Mércores, 01 de Febreiro de 2012 13:09

A empresa de solucións tecnolóxicas Redegal, socia de Eganet, ven de darlle un pulo ao seu labor coa apertura dunha nova oficina na cidade de Vigo. A apertura desta nova sede quere ser un paso estratéxico que responde ao obxectivo de buscar novas sinerxias coas empresas establecidas nesta cidade, afianzar as relacións xa creadas e atopar novos nichos de mercado para darlle maior saída aos seus servizos tecnolóxicos, que hoxe están orientados ao desenvolvemento de solucións de e-commerce e aplicacións para móbiles, ademais dos servizos de consultoría e software a medida que Redegal viña fornecendo tradicionalmente.
Ata o de agora, Redegal desenvolvía a súa actividade na provincia de Ourense, entre o polígono de San Cibrán das Viñas e a oficina no casco urbano. Dende alí, mantiñan unha carteira de clientes tanto galegos como do resto do estado, sobre todo en Madrid e Barcelona. Coa súa presenza en Vigo, unha cidade cun amplo e variado tecido empresarial, a empresa pretende ampliar o mercado local, ademais de tentar atopar novas oportunidades no mercado internacional.
Co gallo da apertura desta nova sede, situada na rúa Conde de Torrecedeira 34, Redegal aproveitou para ampliar persoal. Así, José Manuel Barros será Responsable de Desenvolvemento de Negocio, María Lafuente incorporarase ao departamento de Proxectos e, na Área Técnica, contarán con Arturo P. Capel.
Segundo explica Jorge Vázquez, CEO de Redegal, “temos o know-how e mantemos ao noso equipo en constante formación para abrir un mercado, o das aplicacións, no que da día demándanse máis e mellores servizos".
Dende Eganet, desexámoslle sorte a Redegal nesta nova etapa.