A Administración sen papeis

O obxectivo semella estraño. Ou inalcanzábel. Dacordo co calendario que o Goberno central estableceu en 2010, en tres anos as Administracións públicas deberían ter eliminado o papel dos seus quefaceres. Todos os trámites administrativos deberán estar dixitalizados, a sinatura electrónica incorporada e os rexistros totalmente migrados ao formato dixital. A OCDE vén de realizar un estudo estratéxico no que avalía o desenvolvemento da Administración electrónica en España e, aínda propoñendo recomendacións e unha serie de liñas de actuación, non considera o obxectivo da Administración sen papeis para 2015 en absoluto infactíbel, máis ben ao contrario. No Toxotic botamos o ollo sobre a e-Administración e as recomendacións da OCDE e sacamos as nosas propias conclusións.

Nos últimos anos fíxose un esforzo importante na extensión das tramitacións telemáticas, especialmente dende a entrada en vigor da Lei 11/2007, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos. Chegaba unha década despois de que unha boa parte da sociedade incorporara Internet á súa vida cotiá. O certo é que as novas tecnoloxías da información abrían un novo mundo de posibilidades de comunicación, organización e arquivo, demasiado amplo e cambiante como para que as Administracións o asimilasen e incorporasen á súa xestión, cando menos con seguridade.
Hoxe en día a lexislación establece como oficiais as sedes electrónicas dos organismos, todo cidadán maior de 14 anos dispón de certificado de firma electrónica ou pode conseguilo coa simple renovación do seu documento nacional de identidade, as notificacións electrónicas son unha realidade e as dependencias públicas viron reducir substancialmente as compilacións de expedientes acumuladas ano tras ano. O tránsito ao dixital vai in crescendo, pero nese camiño da teoría á práctica multitude de ocos quedan baleiros: o descoñecemento ou “analfabetismo” dixital, a deficiente cobertura das infraestruturas de telecomunicacións, a ineficiente implantación das tramitacións dixitais, o dubidoso cumprimento dos preceptos da interoperabilidade, accesibilidade e estándares abertos previstos pola devandita Lei de administración electrónica.

Os puntos febles e as recomendacións

A OCDE realiza a súa primeira chamada de atención á disparidade de actuación das distintas Administracións do territorio do Estado e avoga pola harmonización dos obxectivos en todos os niveis de goberno, local, autonómico e estatal. Máis que unha disparidade entre niveis de goberno, a descoordinación case é máis apreciable entre administracións do mesmo nivel, véxanse os servizos en liña ofrecidos polos distintos concellos.
O organismo destaca o esforzo do Estado español para a implantación da Administración electrónica e, en particular, salienta as estratexias desenvoltas nos ámbitos da xustiza e da administración tributaria. España sitúase á cabeza da implantación da e-Administración no seo da Unión Europea, pero en canto a dispoñibilidade, non en canto a uso. O inxente esforzo económico non ten aínda a súa contraprestación en termos económicos, e aí a OCDE efectúa outra recomendación, a simplificación dos trámites e a priorización das canles telemáticas para conseguir o aforro que se pretende.

Non é tanto que non se ofrezan os servizos a través de Internet, é que en gran parte das ocasións é máis sinxelo realizar as xestións polas canles tradicionais, incluso para os usuarios TIC frecuentes. E que aforro lle supón ao usuario un trámite telemático se logo de efectuar todo o proceso por Internet, incluíndo o pagamento de taxas, ten que presentar igualmente, en persoa, os papeis xustificativos –que ademais ten que imprimir pola súa conta-?. Véxase o procedemento de matrícula das escolas de idiomas galegas, que ten a consideración de electrónico.
Incrementar o número de usuarios da e-Administración e estandarización de tecnoloxías polas Administracións son materias tamén pendentes segundo a análise da OCDE. E é que as barreiras que impoñen as Administracións aos usuarios resultan incluso crueis para calquera usuario avanzado. Ou se non a conto de que o proceso de pagamento telemático da Xunta se deseña para ser utilizado nun único explorador de internet compatible cun único sistema operativo, de pago. Sen entrar, xa que logo, en temas de accesibilidade.

Un dos grandes hándicaps do acceso e uso das TIC en España e, particularmente, en Galicia, era o da cobertura de banda larga, que hoxe se considera vencido logo dos últimos planos estatais e autonómicos de extensión das infraestruturas de telecomunicacións ao rural. No entanto, aínda contando cunha renda per cápita inferior á do resto da UE, temos o servizo de telecomunicacións máis caro de Europa. Neste contexto, considerando o obxectivo da Administración sen papeis, mesmo non sería desproporcionado demandar un acceso de balde ás sedes electrónicas dos organismos oficiais.

Pero se cadra a gran materia pendente da e-Administración, como incluso das novas tecnoloxías en xeral, é a da educación. As TIC son un óso duro aínda para unha parte importante da poboación, e aínda que se dedican importantes recursos ás políticas de sensibilización e difusión, existe unha fenda dixital enorme entre grupos de idade e sexo. E por iso semella utópica a Administración sen papeis cando menos na súa relación cos administrados, para os que a e-Administración seguirá non existindo como non se simplifique o seu acceso e uso, como non se doten dun auténtico valor engadido as canles dixitais ou, simplemente, como non se nos explique mellor o novo sistema para relacionármonos cos xestores do noso.