A prensa e internet: inimigos íntimos

En cousa dun mes naceron dous novos xornais galegos na rede, Praza Pública e Dioivo, alí onde non hai moito se anunciaban regulacións de emprego e peches de publicacións de maior ou menor percorrido. Co custe de infraestrutura mínimo que ofrece Internet, nacen cunha vocación de profesionalidade. O obxectivo, facer xornalismo do bo, ofrecer novos tratamentos informativos e novos temas, máis alá da repetida axenda temática dos medios xeralistas. Máis que rendibilidade económica, buscan a sustentabilidade. O certo é que aínda se anuncian outros proxectos xornalísticos dixitais, e mentres, a prensa tradicional afronta a súa propia batalla pola subsistencia.

Crise económica xeralizada e crise de sector. Os xornais en papel son os primeiros en acusar o descenso de ingresos por publicidade -privada ou pública-, por unha parte, e pola outra, o descenso de vendas por mor do maior acceso á información a través de Internet. Nun primeiro momento, as versións dixitais dos xornais limitáronse a reproducir as novas publicadas en papel, sen retricións de acceso. A escasa penetración das novas tecnoloxías non ameazaba daquela o seu modelo de negocio. Agora si, o uso de Internet xeralízase, pero a información segue sendo cara e ofrecela de balde na rede, se ben populariza as webs dos xornais, tamén dinamita o propio concepto do xornalismo impreso, é dicir, a venda dos periódicos.

A evolución nesta última década das cabeceiras e, en particular, a súa particular relación de amor-odio coas TIC, ten un comportamento paralelo en todo o mundo, o caso galego non é excepción. O dispendio informativo ao que nos acostumaron os principais xornais estatais e galegos axiña bateu coa realidade e dende aquela fomos testigos dos diversos experimentos dos medios para rendibilizar a información online máis alá das achegas publicitarias, caso do xornal El País, que durante un tempo limitaba o acceso á información mediante suscricións de pago online, ou o pago por contidos exclusivos, sistema actualmente empregado por El Mundo.

En xeral os xornais con edición en papel tenden finalmente non tanto a limitar os contidos diarios online respecto aos periódicos impresos, senón a mellorar a presentación das súas versión dixitais, adaptarse á dinámica de Internet integrando as redes sociais e ofrecer ganchos para a suscrición en papel, coa sonora excepción de El Correo Gallego, que eliminou da súa web todos os contidos publicados no papel. Ademais, o actual boom das novas ferramentas e soportes de visualización dixital (tablets e e-readers) que permiten ademais acomodar o formato exacto da versión en papel á pantalla dixital estalle a abrir novas posibilidades de comercialización á prensa tradicional. De novo o tempo e a voráxine das novas tecnoloxías validarán ou non estas fórmulas.

Caso á parte, e batalla perdida, á súa vez, é apostar hoxe en día pola creación de novas cabeceiras en papel, como ben demostraron as breves traxectorias de Público e Xornal de Galicia. Coa paradoxa de que neste último caso foi a publicación en papel a que frustrou a propia viabilidade do xornal dixital orixe do proxecto (Xornal.com), que levaba anos en liña.

A nova prensa

Internet creou o coñecido efecto do “xornalismo cidadán”, calquera pode contar historias na rede, criticar, mobilizar, conmover… As redes sociais son boa mostra. No entanto, seguimos precisando da credibilidade dos medios, dunha información de calidade que por forza se ha de adaptar aos novos tempos. Por iso xorden con forza estas novas iniciativas, que no caso galego non veñen tanto ocupar o lugar das experiencias que fracasaron –Vieiros, A Nosa Terra, Xornal.com– senón que máis ben crean o seu propio espazo partindo de cero.

Os modelos de organización inclúen dende o da fundación pública, que sustenta o Praza Pública, ata o modelo asociativo, ou “unión temporal de xornalistas”, xerme de Dioivo. A proximidade dos temas benefíciaos; o idioma, o galego, non como finalidade, senón como canle, porque é natural, porque o público é galego. Neste punto hai que reivindicar o papel dos medios comarcais que parecen atopar na internet incluso unha contorna máis favorable. Maior accesibilidade e temática local impulsan proxectos como cronica3.com, valminor.info, quepasanacosta.com, entre outras, que por suposto abrirán as portas a novas experiencias baseadas no autoemprego. Ao contrario do que parecía, a rede é boa compañeira da proximidade, do xornalismo local.

O xurdimento dos novos medios, ou a refundación da prensa, que poderíamos dicir, é unha realidade que sempre medrará, onde morra un proxecto nacerán máis con maior ou menor viabilidade. Son as vantaxes que ofrece Internet, público crecente e posibilidades de adaptación sobre a marcha. Radio e televisión non escapan a esta realidade, que tampouco resulta allea para as ensinanzas reguladas; xornalimo dixital, creación de produtos na rede, inclúense de feito nos currículos das facultades de Ciencias da Comunicación, ao tempo que a rede –non só o xornalismo online– ofrece novas oportunidades para a saída laboral dunha profesión, léase ou non a connotación, certamente versátil.