Emprender en TIC

O sector TIC galego mantén emprego e resiste a sacudida da crise. Vimos de coñecer os últimos datos de emprego do sector das novas tecnoloxías que ofrece o observatorio da Xunta para a sociedade da información (OSIMGA), que se refiren ao conxunto do hipersector das novas tecnoloxías e non exclusivamente ás empresas de internet e contidos, pero en xeral son reveladores. As empresas TIC non só seguiron creando emprego, en 2011 houbo máis iniciativas emprendedoras ca o ano anterior. Trataremos neste ToxoTIC de esclarecer a chama que mantén vivo o sector e repasar o escenario que se lles presenta aos que queren abrirse paso nel.

O Osimga realiza esta análise a partir dos datos dos institutos estatísticos de España e Galicia (INE e IGE), que reflicten un incremento anual no número de empresas tecnolóxicas do 7,4% na nosa comunidade. O emprego achegouse aos 16.000 postos de traballo, o que constata a consolidación laboral do sector nos últimos anos e a resistencia da actividade TIC nun contexto económico realmente duro. Pero as cifras non son de estrañar se atendemos a indicadores moito máis simples ca os datos estatísticos como son as constantes iniciativas que se seguen a pór en marcha para o fomento de ideas e novos proxectos e que falan por si mesmas dun sector inquedo e moi activo.

As iniciativas

Unha das máis recentes foi a Startup Weekend Galicia, que este ano tivo lugar a fin de semana do 25 de febreiro e que reproducindo a dinámica do network global Startup Weekend tiña como obxectivo crear en só 54 horas novas aplicacións web ou móbiles que servisen como base para proxectos viables de startups. Ata unha vintena de ideas en dous días non é unha cifra para nada desprezable e, de entre todas, levou o primeiro premio un proxecto de web para a recadación de fondos para ONGs e iniciativas solidarias, Donatelia.

Con periodicidade mensual celébranse as edicións de Iniciador, un evento de “emprendedores para emprendedores” que ten como obxectivo “fomentar e facilitar a emprendizaxe”. En cada Iniciador achégase a perspectiva dun emprendedor TIC con experiencia ademais de se fomentar o intercambio de ideas dos participantes. Iniciador Galicia leva xa case tres anos en marcha desenvolvéndose grazas ao traballo voluntario dos promotores e contou coa colaboración de emprendedores de éxito en Internet de toda a península.

Xenuínas son así mesmo as LaconNetworks, encontros tamén baseados no networking que en venres a finais de mes poñen en contacto os emprendedores TIC de maneira “informal pero estable”. Unha LaconNetwork autodefínese como unha “idea innovadora, de innovación para innovadores itinerante e lúdica”. No mes de xaneiro pasado a LaconNetwork celebrou o seu segundo aniversario cunha completa xornada na que se abordaron especialmente as canles para o emprendemento en TIC e para o financiamento a emprendedores.

Compartir información e colaborar, é máis que posible que o TIC sexa o sector económico con maior capacidade para promover proxectos baixo esta máxima. E precisamente a comunicación entre empresas é unha das vantaxes das que dispoñen as empresas ao integrárense nunha asociación como EGANET, que tamén todos os meses promove encontros informais entre empresas socias que poñen en común proxectos de futuro e problemáticas e dos que saen grupos de traballo en ámbitos de actividade más concretos. A propia EGANET tamén organiza as xornadas “Coñecer e Innovar”, que pretenden seguir mellorando a comunicación, facilitar sinerxías e compartir experiencias en financiamento, internacionalización, comercio electrónico e alianzas estratéxicas.

O capital

Unha das vantaxes de emprender en internet é a redución de custos para a posta en marcha dos proxectos. Pero un proxecto de alcance ou que xa leve certo percorrido precisará de financiamento e, máis alá das facilidades –ou obstáculos– que lle poida dar o seu banco, contamos con escasas referencias de sistemas de financiación que imiten os modelos do capital risco que colleitaron éxito ao outro lado do Atlántico, nomeadamente no Silicon Valley californiano. A maraña burocrática segue sendo dura de roer e o descoñecemento das liñas de apoio evidente.

Como exemplo, o que toca á xestión do fondo tecnolóxico da UE, destinado á promoción da I+D+i empresarial e xestionado polo CDTI (Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial). Sendo rexión prioritaria para recibir axudas deste fondo, Galicia executou ata 2011 o 10% do diñeiro que lle corresponde, cando xa este fondo superou o ecuador da súa vixencia (datos do Plan I2C da Xunta). A inexistencia de proxectos non pode ser, dende logo, causa única do baixo nivel de execución.

Tampouco se conta aínda con liñas de apoio específicas para o emprendemento TIC e, máis alá das axudas xerais do IGAPE para emprendedores, hai que mencionar as axudas que tamén xestiona o CDTI para apoiar a creación e consolidación de empresas de base tecnolóxica, baixo a etiqueta de Iniciativa NEOTEC. A condición, que sexan iniciativas totalmente novas (que non comezaran antes de se rexistrar a solicitude de axuda), que desenvolvan tecnoloxía propia e destinen á I+D máis do 15% dos gastos de funcionamento da empresa. Estas axudas estrutúranse en dúas fases, unha de creación (ata 2 anos) e outra de consolidación de empresa (de 2 a 6 anos).

Tamén destinados a empresas tecnolóxicas de curta idade, o CDTI e o FEI (Fondo Europeo de Investimentos) constituíron dous fondos de capital risco mediante os que achegan capital a fondos en constitución ou coinvisten noutros fondos xa operativos e na maior parte dos casos especializados no sector TIC.

Máis cercana é a iniciativa que desenvolve a plataforma tecnolóxica VINDEIRA, a Vindeira Capital Network, que reune investidores, analistas e emprendedores e cuxo obxectivo último é conseguir por en marcha unha estrutura de capital risco estable para o sector TIC de Galicia. As empresas presentadas que pasan a fase de selección acceden a formación especializada en captación de financiamento, previa ao encontro que reúne emprendedores e investidores.

Dende logo, non se dá un escenario que permita clarificar ou ordenar de maneira meridiana as oportunidades que se abren ao emprendemento no sector das novas tecnoloxías, pero o que si se dá dende o sector é a vontade de crealo, de prestar apoio dende as propias iniciativas xa existentes e de facilitarlles o camiño aos que inician esa ardua tarefa que é poñer en marcha un proxecto dende cero que, cando menos, atoparán un ambiente favorable e oportunidades abondas para a toma de contacto cos seus conxéneres, que pouco antes andaron ese mesmo camiño.