Axudas e financiamento, unha utopía

Que o sector TIC ten a consideración de estratéxico é unha realidade asumida dentro das economías de calquera país desenvolvido. Tamén que as novas tecnoloxías son responsables, nunha porcentaxe crecente, da mellora da produtividade, ata o punto de que os índices de desenvolvemento da sociedade da información (penetración das TIC nos fogares e nas empresas, produción de tecnoloxía) son indicativos do desenvolvemento económico e do nivel de vida dos Estados ou rexións que se analizan.

Nos últimos anos, todos os Gobernos e a propia Unión Europea realizaron importantes esforzos para o impulso das TIC nos seus territorios, definiron estratexias e obxectivos plurianuais, dende a poderosa Alemaña ata España e os seus Gobernos autonómicos, incluíndo a Xunta, que desenvolve neste momento a súa propia axenda dixital 2014. Dentro destas estratexias, sinálase o sector empresarial da Sociedade da Información como factor clave para a dinamización económica, porque unha maior taxa de emprego no sector produtivo TIC e un uso intensivo das TIC nos sectores industriais tradúcense en maiores crecementos de produtividade e competitividade.

Recorte orzamentario


Logo de catro anos de crise, a política económica segue a inspirarse nesa teoría de impulso aos sectores tecnolóxicos e á conversión da economía do ladrillo na economía do coñecemento. Fóra da teoría, á hora da verdade, o sector das novas tecnoloxías afronta os mesmos problemas -financiamento, carga de traballo, destrución de emprego-, que calquera outro sector de actividade sen que, no caso galego, o apoio público contribúa a paliar dalgunha maneira estes problemas. A realidade é que, se publicamente se recoñece e se pregoa que a recuperación económica virá do camiño do “crecemento intelixente”, na práctica asistimos a un recorte orzamentario cando menos nas partidas destinadas aos desenvolvementos TIC do tecido empresarial.

Que se trata dunha diminución comprensible dentro da política xeral de austeridade e recorte do gasto público? Si. Agora ben, non é tamén este o momento de demostrar que o obxectivo de fomentar a economía do coñecemento é real e non só discurso político sen unha aposta efectiva detrás? Non será hora de mudar hábitos de “subvencións” por “axudas reais”? Para cando unha aposta firme da administración polos produtos e servizos da empresa galega? A menores recursos, maior debe ser o apoio ao propio; e crear fortalezas, o obxectivo. Precisamos constituír un tecido produtivo forte e autosuficiente e as subvencións, tal e como se sustentan hoxe, só levantan movementos puntuais e economías de subsistencia demasiado febles que abocan á desaparición de proxectos e empresas.

Tramitación e financiamento


Formalmente, as liñas de apoio público aos desenvolvementos TIC adquiriron un maior grao de sofisticación e complexidade, en favor dunha maior transparencia de xestión e dunha mellor adecuación ás necesidades do mercado. Porén, o que nun principio debería supor unha simplificación burocrática na tramitación destas axudas, na práctica derivou nunha infinidade de requirimentos técnicos e económicos que imposibilita en moitos casos a mínima aspiración a acceder a elas, cando non a revisión de expedientes a un e dous anos e mesmo a revogación de axudas resoltas favorablemente no seu día.

A creación da figura do “socio tecnolóxico” e o fomento da colaboración intersectorial é dende logo unha concepción innovadora que favorece as relacións comerciais no mercado interior galego e que podería ser punto de partida para outras medidas de maior alcance (internacionalización ou cooperación internacional). Non obstante, asistimos na práctica a un mecanismo pernicioso que coloca as empresas TIC nunha situación comprometida, case substituíndo o papel das entidades financeiras ao sufragaren desenvolvementos que mesmo poden non chegar a explotar elas mesmas. As porcentaxes de anticipo que recollen as diferentes ordes de axuda e que teoricamente atacan este tipo de situacións acaban quedando en papel mollado, xa que a propia Administración retrasa os seus pagos por motivos de insolvencia.

Tendo en conta estas demoras estamos a falar de auténticos préstamos sen intereses que logo a Administración autonómica xustificará como investimentos TIC ante o Estado e ante Europa, que é de onde sae o orzamento en último termo, ata porcentaxes do 80% das partidas de gasto. Salvando as distancias, o que noutros sectores derivaría en mobilización, no TIC asúmese como práctica, coa desvantaxe para o sector de que se atopa en proceso de vertebración e consolidación, sen ter acadado aínda a súa madurez nin de ter capacidade de resposta como sector.

É dicir, para cando unha seguridade de solvencia económica das Administracións? Cando precisamente se demanda das empresas, non só como condicións para a concesión dunha subvención senón para acceder a proxectos de liderado público, toda unha solvencia técnica e económica con requisitos de facturación e depósitos de avais inasumibles.

E por outra parte, tampouco está a saír dos distintos Gobernos unha vontade de buscar solucións de financiamento específico, ben por parte do crédito público ou privado, para proxectos de desenvolvemento tecnolóxico que, sen ambaxes, van ter maiores posibilidades de xeración de valor engadido.

Especialización e internacionalización


As devanditas liñas de apoio supoñen á súa vez unha penalización, en certa maneira, para aquelas iniciativas empresariais que si fixeron os deberes de especializarse e apostar por tecnoloxías propias e internacionalizables. Aparte da obriga de fomentar os investimentos de interese xeral para a sociedade, ineludibles para as Administracións ao non ofreceren por si mesmos unha rendibilidade económica que atraia as empresas -accesibilidade, educación, sanidade, atención social-, as convocatorias tenden a clasificar e a definir ata o detalle o tipo de proxectos que poden recibir apoio público.

Ata o punto de que o mercado real das TIC diverxe dos intereses da Administración, aínda que se supón que esta trata de apoiar esa actividade económica do sector das novas tecnoloxías. As empresas máis maduras, con maior definición de produto ou maior especialización, as menos no contexto galego, andarán o camiño empezado polos seus propios medios, sen apoio, pero a maioría atenderán ás especificacións da Administración, modificarán obxectivos e truncarán as súas propias oportunidades de creación de mercado.

É certo que ata o de agora non se realizara no ámbito galego un esforzo público para o impulso á sociedade da información tan importante. Aínda así, as políticas de apoio ao tecido empresarial (TIC ou non TIC) para os seus desenvolvementos tecnolóxicos seguen ignorando a realidade do sector TIC galego, formado por empresas de pequeno ou moi pequeno tamaño que apenas empezan a despegar no mercado dos servizos da información.

Un mercado que, lembremos, non ten fronteiras, algo do que se esquecen as sucesivas liñas de orzamento público, máis centradas en determinar, en regular os pasos que debe dar o sector ou as áreas nas que este debe centrarse, e finalmente coartando as súas posibilidades de especialización, mellora competitiva e internacionalización.