O TIC galego contribúe co 2,19% ao PIB do país

O sector empresarial das TIC, contribúe co 2,19% ao PIB de Galicia e o valor engadido bruto xa supera os 1.280 millóns de euros. Estes datos extráense do estudo realizado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica,  que vén de publicar unha edición actualizada do Sistema de Indicadores da Sociedade da Información de Galicia.


Evolución dos principais indicadores

Pese á evolución positiva que está a experimentar a penetración das TIC entre a cidadanía, a media en Galicia, condicionada por factores estruturais, segue a rexistrar valores inferiores en varios indicadores relativos á Sociedade da Información. Non obstante esta situación invírtese nos tramos de idade máis novos e nos usos da Rede por parte dos internautas galegos. Galicia mantén ademais unha posición destacada no uso da administración electrónica salientando unha importante vantaxe na dispoñibilidade de DNI electrónico.

O sector das Tecnoloxías da Información e da Comunicación está a converterse nunha das áreas produtivas máis prometedoras para o desenvolvemento económico e social de Galicia, pola súa condición de acelerador do cambio tecnolóxico e polo seu carácter transversal ao resto de sectores. O número de empresas galegas do sector TIC no ano 2009 situábase en 1.542 empresas. Estes datos sitúan a Galicia como a sexta Comunidade Autónoma con maior número de empresas do sector TIC e confirma que o sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación está a converterse nunha das áreas produtivas chaves no desenvolvemento económico e social de Galicia. O nivel de emprego no sector TIC situouse no ano 2009 nos 16.327 traballadores/as, o que representa o 1,59% da poboación ocupada galega. A evolución da ocupación neste sector mostra un continuo crecemento nos últimos anos. A vitalidade e as potencialidades deste segmento empresarial tamén se reflicten claramente na súa contribución á economía galega. O sector empresarial das TIC contribúe co 2,19% ao PIB de Galicia e o valor engadido bruto (VEB) xa supera os 1.280 millóns de euros. En termos de crecemento, o VEB correspondente ás actividades do sector TIC experimentou un crecemento do 8,7% en Galicia entre 2007 e 2008.

O OSIMGA salienta o incremento experimentado pola formación TIC nas empresas galegas de 10 e máis empregados/as, así como na recepción de facturas electrónicas e no uso de sistemas operativos de código aberto. Non obstante, a media estatal segue a rexistrar valores superiores en varios indicadores relativos á penetración das TIC no tecido empresarial e, de novo, son as microempresas as que presentan maiores dificultades para incorporarse á sociedade da información.

Fronte ás debilidades estruturais antes apuntadas (envellecemento e dispersión poboacional, dificultade orográfica, baixo nivel de renda familiar, atomización empresarial...) o OSIMGA identifica algúns elementos de fortaleza na sociedade da información galega, como son os elevados niveis de equipamento e uso no hábitat urbano, así como entre a poboación máis nova, a alta penetración da rede de cable no noso territorio, o maior uso da administración electrónica por parte da cidadanía galega, así como a capacidade do sector TIC para xerar emprego.

Un novo modelo de observación
Co principal obxectivo de avaliar o estado actual e a evolución da Sociedade da Información e a administración electrónica en Galicia e caracterizar o noso posicionamento, o OSIMGA elaborou o proxecto técnico para esta operación estatística, no marco del III Plan Galego de Estatística 2007- 2011.

O Sistema de Indicadores da Sociedade da Información de Galicia composto por 39 indicadores é unha ferramenta fundamental para formular estratexias e políticas de desenvolvemento da Sociedade da Información, favorecer a inclusión social e efectuar o seguimento e a avaliación do impacto das novas tecnoloxías na evolución socio-económica. Este novo modelo de observación persegue, ademais, a comparabilidade da situación de Galicia co seu contorno, ofrecendo información harmonizada e achegando información de valor a través da análise dos diferentes ritmos de evolución.


O punto de partida para establecer o modelo conceptual deste sistema de indicadores son os traballos levados a cabo polo Working Party on Indicators for the Information Society (WPIIS) da OCDE e documentados na Guide to Measuring the Information Society. O OSIMGA, estableceu unha estrutura de indicadores baseada en dous grandes grupos: Indicadores de oferta TIC e Indicadores de demanda TIC, que permiten monitorizar a evolución da Sociedade da Información nos seguintes ámbitos: poboación, empresas, sector TIC e administración electrónica.

Tomando como referencia as recomendacións establecidas no código de boas prácticas das Estatísticas Europeas, os indicadores da Sociedade da Información de Galicia son seleccionados de acordo cos seguintes criterios: relevancia e pertinencia para o coñecemento da situación da Sociedade da Información en Galicia, precisión e fiabilidade das fontes de información, de xeito, que os datos estean dispoñibles en fontes oficiais ou noutros organismos, institucións, asociacións, etc.,cuxo prestixio estea recoñecido publicamente; actualización regular conforme á súa periodicidade; accesíbeis e de inxela interpretación.

 

Fonte: www.osimga.org