Aprobado o Plan de Acción para a Igualdade entre Mulleres e Homes na Sociedade da Información

O Consello de Ministros aprobou o Plan de Acción para a Igualdade entre mulleres e homes na Sociedade da Información, a proposta dos Ministerios de Igualdade, de Industria, Comercio e Turismo, e de Educación. Vixente até 2011, este Plan ten como obxectivo fundamental incidir directamente na participación máis equilibrada de mulleres e homes na Sociedade da Información.

Fonte: www.la-moncloa.es

O Plan de Acción conta cun orzamento total de 8.712.000 euros, dos que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo achegará seis millóns; o de Igualdade, 1.968.000 euros, e o de Educación, 744.000 euros. A execución, seguimento e avaliación do mesmo será responsabilidade do Ministerio de Igualdade, que anualmente valorará a idoneidade e cumprimento do Plan.

Obxectivos e accións
Os obxectivos do Plan pasan, entre outros, por aumentar o acceso das mulleres á Sociedade da Información e o seu protagonismo nos sectores das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC), desenvolver contidos que promovan a igualdade de xénero, e promover o emprego e o espírito empresarial feminino mediante o uso habitual de Internet e dos servizos da Sociedade da Información.

Os devanditos obxectivos materializaranse en accións como campañas de aprendizaxe dixital adaptadas a mulleres afastadas dos usos do TIC; reforzo da oferta formativa a colectivos femininos en situación de vulnerabilidade; apoio financeiro ao desenvolvemento de espazos web que visibilicen as achegas das mulleres en todos os campos do coñecemento e ao desenvolvemento de software libre de estereotipos de xénero que sensibilice e promova valores de igualdade, así como mellora da situación laboral das mulleres ocupadas nos sectores TIC. Igualmente, porase en marcha un observatorio permanente de estudo e avaliación sobre a presenza, usos, necesidades e demandas de homes e mulleres na Sociedade da Información.

Este Plan de Acción responde ao establecido no artigo 28 da Lei Orgánica para a igualdade efectiva de mulleres e homes. dedicado en exclusiva á Sociedade da Información, onde se establece, entre outras cuestións, que o Goberno promoverá "a plena incorporación das mulleres na Sociedade da Información" e "os contidos creados por mulleres no ámbito da Sociedade da Información".

A iniciativa enmárcase ademais nas actuacións do Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades (2008-2011), onde se recolle que "é esencial alcanzar a paridade de xénero a calquera nivel da actividade científica e tecnolóxica, desde a educación e a investigación, ás academias e os comités de bolsas, nas empresas fabricantes, no deseño dos produtos, a elaboración de software e xogos ou a creación de contidos en Internet".

Fenda dixital de xénero
Os indicadores evidencian importantes brechas de xénero relacionadas coa participación das mulleres nos espazos de innovación e tecnoloxía, xa sexa como líderes, creadoras ou usuarias, e tanto no acceso á as Tecnoloxías da Información e da Comunicación como en canto ás habilidades informáticas e navegadoras. Así, as mulleres europeas atópanse ao redor de dez puntos por baixo da media masculina en acceso a Internet.

As mulleres matriculadas no curso 2006-2007 en informática sitúanse en porcentaxes entre o 10 e o 20 por 100, dependendo das especialidades, e en Enxeñaría de Telecomunicacións, en torno ao 25 por 100.