Un 39,2% das empresas galegas emprega o comercio electrónico e un 4,2% emite facturas electrónicas

As empresas españolas melloran a súa confianza na tecnoloxía, con estabilización ou crecementos moderados no uso das tecnoloxías máis consolidadas (o 86,7% das empresas dispoñen de Internet), e con maior impulso nas máis recentes (o 21,1% das empresas que se conectan a Internet utilizan a banda larga móbil). Así o reflicte o informe "As tecnoloxías da Información e as Comunicacións na Empresa Española, 2009", elaborado pola Asociación de Empresas de Electrónica, Tecnoloxías da Información e Telecomunicacións de España (AETIC), a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información (SETSI) e a empresa consultora Everis e avaliado polo Observatorio Galego da Sociedade da Información (OGSI).

Fonte:

 

 

O estudo salienta que a percepción que teñen as empresas respecto do custo que ten a tecnoloxía como barreira para implantar solucións TIC nos seus negocios non sufriu unha variación significativa; aínda que cabería sinalar que varios indicadores retardan o seu crecemento ou diminúen lixeiramente: envellecemento do parque microinformático, aumento da porcentaxe de empresas que invisten nos rangos de volume de investimento menores, lixeira diminución no uso da telefonía móbil, tendencia a reducir o investimento en formación do persoal TIC e alleo ás TIC da empresa, entre outros indicadores, reflicten a situación actual.

Análise da Sociedade da Información e as Comunicacións na empresa española
A penetración do ordenador para o desenvolvemento de actividades profesionais en microempresas e empresas de 1 ou máis empregados é do 90,6%. Profundando na análise territorial, destaca o maior uso do ordenador nas empresas da Rexión de Murcia (93,5%), País Vasco (92,5%) e Comunidade de Madrid (91,2%). Pola contra, as Comunidades autónomas que menor penetración obtiveron segundo os datos obtidos foron Andalucía (89,1%), Galicia e Valencia (ambas as dúas co 89,6%). No que se refire ao nivel de interconexión dos ordenadores, obsérvase que todas as Comunidades Autónomas agás Galicia (69,4%) e a Comunidade Valenciana (67,6%) atópanse por riba da media estatal (70,5%)

En canto á voz IP (uso de Internet para comunicarse mediante voz en formato dixital), o estudo reflicte un lixeiro descenso xa que só o 9,2% das empresas españolas úsano na actualidade, concentrándose a súa utilización nas compañías medianas (50-250 empregados) e grandes (250 ou máis empregados), co 19% e o 30,3% respectivamente.

O uso da telefonía móbil é homoxéneo entre as Comunidades autónomas, con ausencia de notables diferenzas entre unhas e outras. A Rexión de Murcia destaca por ter máis empresas que dispoñen de telefonía móbil (86,1%), seguido de Galicia (82,6%) e a Comunidade de Madrid (81,7%). No lado oposto sitúanse Cataluña e Andalucía (o 77% e o 80,8% respectivamente). A Comunidade autónoma con maior porcentaxe de empregados con ordenador é Madrid (72,3% de empregados), seguida a gran distancia de Cataluña (57,9%) e Andalucía (54,8%). A media galega (41,3%) sitúase a 15,8 puntos porcentuais da media estatal (57,1%)

O informe destaca o incremento en 6,8 puntos dos sistemas de xestión informatizados (Datawarehouse) que utilizan o 34,8% das empresas, seguido dos sistemas de relacións co cliente (CRM), cun 19,2 % de utilización e os sistemas de planificación e xestión dos recursos (ERP) cun 18,3%.

Estabilízase o uso de Internet nas empresas
O informe sinala que un 86,7% das empresas dispoñen de Internet. Existe un alto grao de implantación da conexión a Internet por Comunidades autónomas. Todas elas presentan valores superiores ao 80%, destacando a Rexión de Murcia e o País Vasco (o 89,7% e o 89,5% respectivamente). No extremo oposto sitúanse Andalucía (84,7%) e a Comunidade Valenciana (85,7%). A media galega (87,2%) supera lixeiramente a media que rexistra o conxunto do Estado (86,7%).

Entre as empresas que non dispoñen de acceso pero si posúen ordenadores, un 62,9% sinala que non necesita Internet para a súa actividade. O segundo motivo, a grande distancia, é a percepción dun custo do servizo demasiado elevado (10,3%).

O estudo tamén sinala que o ADSL é o tipo de conexión maioritario a Internet, co 92,9% das conexións a empresas, mentres que o 21,1% das empresas que se conectan a Internet, fano mediante banda larga móbil.

Por outra banda, a realización de operacións bancarias (51,4%) e a procura de información necesaria para o traballo (53,2%), son as accións máis frecuentes que se realizan por Internet. Ademais, as empresas enquisadas indican que a rapidez (79,8%) e a comodidade (40,1%) son as principais vantaxes que ten o uso da Rede mentres que o obstáculo máis destacado a un maior uso de Internet, é a pouca adaptación e capacitación do persoal (29,9%).

Un 47,6% das empresas posúen web corporativa, unha cifra similar á do ano anterior (47,1%). Desde unha perspectiva territorial, as Comunidades autónomas que maiores cifras de posesión de web corporativa posúen son Madrid (53,3%), Cataluña (51,1%) e País Vasco (50,3%). No lado oposto atópanse Galicia (44,7%) e Murcia (45%).

O 97,2% de las empresas con conexión a Internet afirman dispoñer de programas antivirus. As copias de seguridade ou “backup” de datos (90,1%) é outro sistema amplamente xeneralizado. As devesas ou “firewall” acadan un alto grao de implantación (81%). En Galicia, un 96% das empresas dispoñen de antivirus, un 90,2% de backup” de datos e un 76,8% de devesas ou “firewall”.

Respecto ao uso de Internet como medio publicitario, o estudo mostra que o 19,2% das compañías españolas inclínanse por esta opción, sobre todo en guías electrónicas (35,6%) ou en portais específicos do seu sector de actividade (35,5%). A nivel territorial, as empresas de Madrid obteñen a maior porcentaxe de contratación de publicidade por Internet conun 22%, 6,2 puntos porcentuais por ribade la media (19,2%). Séguenlle, tamén superando a media, Cataluña (20,3%) e Galicia (19,6%).

Mantense o crecemento do comercio electrónico
O estudo dedica un capítulo ao uso do comercio electrónico, que cun crecemento constante sitúase nunha taxa do 42,3% do total das empresas españolas. Os produtos ou servizos que máis compañías compran por Internet son as materias primas ou actividades propias da empresa (50,1%), o que supón un incremento de 7 puntos respecto ao ano anterior, aínda que tamén son frecuentes as compras de material de informática (26,8%) e de oficina (29,3%). Os clientes aos que se dirixen as empresas que venden en liña son maioritariamente particulares (76%) e empresas privadas (62,9%).

As empresas destacan como vantaxes para o uso do comercio electrónico, tanto para a venda como para a compra a axilidade das xestións. En canto ás barreiras, descende en 8 puntos a inseguridade que perciben as empresas respecto dos datos de 2008.

Respecto das Comunidades autónomas analizadas, cabe destacar que Madrid, País Vasco e Cataluña obteñen as maiores porcentaxes de penetración do comercio electrónico (o 46,8%, o 45,6% e o 44,1%, respectivamente). No lado oposto sitúanse a Rexión de Murcia (36%) e Galicia (39,2%) de empresas que realizan e-commerce.

Medra o número de empresas con sinatura electrónica
Medra a penetración da sinatura electrónica en 2,5 puntos respecto ao 2008, até alcanzar o 37,6% do total das empresas españolas sendo a realización de trámites coas Administracións públicas e o pago dos impostos os principais usos entre as empresas. Destaca a penetración do 58% nas empresas medianas (50-249 empregados) de 2009 fronte ao 56% do ano anterior.

A factura electrónica, utilizada polo 6,9% do total do tecido empresarial, é aínda minoritaria, aínda que o dato positivo é que un 22,2% das compañías sinalan que a incorporarán a medio ou curto prazo. Entre aquelas que a emiten, o 73,9% prefiren facelo de maneira autónoma, mentres que un 15,1% opta por que esta actividade sexa xestionada por unha entidade financeira. Entre as compañías que realizan facturación electrónica, o 56,5% delas manifesta ter unha facturación electrónica inferior ao 25% do total, destacando como motivo para a súa falta de implementación a falta de solicitude dos clientes.

Valencia é a Comunidade autónoma con maior penetración na emisión de facturas electrónicas, cunha cifra do 9,2%, seguida pola Comunidade de Madrid (8,1%). En cambio, os niveis máis baixos de emisión da e-factura atópanse en Galicia e a Rexión de Murcia (o 4,2% o 5,2% respectivamente). Respecto da previsión de futuro, as empresas de Andalucía (25,4%) e Murcia (24,7%) e Galicia (24,6%) manifestan unha maior intención de incorporar a factura electrónica nos próximos dous ou tres anos.

Un 27,6% das empresas reciben facturas electrónicas por parte dos seus provedores. P Á cabeza do ránking autonómico marchan as empresas do País Vasco (33,2%), 5,6 puntos porcentuais por riba da media (27,6%). Séguenlle Cataluña e Murcia (cun 31,3% e un 31,2% respectivamente). As comunidades autónomas analizadas nas que menor penetración ten a aceptación de facturas electrónicas son Andalucía e Valencia (co 24,2% e o 25,6% respectivamente). A media de Galicia (26,7%) sitúase lixeiramente por baixo da media estatal.

Sector TIC nas Administracións Públicas
O informe inclúe tamén un capítulo no que se analizan as webs das Administracións públicas, en número de páxinas visitadas e en valoración das mesmas. A análise reflicte que a web da Axencia Estatal de Administración Tributaria é a máis consultada cun 43,4% seguida, en moito menor grao polas webs de concellos e ministerios. No tocante á calidade das mesmas pódese destacar a calidade das webs da Administración fronte ás da empresa privada, xa que se incrementa en 2,7 puntos a valoración respecto ao ano anterior.

Analizando o tipo de financiamento en investimento TIC, obsérvase que todas as Comunidades autónomas recorren, principalmente, á autofinanciación. Non se mostran diferenzas significativas; con todo, cabe destacar que o País Vasco e Galicia encabezan o autofinanciamento (o 84,1% e o 83,7%).

Penetración das TIC nos profesionais autónomos
Tras análizar 800 entrevistas que representan un universo de máis de 1.200.000 de profesionais autónomos, hai que destacar que a penetración do uso de ordenadores neste colectivo acada o 53,2% e a do móbil de empresa, o 56,8%.

Respecto ao uso de Internet, o 47,7% deles dispoñen de acceso e o tipo de conexión é maioritariamente por ADSL (92,2%), seguida pola telefonía móbil (8,6%).

O informe reflicte que os profesionais autónomos utilizan internet para buscar información para a súa actividade nun 63,1% e nun 58,3% para a comunicación con clientes e provedores.

Os motivos para non facer un maior uso das TIC son a desconfianza ou o descoñecemento da tecnoloxía (34,2%) e non dispor da formación adecuada (31,6%). Cabe destacar a preocupación pola seguridade dos seus equipos e a pouca utilización de Internet como medio para publicitarse, apenas un 7,7% dos autónomos españois realizan publicidade na Rede.

O 21,4% dos profesionais autónomos utilizan o comercio electrónico: o 20,8% fai compras en Internet e só o 2,4% utilízao para a venda. A comodidade e axilidade para a compra son as vantaxes sinaladas para a realización de compras electrónicas e a inseguridade (64,9%) e a pouca adecuación ás súas esixencias (29,2%) son os principais freos ao uso do comercio electrónico.

O nivel de uso da sinatura electrónica nos profesionais autónomos é destacable, xa que aínda que é utilizada polo 19,5% do total, isto equivale a 4 de cada 10 autónomos con Internet (40,8%). Ademais, este colectivo fai un uso da sinatura dixital adicional ao de empresas ao interactuar en boa medida cos colexios profesionais (por detrás da Administración pública e para o pagamento de impostos, nisto coincidente coas empresas).

O estudo non ofrece datos relativos aos profesionais autónomos desagregados por Comunidades autónomas.

Nota metodolóxica
Para a elaboración deste estudo, que ten como obxectivo analizar a situación actual das TIC e as comunicacións na contorna empresarial española como panca de modernización, competitividade e innovación, leváronse a cabo preto de 5.000 entrevistas en empresas. A mostra para Galicia foi de 410 empresas.