O Morrazo será 2.0. o día 9 de xuño co Festival MexilOnseTuits

O Auditorio do Centro Social do Mar de Bueu dará acubillo o vindeiro 9 de xuño ao Festival MexilOnseTuits, unha iniciativa que nace das inquedanzas de varias entidades comarcais e que terá o obxectivo de unir os medios sociais e as TIC co rico patrimonio (artístico, gastronómico, cultural, natural) desta comarca galega. Esta xuntanza terá como eixo central uns premios que pretenden pór en valor os mellores traballos feitos en Galicia no eido do márketing en Social Media nas categorías de Mellor axencia 2011, Mellor blog, Mellor campaña en canles sociais, Mellor campaña Low Cost, Mellor integración online/offline e Mellor vídeo viral, ás que se engade unha mención especial a proxectos do territorio estatal.

A estes galardóns poderán presentarase, ata o día 25 de maio, tanto persoas como empresas sempre que sexan naturais de Galicia, no primeiro caso, ou que teñan sede social no noso territorio, no segundo. Cada participante poderá presentar un máximo de tres traballos que se desenvolveran durante o 2011. Un xurado formado por profesionais dos medios sociais valorará en base a criterios como a creatividade e a innovación, os resultados cuantitativos, as sinerxías e comentarios sobre os produtos, etc.

Pero os premios non son o único que veremos neste MexilOnseTuits. Será tamén unha oportunidade para argallar contactos entre persoas e empresas, compartir ideas e establecer sinerxías cara a futuras colaboracións. Ademais, e salientando esa faceta de valorización do patrimonio, está prevista unha comida degustación de produtos do Morrazo, aderazada con diversas actividades culturais e musicais.

Polo de agora, a organización aínda está traballando para pechar o programa definitivo e os patrocinios do evento, para o que privilexian ás empresas locais. Polo de agora, xa se sumaron ao equipo de "mecenas" deste encontro a plataforma Vive o Morrazo , FECIMO  e as Bodegas Albamar.

Para o público asistente, o prezo é de 15€ ata o 15 de maio e 30€ desa data en adiante. As persoas interesadas poden mercar xa a súa entrada enviando un mail a mexilonsetuits@gmail.com ou ben a través do formulario de contacto da web do Festival. As entradas dan dereito a asistir a todas as actividades, incluíndo a comida degustación, que se celebrará despois da entrega de premios.

Dando exemplo, o MexilOnseTuits ten, ademais da web oficial, unha páxina en Facebook e un usuario de Twitter, plataformas nas que se vai dando conta da evolución do evento.