A semana das TIC en Galicia: Máis de 500 profesionais de toda Europa participarán na 49ª edición do Congreso FITCE

Todo está preparado para acoller, entre o 1 e o 4 de setembro, a máis de 500 profesionais das telecomunicacións procedentes de toda Europa. Santiago de Compostela será a capital do sector TIC europeo.

Durante estes días o Hostal dos Reis Católicos de Compostela será a sede de celebración da 49ª edición do Congreso FITCE, simposio europeo das TIC onde profesionais das telecomunicacións das novas tecnoloxías da comunicación e da sociedade da información se darán cita nun encontro que, este ano, dedicará a súa temática central a “O Camiño de Santiago e as Telecomunicacións Europeas”.

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia (COETG-AETG) son os encargados de desenvolver este encontro que conta cun programa científico que se desenvolverá no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia. Este programa está composto de 11 presentacións orais, 4 sesións de posters e 2 mesas redondas que analizarán o campo dos servizos e aplicacións TIC, afondando nesta nova etapa da era tecnolóxica e nas aplicacións avanzadas que van permitir acceder a infraestruturas intelixentes.

Por outra banda, o día 3 de setembro, celebrarase a XV Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información na que se darán a coñecer as estratexias públicas para o desenvolvemento do sector ao tempo que se lle entregarán os premios anuais a profesionais e a empresas destacadas das TIC.

Fonte: Galicia Hoxe, Código Cero