Faite Socio. descubre as vantaxes de ser socio Imaxe corporativa. Manual de uso e material corporativo

ER-INNOVA

A cooperación entre tres organizacións galegas e unha portuguesa permite a posta en marcha de ER-INNOVA, un proxecto europeo de innovación que vén de iniciarse co obxectivo de mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas do sector das enerxías renovables da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal a través das Tecnologías da Información e das Comunicacións (TIC).

A Asociación de Empresas Galegas adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET) é socia neste proxecto que, baixo o lema “A enerxía das TIC”, se materializará nun programa piloto de implantación de ferramentas tecnolóxicas nun cento de pemes, coa intención de estenderse a continuación a todo o sector das renovables e incluso ser obxecto de transferencia a outros ámbitos de actividade, coas adaptacións necesarias.

Os restantes socios que integran o proxecto son o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, a través da súa Oficina de Programas Internacionais de I+D+i (OPIDi), e NET Novas Empresas e Tecnologias, S.A.-Business and Innovation Centre do Porto (NET-BIC Porto). 

A iniciativa está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea e desenvólvese ao amparo do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013. O seu marco temporal é bianual (2009-2010) e conta cunha financiación total de 931.693,68 €, dos que o 75% procede dos FEDER.

O proxecto enmárcase no interese da Eurorrexión de realizar unha importante contribución ao obxectivo que a Unión Europea formulou na súa Directiva de 2009 de ‘Fomento do uso de enerxía procedente de fontes renovables’: que en 2020 o 20% do consumo enerxético de toda a UE proceda de fontes renovables. 

Resposta a necesidades reais
A primeira fase do proxecto, que xa está en marcha, consiste en realizar o traballo de campo necesario para identificar as debilidades e catalogar as necesidades reais e específicas das pemes enerxéticas da Eurorrexión.

A análise realizada sobre a realidade económica da Eurorrexión para deseñar o proxecto reflicte que esta caracterízase por un perfil innovador feble, o que significa un lento aumento das taxas de emprego e, en consecuencia, unha inadecuación dos perfís laborais á chamada economía do coñecemento que á súa vez se traduce nunha menor competitividade do espazo rexional.

A partir desta análie conclúese que é necesario reforzar o tecido empresarial da Eurorregión a través de iniciativas que fomenten a modernización das empresas e o establecemento de estruturas colaborativas entre todos os axentes involucrados na realización de proxectos de I+D+i.

Por outro lado, constatouse que un dos sectores con maior potencial para a xeración de valor engadido a medio prazo é o das enerxías renovables, que presenta unhas perspectivas alentadoras en base a unha maior concienciación social sobre o respecto ao medio, a necesidade de controlar e diminuír as emisións de dióxido de carbono (CO2) á atmosfera, o encarecemento dos combustibles de orixe fósil e o marco de apoio institucional existente a través das políticas europeas, estatais e rexionais.

Porén, aínda albiscando un futuro prometedor para o sector das enerxías renovables, é necesario promover actuacións que reforcen a competitividade das iniciativas empresariais que xorden en torno a el. No caso da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal isto deberá facerse centrando os esforzos na cooperación transfronteriza e o impulso das actividades de I+D.

Por outra parte, o reducido tamaño da gran maioría das empresas do sector das enerxías renovables na Eurorrexión colócaas nunha situación vulnerable que dificulta a súa capacidade para competir. Dotalas das ferramentas necesarias para mellorar a súa xestión, modernizar os seus procesos e promover proxectos en colaboración con outras pemes é fundamental para lograr un tecido empresarial forte e con acceso a todas as oportunidades de financiación pública.

Neste sentido, considerouse que as Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) son a arma máis efectiva ao servizo das empresas para potenciar a súa competitividade.