Tesla Technologies lanza unha web en homenaxe a Nikola Tesla, inventor da corrente alterna

A empresa compostelá Tesla Technologies, especializada en deseño web e programación e unha das máis recentes incorporacións a Eganet, ven de lanzar a páxina web www.teslatechnologies.net, coa que pretenden homenaxear á figura de Nikola Tesla, quen da nome á súa firma, e recuperar o legado científico e tecnolóxico dun dos máis importantes -e esquecidos- inventores do século XX.

Recollida en    Código Cero

Segundo os creadores, o obxectivo desta iniciativa é converter este portal nun punto de referencia sobre a vida e inventos do serbio-americano, baixo un formato aberto e participativo, o que permitirá formar unha comunidade de persoas interesadas na biografía de Tesla que lle darán vida á web e axudarán a ampliar os contidos da mesma coas súas achegas.

A web está desenvolvida en HTML5, tentando aproveitar todas as posibilidades de deseño e interactividade que permite esta linguaxe, complementándoo cun uso intensivo de CSS3 e Canvas, o que permite a compatibilidade da web con todo tipo de dispositivos móbiles. Pese a esta aposta polo HTML5, Tesla Technologies desenvolveu tamén unha versión Flash moi coidada, para non deixar fóra aos usuarios cuxos navegadores non soporten o formato orixinal.

Aínda que, polo de agora, a páxina ten dúas seccións (unha adicada á biografía do inventor e outra aos seus inventos e experimentos), os promotores agardan que tanto os contidos como os elementos interactivos da web medren grazas ás achegas desa comunidade de "fans" do inventor. Porén, o contido que xa está dispoñible da boa conta do traballo de Tesla, ao que debemos descubrimentos e trebellos tan cruciais como a corrente alterna, o deseño da primeira pranta hidroeléctrica, a bobina de Tesla ou as lámpada fluorescentes.

Para os navegantes máis inquedos, tamén é posible explorar distintos datos curiosos e anécdotas da biografía do serbio-americano: a azarosa relación e posterior rivalidade con Thomas Edison, proxectos pouco coñecidos, anécdotas da súa vida nos Estados Unidos, etc.

Para a creación desta páxina, o persoal de Tesla Technologies contou coa colaboración de Esgalla Creacións para as ilustracións e o deseño, tanto na versión HTML5 como na Flash, así como coas achegas de Manuel Fonte no audio da versión Flash e de Estefanía Caneda nos textos.