Recoñecemento internacional para o atlas histolóxico virtual do grupo Neurolam da Universidade de Vigo

Manuel Megías, Pilar Molist e Manuel Angel Pombal son os integrantes do grupo de investigación Neurolam, da Área de Bioloxía Celular da Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo, encargados de elaborar un atlas histolóxico virtual, que vén de acadar en 2009 un importante recoñecemento internacional, case dous anos despois da súa creación.

Fonte: Universidade de Vigo

 

O pasado ano resultou ser especialmente relevante para este proxecto, ao ser premiado en varios congresos, salientando o I Encontro Virtual de Educación e Investigación en Ciencias Morfolóxicas que tivo lugar en Córdoba (Arxentina), no que acadou o primeiro premio á mellor comunicación no apartado de docencia. A iniciativa do grupo de investigación vigués tamén foi galardoada no XV Congreso Internacional da Sociedade Española de Histoloxía e Enxeñaría Tisular celebrado en Albacete, onde lle foi outorgado o premio Editorial Panamericana á mellor comunicación docente.

 

Pero o éxito deste atlas tamén se ve reflectido na gran cantidade de visitas que recibe a páxina web (547.724 usuarios) procedentes de 99 países diferentes, destacando México, que encabeza a lista, seguido de Colombia e España, lugares onde este proxecto despunta como ferramenta didáctica. Sen embargo, os seus autores pretenden chegar máis aló e estender o seu proxecto ao resto do mundo, adaptándoo á lingua inglesa e á galega. “Un dos nosos obxectivos é o de traducir o atlas ao inglés e ao galego para así poder achegar os seus contidos a outras rexións de fala inglesa e por suposto, a Galicia” afirma Pombal.

Atlas en continuo crecemento
Dende o seu nacemento no 2007, o atlas histolóxico non deixou de ampliarse con novos contidos que melloran a súa funcionalidade. O proxecto caracterízase pola súa sinxeleza á hora de navegar a través da páxina e pola facilidade de acceso aos diferentes temas e seccións que a compoñen, entre as que se atopa un apartado dedicado ao estudo da célula (correspondente á área de Citoloxía), seguido de visitas guiadas polos tecidos animais e vexetais, así coma os órganos vexetais. No atlas tamén se inclúe unha sección sobre técnicas histolóxicas, onde os usuarios poden aprender os procesos de obtención, fixación, inclusión, corte, tinción e observación das mostras procedentes de diversos tecidos. Na actualidade, os impulsores do proxecto están a traballar en novos temas para completar o atlas, como a Organografía Vexetal, recentemente integrada, e a Organografía Animal. Nun futuro próximo tamén estarán dispoñibles os capítulos de Histopatoloxía e Organografía Comparada.

Proxecto concibido para Boloña cunha filosofía de libre acceso
A iniciativa xurdiu da posta en común dos contidos da materia Citoloxía e Histoloxía Animal e Vexetal, impartida polos tres integrantes do grupo de investigación, para adaptar a súa metodoloxía ao EEES e ofrecer aos estudantes de Bioloxía un material o máis completo posible a través dunha ferramenta tamén dispoñible fóra das aulas. “Con este atlas promóvese e facilítase a aprendizaxe autónoma do alumnado, tal e como sinala o Plan Boloña” argumenta Pilar Molist. O proxecto resulta especialmente útil para o estudo da Citoloxía e da Histoloxía tanto animal coma vexetal, coa que os estudantes poden asimilar paso a paso e detalladamente a materia grazas á combinación teórico práctica que presentan os contidos do atlas, no que se mesturan os textos con imaxes orixinais e de alta calidade sobre mostras representativas dos diferentes casos de estudo, procedentes na súa maioría dos propios laboratorios da Universidade. Ademais, o alumnado tamén ten acceso a cuestionarios cos que pode autoavaliar os coñecementos adquiridos. Segundo Molist “os estudantes empregan o atlas como un libro de texto co que poden interactuar”.

Ao tratarse dunha ferramenta virtual e aberta, calquera usuario interesado na materia pode facer uso dela. “A filosofía do noso proxecto é o libre uso, posto que está baixo a licenza Creative Commons” afirma Megías. O proxecto está aberto á colaboración de usuarios e institucións interesadas en participar na súa elaboración coa achega de novos contidos ou suxestións, co fin de ampliar e mellorar a súa utilidade como ferramenta didáctica.