Tesla Technologies falará sobre HTML5 na ETSE da USC

Esteban Vázquez e Antonio Varela, socios fundadores de Tesla Technologies, continúan coa súa labor divulgativa e de formación sobre HTML5, da que xa puidemos disfrutar en Eganet grazas ao obradoiro do pasado mes de febreiro. Nesta ocasión, estes dous titulados superiores en Enxeñaría Informática trasládanse ao que fora o seu centro de estudos, a Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da USC, onde impartirán unha charla sobre a nova versión desta linguaxe de programación.

Un proxecto de colaboración que para eles é especialmente ilusionante e que naceu da súa iniciativa e das boas relacións que manteñen cos seus antigos profesores. Con esta acción formativa esperan "dar a coñecer as novas posibilidades e salientar que dende Galicia podemos facer cousas distintas, facendo ver aos nosos antigos compañeiros que con moita ilusion e traballo podese facer calquera cousa".

A charla consistirá nun repaso pola historia da evolución dos estándares web dende os seus inicios ata a última actualización que veu da man do estándar HTML5 e das súas características, que simplifican o traballo de desenvolvemento web.

Os poñentes comentarán as principais novidades que aporta esta linguaxe en eidos como a orientación semántica, as características multimedia, de xeolocalización, almacenamento persistente de datos en local e o Canvas, unha das achegas máis destacadas do HTML5, que permite a xeración de gráficos estáticos e dinámicos e animacións. Precisamente esta ferramenta foi utilizada en varios dos traballos desenvolvidos por Vázquez e Varela. Tal como nos comentan, este evento estará a medio camiño entre unha charla informativa e un obradoiro, xa que farán un repaso xeral tanto das ferramentas como do que se pode facer con elas.

A organización corre a cargo dun equipo de docentes do Departamento de Electrónica e Computación, e terá lugar o vindeiro xoves 19 de abril, entre as 12:00 e as 14:00 no Salón de Actos da ETSE. Vai dirixido a estudantes do Máster en Tecnoloxías da Información (MTIN) e dos cursos 3º e 4º do Grao en Enxeñaría Informática (GrEI), con prioridade aos módulos de Enxeñaría Web. A charla é gratuita, mais as prazas son limitadas (170) e adxudicaránse por orde de inscrición. A asistencia formalizaráse a través do envío dun e-mail co nome, DNI, titulación e curso da persoa interesada á dirección aula.profesional@usc.es

Dependendo do éxito desta convocatoria, quedaría aberta á posibilidade de organizar un obradoiro máis práctico e profundo para o vindeiro cadrimestre.