Mar Pereira resalta en Madrid o papel das TIC como eixe vertebrador da sociedade galega

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, aproveitou a súa participación no foro Novas estratexias das Administracións nos servizos públicos en tempos de crise, organizado por Oesía e Expansión, para resaltar o papel das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) como eixe vertebrador da sociedade galega. Nesta liña, Pereira destacou a aposta do Goberno galego coa creación da propia Secretaría Xeral de Modernización que, en dependencia directa coa presidencia da Xunta, constitúe unha ferramenta de alto nivel estratéxico neste ámbito.

Fonte: Xunta de Galicia

Así, durante a súa intervención no foro, no que participaron os responsables neste sector doutras oito comunidades autónomas –Andalucía, Aragón, Asturias, Castela-A Mancha, Castela e León, Cataluña, Murcia e País Vasco-, Pereira resaltou os diferentes plans de actuación iniciados pola Xunta nos últimos meses, entre os que xoga un papel fundamental a aposta polo e-Goberno, tamén coñecido como Administración electrónica.

“A modernización administrativa das nosas institucións levarase a cabo a través e importantes proxectos transversais que requirirán importantes esforzos das nosas organizacións, que terán que adaptarse a un novo xeito de facer as cousas ligado a un uso intensivo das novas tecnoloxías”, explicou. E proseguiu: “O desenvolvemento da e-administración pivotará sobre os seguintes eixes de actuación: a simplificación administrativa, os procedementos electrónicos e a xanela única electrónica”.

Ademais, Pereira quixo lembrar, tamén, os beneficios que terá esta aposta pola modernización no conxunto da sociedade galega. “A propia modernización das Administracións Públicas, o impulso á innovación do sector e o efecto na creación de emprego e de postos de traballo” son algunha destas vantaxes.

Coordinación entre as empresas e a Administración Pública
Por outra banda, os asistentes ao foro abordaron tamén a necesidade de que sexan as propias administracións públicas as que desempeñen o papel directivo e de xestión nos distintos ámbitos da sociedade da información. Unha tarefa, iso si, na que deberán contar coa colaboración das empresas do sector, quedando a toma de decisión en mans da administración.