O 80% das editoras realiza ou ten previstas accións no eido dixital

O Observatorio Galego da Sociedade de Información publica as principais conclusións da 1ª vaga da enquisa sobre o libro dixital realizada pola Federación de Gremios de Editores de España. O devandito estudo, realizado en colaboración coa Fundación Germán Sánchez Ruipérez, analiza o impacto da dixitalización no catálogo, nas canles de distribución e de venda e na política de prezos.

Fonte:

 

A enquisa foi realizada a petición dos editores, que manifestaron o seu interese por dispor de referencias sobre como se están abordando os distintos procesos (dixitalización, modelos de explotación e comercialización) e recabou datos, de maneira monográfica, sobre os proxectos dixitais que se están a poñer en marcha no sector editorial.

O estudo centrouse nas accións postas en marcha polas editoras no peche do ano 2009 e do previsto para 2010 e 2011, ao redor de seis temas: existencia ou non dun proxecto dixital; impacto da dixitalización no catálogo; formatos e dispositivos de lectura; canles de distribución e venda; política de prezos; impacto nos recursos internos.

O proxecto dixital nas editoras
O 80% das 254 editoras enquisadas declara realizar ou ter previstas accións no ámbito dixital durante o período 2009-2011. Entre elas están representados todos os grandes grupos editoriais, editoriais especializadas en narrativa e ensaio, editoriais do libro científico-técnico, editoriais xurídicas, editoras universitarias, editoras de libro de texto.

A finais de 2009, case a metade das editoras (o 44%) dispuña de menos dun 5% do seu catálogo dixitalizado. Nos dous próximos anos o adianto será notábel, aínda que ao peche deste período a oferta de catálogos completos en versión dixital será limitada. En 2011, un terzo das editoras enquisadas terá dixitalizado entre un 50% e un 100% do seu catálogo, aínda que apenas o 12% disporá do catálogo íntegro en versión dixital.

Impacto na novidade

O impacto da dixitalización non é maior nas novidades editoriais ca no resto do catálogo. É dicir, a tendencia xeral de dixitalización do catálogo reflíctese, en porcentaxes semellantes, nas novidades.

Comercialización de obra fragmentada
A tendencia a comercializar obra fragmentada (por exemplo, en capítulos) será progresivamente maior ao longo dos dous próximos anos. En 2010, o 40% das editoras contempla esta opción nos seus planos comerciais e, en 2011, farao máis da metade das editoras enquisadas.

Os formatos
O formato PDF é o predominante (o 80% das editoras preparará as súas obras dixitais en PDF en 2010), mais o formato que terá un crecemento maior será o ePUB (pasará de ser empregado por un 24% das editoras en 2009 a un 60% en 2011); Mobipocket será empregado por un terzo das editoras enquisadas; e Mobipocket para Kindle por algo máis do 10% (esta porcentaxe mantense practicamente estábel en 2010 e en 2011).

As canles de distribución e venda
As editoras empregarán simultaneamente distintas canles de distribución e venda para o libro dixital, mais as escollas varían en función do tamaño da editora. Globalmente, nas previsións das editoriais consultadas, as tres canles que terán un maior incremento respecto de 2009 son a venda directa desde a web da editorial, a venda por medio de librarías e a creación de plataformas conxuntas.

Política de prezos
Os prezos da obra dixital son e prevese que sexan inferiores aos da obra impresa. Apenas un 8% das editoras manterá o mesmo prezo en ambos os dous soportes durante os anos 2010 e 2011. O prezo será un 30% inferior para un terzo das editoras enquisadas (o 35%) e uns 50% máis baratos para un 24% máis delas. Esta tendencia mantense durante 2010 e 2011.