certificacións, vixilancia, transferencia de tecnoloxía, entre outros procesos de utilidade. OETIC adianta tamén o futuro deseño dunha ferramenta de valoración de proxectos e negocios TIC que “permita simplificar o proceso de negociación relativo á venda ou entrada no capital dunha sociedade do sector TIC dun novo socio ou investidor”, ferramenta aínda non desenvolta.

Oportunidades de negocio

Orientado a empresas do sector, abrangue a información dos ámbitos nos que Administracións e outros sectores de actividade están a demandar produtos e servizos TIC, enlaza portais de licitación pública e doutros organistmos e, a maiores, á bolsa de emprego das distintas entidades e centros do sector que contan con ela, caso da asociación Eganet. Por outra parte, aquí atoparemos a meirande relación de normativa legal sobre o sector TIC mediante o acceso estruturado por temas á lexislación publicada polo Observatorio Tecnológico del Sector TIC e a Fundación para el Desarrollo Infotecnológico de Empresas y Sociedad (FUNDETEC), aínda que os enlaces a esta última parecen estar errados.

Espazo de participación e Axenda TIC


Máis ca ofrecer unha axenda en si mesma, o novo espazo web do Bic Galicia volve compendiar de maneira efectiva as axendas e seccións de novas dos distintos axentes do sector TIC, públicos e privados, así como os cursos de formación, redes sociais e contactos web. O espazo “Participa” unicamente permite a posta en contacto cos xestores do portal para a actualización de ligazóns, introdución de novas ligazóns e contidos.

O principal cometido co que nace o portal OETIC é o de fomentar as iniciativas emprendedoras TIC en Galicia. Consígao ou non, o que si conseguiu xa é servir de guía cando menos para coñecer a actividade TIC que se desenvolve en Galicia, independentemente de que o usuario sexa un emprendedor ou emprendedora, unha empresa grande ou pequena, un xornalista, un cidadán. Por iso xa é unha ferramenta útil, e que se precisaba, porque o sector presenta unha gran disparidade de axentes e porque a pesar da expansión da sociedade do coñecemento, segue a ser un sector descoñecido.

Que os emprededores atopen aquí aqueles recursos que busquen xa non vai depender do propio portal, porque como acabamos de ver é certamente rigoroso e pormenorizado, senón de que eses axentes, administracións, centros, asociacións, etc., teñan desenvolto ou non os devanditos recursos. Porque o que si se segue notando, entre toda a información posible, é a visible carencia de manuais, guías de xestión, financiamento, etc., específicas para as empresas do sector, cando si existen para outras áreas de actividade económica.