As TIC e a lingua galega

Nesta semana na que dende todos os ámbitos se recorda que existe unha lingua propia en Galicia e que, como bo recordatorio ao estilo dos do Nadal, hai que defender e promover, xa non normalizar pois deixou de estar ben visto o termo, non podiamos dende Eganet deixar de facer a nosa propia reivindicación da lingua para as TIC. E xa que por riba as organizacións internacionais da Internet e as novas tecnoloxías decidiron tamén facer seu o noso 17 de maio, tócanos logo proclamar a excelente compatibilidade do galego coas novas tecnoloxías e xustificar a necesidade da nosa lingua non só como ben cultural a conservar, senón como toda unha ferramenta de creación de riqueza económica e emprego, tamén e moi especialmente para as empresas do noso sector.

 

A linguaxe é ferramenta de traballo e fin en si mesmo das novas tecnoloxías, que para iso se chaman da comunicación e da información. O galego tamén soubo adaptarse á nova realidade das TIC, estando presente hoxe en día non só en Internet e en forma de contidos, tamén en aplicacións informáticas e para distintos soportes. Certo que os estudos cuantitativos de emprego do galego en Internet non son alentadores, da mesma maneira que deducimos que a porcentaxe comparativa de emprego de software na nosa lingua, orixinal ou non e respecto doutras, será mínima. No entanto, e a falla dun estudo ou enquisa propia sobre o terreo, intuímos para o uso do galego nas TIC unha evolución cando menos crecente, antítese do tamén crecente e coñecido fenómeno da perda de falantes.

 

Sen pretender, en todo caso, facer avaliación rigorosa da situación que vive o idioma na Galicia virtual, imos simplemente salientar os proveitosos efectos de contar cunha lingua propia e poder espallala na sociedade global que construímos e que nos gusta chamar a sociedade da información.

Cuestión de dereitos e cuestión de economía

É certo que as TIC superan en certa medida as barreiras idiomáticas para construír as súas propias linguaxes, que se algunha lingua pode exercer a dominancia nelas é o inglés e mellor non adentrarse en termos de programación. Pero no uso diario dos cidadáns e na súa relación coas novas tecnoloxías, sempre hai unha lingua de entrada. Dende este noso recuncho do mundo esta porta ábrenola por maioría abrumadora o castelán, da mesma maneira que o fai, e o leva facendo séculos, noutros ámbitos como o da prensa, os negocios, a escola. O vello costume de minusvalorar o propio impide a creación dunha demanda de produtos ou servizos en lingua galega, á que as institucións públicas tampouco recoñecen efecto positivo real e polo tanto apenas se fomenta, ou se fai de cara á galería, case disuasoriamente, á maneira dun encantador de serpes.

Porén non é difícil de ver. Que os distintos dispositivos traian os seus aplicativos en galego non é só un servizo máis ao usuario, non é só unha cuestión de dereitos, é traballo para os desenvolvedores, para os tradutores, para as empresas e persoas que se encargan de localizar software, pero para os que teñan o coñecemento necesario, para o tecido produtivo de Galicia. Que se ofreza información en galego, dende os xornais, dende as empresas na súa atención ao cliente, nos seus rótulos comerciais, non só é mellorar un servizo, cumprir dereitos, é traballo. É traballo e é beneficio para o país, e son palabras nada subestimadas hoxe en día. Que todos os móbiles ofreceran versións en catalán e éuscaro anos antes que en galego é síntoma non xa de baixa autoestima, senón de debilidade económica. Que Microsoft traduza o seu paquete informático previo acordos económicos e contratos millonarios coa Administración pública tamén, e non busquemos localizacións doutros paquetes de software privativo –o que non persegue máis ca obter beneficio económico- caso da marca Apple, ou o propio Google. Inexistentes, non así en catalán. Levemos o caso ao terreo do sofware especializado, nin asomo do galego.

As linguas crean actividade económica. Pérdese a lingua, pérdense oportunidades de negocio, de creación de riqueza, do efecto multiplicador que tanto se reclama na economía. Son os beneficios do efecto diferenciador, no mundo globalizado que vivimos todos buscan diferenciarse, a lingua non é allea a isto, a lingua é a nosa diferenza.

Cuestión de comunicación, cuestión de internacionalización

No ideario colectivo, porén, segue pairando esa concepción da lingua como obstáculo, como barreira entre nós e o resto do mundo. E nada máis lonxe da realidade. Non é só que o saber non ocupe lugar, é que o saber galego abre a porta de todo o territorio da lusofonía, un mercado de máis de 250 millóns de falantes e con eles a sétima economía do mundo, O Brasil. A proximidade lingüística do galego e o portugués é manifesta pero o descoñecemento mutuo tamén. Porque as políticas educativas, cando non menos as culturais, as económicas, ignoran por completo esta realidade, alimentando unha fenda que outros territorios do Estado español, con menor relación lingüística e cultural con Portugal, se esforzan en eliminar, como Estremadura.

É agora que O Brasil esperta como potencia emerxente cando dende Galicia se toma conciencia tímida da súa vantaxe fronte a outras economías europeas nos procesos de internacionalización. O entendemento é maior, a porta está máis aberta para as empresas galegas á hora de crear oportunidades de negocio nas comunidades de fala portuguesa. E non só iso, teñen a oportunidade de facer de ponte, de ser referencia na toma de contacto dos mercados europeos co brasileiro. As TIC galegas tratan de tomar contacto ou establecerse na cidade tecnolóxica de Londres, que pretende ser o Silicon Valley europeo. Coa lingua como bandeira e unha bagaxe forte no mercado luso brasileiro, Galicia tería moito que dicir dende o TECH CITY e ao TECH CITY, podería ser centro e referencia de algo.

O descoñecemento, o menosprezo da lingua, a negación, son aliados para a perda da identidade, do orgullo, da autoestima dun pobo, da súa cultura, pero dende logo sono tamén para o empobrecemento económico, para o atraso. As novas tecnoloxías redebuxan o panorama, crean outras oportunidades de crecemento, a localización xeográfica deixa de ser un hándicap. E a lingua galega ofrece neste novo escenario unha vantaxe competitiva, por que non aproveitala? Que esta vantaxe sexa real dependerá en gran medida do recoñecemento explícito de que o galego, ao fin e ao cabo, é útil.