Redegal promove unha xornada de análise sobre GoogleApps e Cloud Computing

A empresa ourensana Redegal, unha das socias de Eganet que recentemente ampliaba o seu marco de acción coa apertura dunha oficina en Vigo, vén de impulsar a xornada "A visión de Google sobre o Cloud Computing", que se celebrará o vindeiro 8 de maio a partir das 17:00h no Círculo de Empresarios de Vigo. Esta sesión informativa está organizada polo Foro da Sociedade da Información do devantido organismo coa colaboración de NovaGalicia Banco.

Recollida en Redegal l Globedia l Código Cero

 

Redegal é unha das firmas autorizadas por Google para a venta dos seus produtos e, polo tanto, achegará unha visión práctica e especializada grazas ao seu coñecemento das diversas ferramentas que o xigante de Mountain View ofrece para a comunicación e a colaboración a través da súa plataforma GoogleApps.

Subir os nosos negocios á nube é un dos puntos fundamentais cara ao futuro, e cada vez son máis as opcións que temos ao noso alcance para este fin. Porén, existe tamén moito descoñecemento respecto a cal é a máis adecuada, a máis segura, a máis práctica... A xornada do 8 de maio será unha boa oportunidade para coñecer de primeira man as achegas de Google neste campo, adoptadas xa por máis de catro millóns de empresas en todo o mundo, que conseguiron así mellorar o traballo en equipo, a comunicación interna, a seguridade dos datos e, por suposto, a optimización de recursos e a redución de costes, o que afecta directamente á súa produtividade e competitividade.

Esta xornada está dirixida a emprendedores, empresarios ou responsables de IT que teñan interese en coñecer o potencial destas tecnoloxías e os distintos xeitos de implementación nos diversos tipos de negocio. As prazas son limitadas, polo que hai que inscribirse a través do formulario web da páxina do Círculo de Empresarios de Vigo. O prazo para formalizála remata o día 7 de maio.

O equipo de relatores para esta xuntanza estará formado por Luis Alvarez Sestelo, coordinador do Foro da Sociedade da Información do Círculo de Empresarios de Galicia, e Antonio Alonso, director comercial de Google para España, Italia y Portugal.

Atoparedes información máis polo miúdo na web do Círculo de Empresarios de Vigo. O programa en pdf está dispoñible para a súa consulta neste enlace.