A edición electrónica incrementouse nun 48,2% en España durante o ano 2009

O Grupo de Traballo sobre o Libro Electrónico, dependente do Observatorio da Lectura e o Libro adscrito ao Ministerio de Cultura, acaba de publicar un informe sobre o libro electrónico que analiza a súa realidade actual e as posibilidades que ofrece desde diferentes puntos de vista.

Fonte:


O informe, que leva por título El libro electrónico, fai unha análise detallada da situación actual deste e extrae interesantes conclusións sobre a súa realidade e as posibilidades futuras, tendo en conta a perspectiva de todos os actores implicados: o ámbito creativo (autores/as e tradutores/as), o sector editorial, os distribuidores, as librerías e outros expertos do sector público. Ademais, trata outros aspectos de interese relacionados co libro electrónico como o contexto xurídico, as bibliotecas dixitais, a lectura dixital e as políticas da Administración Xeral do Estado en relación con este tema.

Como punto de partida, cómpre destacar o espectacular avance da edición electrónica durante o pasado ano 2009, que se incrementou nun 48,2%, o que representa o 11,4% do total da produción editorial española. Aínda así, o informe conclúe que a entrada do sector do libro na edición dixital se está a producir con cautela en España, aínda que, segundo as previsións, ao longo deste ano e do próximo esta situación vai cambiar e producirase un avance importante. Dous factores inflúen decisivamente nesta lenta introdución: a necesidade de readaptar o actual marco legal aos novos requirimentos do contorno dixital e a ausencia dun modelo de negocio definido.

O ámbito creativo
Os autores e as autoras sinalan a necesidade de adaptar os contratos de edición literaria ao contorno dixital e solicitan que se establezan pautas uniformes de uso das obras dixitais. Aínda que esta nova forma de edición non parece alterar a forma de escribir, si que contribúe a fortalecer a relación cos lectores e lectoras, principalmente a través dos blogs.

A edición electrónica, por outra banda, está a reforzar o papel do tradutor/a, particularmente no caso da dixitalización de fondos preexistentes, xa que a explotación dixital para moitas editoriais terá que pasar pola súa cesión.

O sector editorial
Para este sector a innovación tecnolóxica facilita, e tamén condiciona, o negocio arredor do libro electrónico. Preocupa especialmente o papel de empresas ata o momento alleas ao mundo editorial debido á ausencia dun marco legal adaptado á nova realidade, á indefinición do modelo de negocio e á atomización do sector.

Unha enquisa posta en marcha en decembro de 2009 e promovida pola Federación de Gremios de Editores de España e a Fundación Germán Sánchez Ruipérez con información de 254 editoriais achega conclusións interesantes sobre a dixitalización do sector.

Sobre a definición do proxecto editorial, o 80 % das editoriais enquisadas teno xa definido. En canto ao fondo dixitalizado, o 56 % ten polo menos un 5 % do seu catálogo en formato dixital e o 6 % a totalidade deste. A previsión para 2010 é que esta oferta se amplíe e, sobre todo, en 2011, ano en que se prevé que o 32 % das editoriais teñan máis da metade do seu catálogo dixitalizado.

No que se refire á oferta dixital das novidades, a finais de 2009 o 47 % das editoriais comercializaba menos do 5 % das súas novidades neste formato. A oferta exclusiva en formato dixital é unha práctica pouco estendida. As estimacións para 2010 e 2011 prevén a comercialización dun número maior de títulos só concibidos para o soporte dixital.

As obras enriquecidas con recursos multimedia ofrecéronas en 2009 a cuarta parte das editoriais. Por outra banda, as previsións apuntan a que a comercialización de obras fragmentadas aumentará nos vindeiros dous anos.

Se na actualidade os libros electrónicos están pensados maioritariamente para a súa lectura no ordenador, nos próximos anos, segundo os prognósticos, os dispositivos de lectura específicos irán gañando terreo.

En canto á comercialización, as editoriais apostan maioritariamente polo emprego simultáneo de diversas canles, aínda que a tendencia é a ir relegando o uso de plataformas comerciais xenéricas en favor da venda directa a través da web da propia editorial. Acerca da política de prezos, actualmente o 48 % das editoriais sinala un prezo do libro electrónico inferior ao do libro impreso.

As librerías e os distribuidores

Os establecementos libreiros defenden o seu papel como canle natural e experta na venda de libros, polo que se considera que deberán ser centros de información sobre este tema. Non obstante, mostran dúbidas acerca das liñas de negocio que poden desenvolverse arredor dos dispositivos electrónicos de lectura e dos contidos dixitais. Segundo unha enquisa coordinada pola Librería Proteo, o 40 % das librerías españolas participantes vende soportes e libros electrónicos.

Tamén o colectivo de distribuidores reclama o seu lugar na edición dixital como plataforma independente necesaria. Propoñen desenvolver repositorios de contidos dixitais a través da creación dos Distribuidores de Activos Dixitais, sociedades especializadas por temas e por tipos de cliente.

As bibliotecas dixitais

As bibliotecas dixitais posibilitan o acceso a unha gran cantidade de información e a xeración de grandes proxectos de dixitalización. Cómpre destacar iniciativas como Europeana, Hispana, OAlster ou o proxecto de Google. Tamén se puxeron en marcha outros proxectos como ENCLAVE Editores-BNE co obxectivo de definir e desenvolver modelos de integración de contidos suxeitos a dereitos de autor en bibliotecas dixitais baixo un contorno legal.

A lectura dixital
As investigacións apuntan importantes diferenzas nos procesos de lectura e nas actividades que tradicionalmente estiveron vinculadas ao libro en papel. En canto á función do libro electrónico no contexto escolar, se ben os estudos conclúen que pode ser moi enriquecedor, tamén suscita dúbidas respecto á calidade da aprendizaxe. Por este motivo, cómpre investigar máis a fondo os seus efectos.

As políticas da Administración Xeral do Estado
Desde esta Administración estanse a poñer en marcha iniciativas de apoio á dixitalización e comercialización do libro electrónico, algunhas delas no marco do Plan Avanza. O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio convoca anualmente subvencións para o desenvolvemento deste tipo de proxectos. Pola súa banda, o Ministerio de Cultura tamén convoca axudas para a modernización e adaptación das industrias culturais. Por último, o Foro Internacional de Contidos Dixitais fai a súa propia convocatoria.

Os editores galegos fronte ao libro electrónico

A Asociación Galega de Editores (AGE) acaba de anunciar que se vai desenvolver unha plataforma de contidos para o libro dixital en Galicia. Entre os proxectos presentados, o do Clúster galego das TIC inclúe dous portais diferenciados: un para o libro xeneralista e outro para o libro electrónico de materiais educativos. Neste segundo campo é no que quere avanzar a AGE de cara á posta en marcha da Escola 2.0 do Plan Abalar da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Así mesmo, a plataforma tecnolóxica tamén prevé a inclusión de tendas en liña para editoriais e librerías, e ferramentas de redes sociais e de formación. Ademais permite o almacenamento de todos os contidos e o control destes polas persoas usuarias da plataforma.

As Universidades de Vigo e da Coruña tamén fixeron as súas propostas de colaboración no proxecto, así como as empresas Grammata, Imaxin Software e Netex Knowledge Factory.